miércoles, 18 de junio de 2008

O BNG PREGUNTA AO GOBERNO


O BNG PREGUNTA AO GOBERNO QUE PROPOSTAS VAI LEVAR ANTE A UE PARA MELLORAR A SITUACIÓN DO SECTOR PESQUEIRO

Davila e Lobeira reuníronse coa Plataforma do Sector Pesqueiro ao que lle trasladaron as iniciativas parlamentares realizadas como a rexistrada hoxe sobre as medidas a adoptar na UE

Santiago, 17 Xuño 08. A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, rexistrou hoxe unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa na que pregunta ao Goberno que propostas vai levar ante a UE para mellorar a situación do sector da pesca e se está disposto a negociar alí algunhas das medidas que propón o sector.

Olaia Fernández Davila e Bieito Lobeira mantiveron esta tarde unha xunta coa Plataforma do Sector Pesqueiro en Santiago á que lle trasladaron as iniciativas parlamentares realizadas polo BNG tanto no Congreso como no Parlamento galego, e tomaron nota doutras demandas dos pescadores.

Incrementar as axudas de minimis, asinar novos acordos de pesca, medidas polos combustíbeis, máis controis nos portos comunitarios

Na iniciativa parlamentar presentada este mediodía no Congreso, a deputada do BNG inquire ao Executivo sobre as liñas de actuación que vai levar a cabo en Europa, en concreto quer saber se comprenden medidas para reducir o impacto negativo dos altos custes dos combustíbeis, a sinatura de novos acordos de pesca, maiores controis sobre as importacións ilegais de peixe, posta en marcha de certificados de orixe, intensificación de controis e análises hixiénico-sanitarios dos produtos pesqueiros de terceiros paises, ou o incremento das axudas de minimis.

A Ministra mañá en Venecia

Davila lembrou que a Ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Medio Mariño “anunciou unha iniciativa conxunta entre o Estado español, Franza, Italia e Portugal en beneficio do sector pesqueiro pero non avanzou en que consistiría”. Mañá mesmo están convocados os Ministros de Pesca dos paises citados en Venecia para traballar nunha proposta común.

“É evidente que a UE ten unha grande responsabilidade ademáis de moitas competencias para adoptar medidas, dictar normas e mecanismos de actuación que garantan o futuro en aras a salvar do desguace a moitos pesqueiros”, subliñou a deputada nacionalista.

Por iso, recalsou, “sería un grande acerto que a Comisión Europea promovese a sinatura de novos acordos pesqueiros, retomando as negociacións interrumpidas con algúns paises, ou procedendo á renovación dos acordos que se atopan en vigor”. Insistiu na necesidade de que a UE aumente os controis das importacións de pesca ilegais, “así como a posta en funcionamento dos certificados de orixe e as listas brancas no seno das organizacións rexionais de pesca (ORP)”. Ademáis, o Goberno español debería demandar á UE unha intensificación dos controis hixiénico-sanitarios dos produtos pesqueiros de terceiros paises de modo que se cumpran as mesmas normas e medidas que se aplican á frota comunitaria”.

Tamén solicita ao Estado español que inicie as negociacións correspondentes na comisión Europea para lograr un incremento do nivel das axudas de minimis ao sector pesqueiro. Sobre todo que se trate de axudas por buque e non por empresa.

No hay comentarios: