OFICINA MUNICIPAL NACIONAL
MOCIÓN SOBRE A DIRECTIVA DO TEMPO DE TRABALLO NA UNIÓN EUROPEA
A presente moción envíase para ser presentada no Rexistro de Entrada do Concello, con independencia do seu tratamento polo Pleno da Corporación Municipal e facéndoo público a través dos medios de comunicación a nível comarcal.
Exposición de Motivos
O pasado 9 de xuño en Luxemburgo, os ministros e ministras de Traballo dos 27 Estados da Unión Europea aprobaron, por maioría cualificada, a proposta de modificación da Directiva Europea sobre Tempo de Traballo.
Entre as modificacións previstas está a de incrementar a xornada laboral semanal, superando as 48 horas actuais, que poderá chegar até as 60 horas semanais e, no caso dos traballos con gardas, até as 65 horas. Estas xornadas poderán facerse en cálculo trimestral, co cal as horas semanais aínda poderán ser máis, xa que o único requisito para este incremento de xornada é un acordo individual entre a empresa e o traballador ou a traballadora.
Esta proposta do Consello de ministros e ministras de Traballo da UE chega logo de catro anos de debates e seis intentos frustrados, e racha con toda unha traxectoria, moi anterior á creación da UE, de redución das xornadas laborais.
Claro que tamén debemos destacar o apoio decidido do PSOE a esta modificación, co significativo abandono no transcurso da reunión onde se acordou do ministro español de Traballo, e a abstención na votación da delegación do Goberno español, que resulta aínda máis grave.
A loita pola minoración da xornada é unha constante da historia do movemento obreiro. A finais do século XVIII e comezos do XIX, os traballadores e traballadoras facían xornadas de até 16 horas diarias, dando lugar ao “Movemento polas dez horas” que, logo de anos de protesta, consigue as dez horas laborais, aprobada polo Parlamento inglés en 1847, cumpríndose inicialmente só para homes menores de dezaoito anos e mulleres de calquera idade; posteriormente, en 1874, xeneralizouse a todos os traballadores e traballadoras o límite máximo de 10 horas ao día. E agora a xornada proposta polos ministros e ministras da UE vólvenos a aquela data do ano 1847.
A primeira regulación que abarcou unicamente á duración da xornada laboral foi na Conferencia Xeral da Organización Internacional do Traballo (OIT), hai 91 anos, na que se acordou unha xornada de 8 horas ao día e 48 horas á semana. E en 1983, aprobouse no Estado Español, que a xornada máxima sería de 40 horas semanais.
Para o BNG, esta proposta dos ministros e ministras de Traballo da UE, é o maior retroceso social dos últimos anos e vai no camiño contrario dos logros que, logo de moitos anos de loita sindical, dábanse por consolidados.
Cada vez máis a desregularización do mercado laboral, dende normativas ou sentenzas europeas, incide negativamente nas conquistas sociais dos traballadores e das traballadoras galegas.
E por isto que o grupo municipal do BNG presenta esta moción e solicita o voto favorábel do Pleno da Corporación municipal para a adopción do seguinte
ACORDO
1. Rexeitar a proposta de modificación da Directiva sobre Tempo de Traballo realizada, o pasado 9 de xuño, pola maioría cualificada de ministros e ministras de Traballo da Unión Europea.
2. Trasladar este acordo á Presidencia do Goberno do Estado, á Presidencia do Parlamento Europeo e a todos os Grupos Parlamentares que conforman a Cámara Europea.
3. Instar á Xunta de Galiza a dirixirse ao Goberno Central demandándolle que manteña en todas as reunións oficiais que se celebren sobre esta problemática unha posición claramente contraria a modificación desta Directiva.
Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2008
No hay comentarios:
Publicar un comentario