jueves, 12 de junio de 2008

COMUNICADO

DE QUE FALAMOS CANDO FALAMOS DO TRASLADO DE ENCE?


A polémica que se reabreu ultimamente sobre o traslado de Ence está a provocar un debate absolutamente desenfocado e estéril. A este debate pouco serio ten contribuido incluso o mesmo conselleiro de Medio Ambiente, que pasou de afirmar que a papeleira non se podía instalar nas Pontes a dicir todo o contrario dous anos despois. Con declaracións como as de Pachi Vázquez está claro que non se aborda o problema. A un conselleiro do goberno galego hai que esixirlle outra seriedade. E se este responsábel político non ten as ideas claras, o mellor que pode facer é non contribuir ao confusionismo e á confrontación entre localidades.

Creo que hai un amplo consenso na sociedade galega sobre a necesidade de que Ence ten que desaparecer da Ría de Pontevedra e sobre a necesidade de crear un novo complexo industrial que peche o ciclo da madeira no noso país, que sexa de tecnoloxía punta e que teña unha localización adecuada desde a perspectiva medioambiental. O BNG, desde logo, traballa desde hai anos, social e institucionalmente, para que se peche a actual factoría de Ence e para que se impulse un novo proxecto industrial que complete o ciclo produtivo e que contemple o máximo respecto ao territorio e ao patrimonio natural. Nese sentido é de xustiza recoñecer o pulso que o alcalde nacionalista de Pontevedra lle botou a todos os sectores económicos, políticos, mediáticos e sociais que se resisten a sacar Ence da Ría de Pontevedra.

Se hai vontade de abordar este problema con sensatez e rigor, con serenidade e prudencia, non se debe falar, xa que logo, do traslado da actual factoría de Pontevedra a outra parte da xeografía galega, porque cando menos o BNG e o goberno galego non están a falar do mesmo proxecto, senón dun modelo industrial radicalmente diferente na súa tecnoloxía, na súa produción e nos seus beneficios. Se estivéramos a falar dun mero traslado de Ence, dun simple cambio de ubicación no mapa de Galiza, o BNG pronunciaríase cun non rotundo, fora cal fora a súa nova ubicación. Non ten ningún sentido sacar o problema dun punto do noso país para poñelo noutro. Para unha forza como o BNG, que ten visión de país, visión de conxunto, é evidente que a solución non pode consistir en desplazar o problema dun concello para outro, senón en impulsar outro tipo de industria. E lamentabelmente neste debate hai moita xente que pensa que do único que se está a falar é do traslado da celulosa de Pontevedra a outro punto da nosa xeografía, cando en realidade do que se trata é da creación dun novo complexo industrial. Cómpre, pois, que todos teñamos claro que falamos de proxectos industriais moi diferentes. Por iso é absolutamente desafortunado que todo este debate esteña centrado exclusivamente na ubicación, cando do primeiro que hai que falar é da necesidade ou non deste proxecto industrial para a economía do país, e despois da tecnoloxía dese proxecto e, finalmente, da ubicación máis adecuada, tendo en conta, ademais, que para que este novo modelo industrial se materialice fai falla que haxa un grupo empresarial que o cree e que o proxecto cumpra a lexislación vixente.

Nun momento no que aínda non hai ningún proxecto presentado formalmente á administración, no que nin sequera todo o mundo ve a necesidade desta nova industria e no que socialmente hai un descoñecemento total sobre cómo sería a súa tecnoloxía, é absurdo que só se fale da súa hipotética ubicación. Que é o que se vai ubicar? Coñecemos xa o proxecto concreto? Que grupo empresarial o impulsa? Que características técnicas ten? A día de hoxe non hai oficialmente nin proxecto concreto nin proposta de ubicación, nin na Coruña nin en Ferrol, nin nas Pontes nin noutra localidade. O que si hai é unha industria contaminante en Lourizán que ten concesión administrativa até o 2018 e unha decisión firme do goberno galego, por impulso da parte nacionalista da Xunta, de buscar unha solución definitiva que sexa satisfactoria para a economía do país e que teña o menor custe ambiental posíbel. Precisamente o que o PP non fixo en toda a longa época de Fraga.

É necesario, pois, reconducir esta polémica. Cómpre centrar o debate en se o país precisa ou non precisa ese proxecto industrial. Esa é a primeira cuestión que deberíamos abordar, desde unha perspectiva da realidade forestal de Galiza, da economía galega e da creación de postos de traballo. Desde o BNG si pensamos que o país necesita esa industria transformadora que complete o ciclo da madeira. É unha demanda histórica do nacionalismo galego. A continuación sería lóxico ter preocupación polos aspectos tecnolóxicos do que pode ser unha industria moderna de elaboración de papel. E aí hai que ser moi esixentes desde a sociedade e desde o goberno. A nosa riqueza natural non pode sofrir máis agresións. E logo xa veremos nas próximas semanas se se consolida un proxecto concreto e se hai grupo empresarial que o financie. E despois si, despois correspóndelle á administración autorizar ou non a nova industria dacordo coa lexislación urbanística e medioambiental. Cando menos así vemos nós este debate, con estas fases. Ao que non queremos nin imos contribuir desde o BNG é á confrontación entre localidades e entre os cidadáns por un proxecto industrializador que de momento nin coñecemos nin ten ubicación concreta.
MANUEL LÓPEZ FOXO*

No hay comentarios: