sábado, 7 de junio de 2008

O AVE QUE ME LEVA POLA BEIRA DO MIÑO





MAGDALENA ÁLVAREZ NON CONCRETA E RESPOSTA A JORQUERA QUE “ESPERAMOS REMATAR O EIXO ATLÁNTICO NESTA LEXISLATURA” E ADMITE PROBLEMAS NO ACCESO A VIGO E NO RÍO ULLA

Jorquera pediu datas concretas do remate das obras do AVE, máis a Ministra amosouse esquiva. Do AVE de conexión coa Meseta recoñeceu que “ten o estado máis atrasado” e dixo que “traballarán” no horizonte do 2012

Madrid, 5 Xuño 08. A Ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, deu unha resposta esquiva e nada concreta na súa comparecencia no Congreso á pregunta do portavoz do BNG, Francisco Jorquera, sobre a data de remate da conexión do AVE galego coa Meseta e o Eixo Atlántico. Respeito ao Eixo Atlántico, Álvarez afirmou que “esperamos telo rematado nesta lexislatura” e recoñeceu que existen problemas “no acceso a Vigo e no río Ulla”. Engadiu que “ten que estar rematado nesta lexislatura” salvo problemas.

En canto ao AVE de conexión coa Meseta, a Ministra de Fomento unicamente transcribiu que o compromiso era “en torno a 5 ou 6 anos, no horizonte do 2012” pero sen entrar a pronunciarse. Recoñeceu que o Lubián-Ourense e Zamora-Lubián “é o que ten un estado máis atrasado pero o estamos impulsando”. Dixo que se traballará nese horizonte “e pretendemos que sexa así”. Sinalou que o Santiago-Ourense “está avanzadísimo”.
Jorquera reprochou á Ministra a falla de concreción e lembrou que o compromiso do 2013 co Eixo é “na súa totalidade non só de Coruña a Vigo”. Pediulle vontade política para pór enriba da mesa todos os recursos posíbeis enfatizando que existen “dúas Españas ferroviarias”.

O BNG formula os interrogantes sobre o AVE galego

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, dirixíase á titular de Fomento para pórlle enriba de mesa unha serie de interrogantes concernientes en primeiro lugar aos prazos de remate da conexión do AVE galego coa Meseta e con Portugal, ademáis da finalización do Eixo Atlántico ferroviario.

Neste sentido, o parlamentar nacionalista aludiu á inconcreción da Ministra na súa exposición inicial en canto aos prazos temporais, unha inconcreción que tamén está presente na mesma revista do Ministerio citada por Jorquera. “A revista do seu Ministerio peca de inconcreción respeito ao horizonte temporal das obras do AVE que conectan a Galiza coa Meseta e con Portugal. Inconcreción da que vosté tamén foi partícipe na súa intervención”. De aí que pedira á Ministra que concretara os prazos para rematar as obras do tren de alta velocidade galego.

Lembrou a Magdalena Álvarez que “durante a campaña o PSOE, e incluso o Presidente do Goberno, reiterou o compromiso de que a conexión do AVE coa Meseta estaría rematada no 2012 e o Eixo Atlántico no 2013”. Nesta liña, o deputado do BNG advertiu á Ministra que “unha cousa é un retraso de seis meses ou dun ano, e outro é que as obras comprometidas no 2012 e 2013 fiquen diluidas na próxima década”.

Por iso, formulou á Ministra de Fomento preguntas moi claras: cumpriránse os prazos para rematar as obras do AVE de conexión coa Meseta e o Eixo Atlántico? As obras de Zamora-Lubián e Lubián-Ourense, vanse iniciar o vindeiro ano 2009? Porque, recalcou, a maioría atópanse en fase de redación de proxectos.

Tamén inqueriu a Magdalena Álvarez sobre se o Eixo Atlántico entre Ferrol e Tui vai estar listo no 2013?. “Vai executar as partidas orzamentarias deste ano 2008 no que atinxe ao tramo entre A Coruña e Ferrol? Vanse iniciar as obras da saída sur de Vigo conexión con fronteira portuguesa no ano 2009?”.

No hay comentarios: