jueves, 8 de mayo de 2008
Día das Letras
Xosé María Álvarez Blázquez nace en Tui o 4 de febreiro de 1915. É o terceiro dos seis fillos varóns que tiveron Darío Álvarez Limeses e María Blázquez Ballester. A súa infancia e adolescencia transcorren en Tui até 1931, cando se traslada a Pontevedra estudar Maxisterio. Publica entón os seus primeiros poemas en xornais e revistas.
En 1935 entra a traballar de mestre na Guarda. Meses despois vai destinado a Vigo, onde ingresa no Partido Galeguista. O inicio da guerra leva a vida do seu pai, parte activa da resistencia antifranquista en Tui, que é fusilado o 30 de outubro de 1936. Xosé María debe marchar desterrado a Coreses (Zamora).
Logo de cinco anos regresa a Galicia e vive coa familia en Vigo. Alí compaxina diversos traballos coa literatura, a investigación e a arqueoloxía. En 1945, a súa novela En el pueblo hay caras nuevas queda finalista do primeiro Premio Nadal. Un ano despois casa con María Luísa Cáccamo Frieben, con quen terá a María Luísa -coñecida como Colorín-, Xosé María, Alfonso, Helena, Celso e Berta.
No ano 48 abre a libraría Monterrey, precedente da editorial do mesmo nome e da súa sucesora, a Editorial Castrelos. En Monterrey publicará tres dos seus libros de poesía. A súa mellor obra lírica, Canle segredo, non será publicada en Galicia até 1976.
En 1964 ingresa na Real Academia Galega. Dous anos despois nacen en Castrelos as coleccións populares "O Moucho" e "Pombal", contribucións decisivas ao espallamento da nosa obra clásica. Nos anos sucesivos mantén a súa actividade cultural como escritor, investigador, articulista, orador e arqueólogo. Será nomeado Cronista Oficial de Vigo e xefe do Departamento de Historia do Museo de Castrelos.
Unha doenza cardíaca afástao da súa actividade incansábel. Xa retirado da docencia e despois de dous anos de padecemento, Xosé María Álvarez Blázquez morre en Vigo o 2 de marzo de 1985
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario