domingo, 8 de junio de 2008
MANIFESTO 25 DE MAIO
Máis unha vez, desde o porto de Vigo dinnos que precisan de máis espazo, máis unha vez non lles chega o que teñen, e pretenden facer máis recheos, algún en espazos protexidos como a Ensada de San Simón, queren aterrar no mar 23 Hectares. Din que é unha actuación respetuosa co medio ambiente, que ten o consenso de todos os sectores da cidade, que está baseada no dialogo e o respeto pola legalidade…. Máis unha vez mexan por nós e din que chove.
O porto de Vigo non pode seguir medrando indefinidamente, arruinando a nosa maior fonte de recursos, para convertila nun almacén de veiculos e nun polígono industrial.
Os balances económicos do Porto sempre dan positivo, porque só contan os cartos gañados, mais nunca cuantifican canto vale o que destrúen. Canto costa unha praia?, e se son 15?, canto costa un banco marisqueiro?, canto costa unha Ria sen contaminación?, canto costa a fermosa paisaxe da Ría?, canto costa un solpor?, canto costa vivir sen o ruido, o pó e a polución que orixina a actividade portuaria?…
Se desde o Porto de Vigo tiveran que pagar todo o que destruiron, e indemnizar polas molestias ocasionadas durante varias décadas, o seu balance económico sería un fiasco e nunca máis se lles pasaría pola cabeza facer recheos. Mais eles sempre gañan e a Ría cos seus seres vivos e a veciñanza sempre perdemos.
A ampliación portuaria non ten xustificación, o espazo de que dispoñen está infrautilizado, ocupado por empresas que non gardan relación coa actividade portuaria e por un enorme e esperpéntico armacén de veiculos, os cais so terían que estar no porto no momento de embarcar, e que por se fora pouco, pretenden apilalos en plataformas de 10 m. de altura.
Utilizan tamén o espazo portuario para construir edificios como os da Xunta, centros comerciais como o da Laxe e incluso pretenden construir un Hotel no medio da Ría, como unha segunda torre de Toralla, eso si, proxectado por un arquitecto de fama mundial, que é a ridiculez que está de moda. Por non falar doutros proxectos moi anunciados na prensa como unha noria, locais de comida rápida, centros de talasoterápia, piscinas, restaurantes, cines, etc., todo moi relacionado coa actividade portuaria.
Alén diso o crecimento que baticinan está basado en meras especulacións, xa que o tráfico de mercadorías e fluctuante e pode aumentar ou diminuir, de feito esta a diminuir a entrada e saída de muitas mercadorías. Desde o porto buscase un liderazgo infantil e andan a competir cos demais portos galegos, cando deberían repartirse o tráfico e coordenarse entre eles.
No porto confunden os intereses das multinacionais cos intereses da cidade e utilizan o espazo público para negocios privados e para a especulación urbanística. É hora de que o porto de Vigo aproveite o espazo que xa ten, levante os recheos que non están sendo utilizados en actividades portuarias e recupere as zonas degradadas.
Os efeitos dos recheos son acumulativos, tanto os feitos muito tempo atras como os recentes, como os que se fan en distintos puntos da Ría. O perfil orixinal do litoral da Ría foi totalmente modificado debido aos aterramentos, provocando sucesivos cambios na dinámica de correntes, ocasionando que os sedimentos desaparezan dalgunhas zonas e se acumulen en outras novas, o que afecta ás praias, aos bancos marisqueiros, ás areas de posta e alevinaxe, á pesca de baixura, á biodiversidade e a toda a vida da Ría.
A Ría de Vigo constitue un dos ecosistemas con maior producción biolóxica do mundo, é un ecosistema único, moi fraxil e que xa está moi degradado.
Dende a Xunta de Galiza e o Porto pretenden triplicar o número de amarres de embarcacións deportivas, querendo pasar de 2.800 a máis de 8.000. Eso sen contar o enorme porto deportivo que se construiría se ampliaran o peirao de cruceiros, o que supón o verdadeiro motivo desa ampliación, xa que a suposta necesidade de liña de atraque cando chegan mais de dous cruceiros a Vigo é só unha escusa, porque só sucede un par de veces ao ano, e nunca deixan de entrar cruceiros por ese motivo.
Outra aberración especulativa seria o Porto deportivo da Etea con 1.084 amarres, sobre a praia de Rios, destruindo un banco marisqueiro de ameixa fina e facendo da praia natural da Punta unha praia artificial.
Desde a Xunta din, sen vergoña ningunha, que pretenden captar embarcacións deportivas de Portugal e de outros países para que pasen aquí o inverno, oferecendo baixos prezos, ou sexa que arruinen, e ocupen o noso litoral por unhas cantas moedas. Esta xente sería capaz de vender a sua nai, se é que non a venderon xa.
Construir portos deportivos siñifica estragar o litoral, privatizar lámina de agua e especular co dominio público para favorecer a unhas cantas empresas privadas.
Alen diso o Porto concedeu unha segunda prorroga para construir o elitista porto deportivo de Massó en Cangas, proxecto que conta coa oposición do pobo de Cangas e que está cheo de irregularidades xurídicas.
Os amarres para embarcacións deportivas deben ser só para as embarcacións que saen a navegar a miudo e deberíanse trasladar ás zonas que están mais degradadas. Para as embarcacións que só navegan un mes ao ano hai alternativas como as mariñas secas ou as cacharelas de San Xoán. Non vamos consentir que se privatice a Ría porque se pon de moda entre a xente pudente ter un barquiño para fardar diante dos colegas.
Muitos de estos portos deportivos están vinculados a proxectos urbanisticos especulativos nas proximidades e en primeira liña de costa.
O urbanismo salvaxe e a falta de planificación nos concellos bañados pola Ría é unha barbaridade. Os Planos Xerais de concellos como Vigo e Moaña, están baseados na especulación, e pretenden duplicar o número de vivendas, sen previsión de saneamento, destrozando as parroquias do rural e do rural costeiro, incluso afectando ao solo rústico de protección agricola, forestal e de espacios naturais, onde se preven urbanizacións elitistas. De continuar a marbellización do litoral perderiase a identidade dos bairros e vilas mariñeiras, a nosa identidade cultural e o património común, e iso non o vamos permitir.
Outro dos graves problemas que afectan á Ria de Vigo é o alto nivel de contaminación existente. As depuradoras actuais máis que mellorar están a degradar a calidade das augas, con niveis de coliformes setenta veces o permitido polas leis que os propios políticos fan. A actual depuradora do Lagares é o principal foco de contaminación, contribuindo de maneira considerable a destrución do ecosistema mariño. A maiores provoca unha calidade de vida indigna para a veciñanza con cheiros fedorentos e molestias permanentes. A alternativa a esta situación só pasa pola instalación de microdepuradoras ailladas dos núcleos de povación, na separación das augas fecais, pluviais e industriais, e no control dos polígonos industriais, que hoxe por hoxe provocan altos niveis de contaminación. O proxecto de construir a macrodepuradora de Vigo na Xunqueira do Lagares só é un parche que, de levarse a cabo, non vai solucionar o problema, senon que vai empeoralo, convertíndose nunha grave agresión ao pobo de Coruxo. É a demostración da mentira permanente na que niven Bloque, PSOE e PP cos seus dirixente aos frente, incumprindo os acordos que eles mesmos asinaron nos plenos municipais; e tanto Príncipe, Pérez, Castrillo, Porro, Domínguez ou Caballero, son o que son: os mesmos cans con distintos collares, e todas e todos, coa mirada posta no futuro deberiamos tomar nota.
Por se fora pouco, no Plan acuicola da Xunta, pretendese ampliar a Piscifactoria de Oia que afecta a solo rústico e protección de costas e a de Punta dos Castros en Cangas que afecta a solo rústico de protección de espazos naturais. As piscifactorias contaminan muitísimo debido aos antibióticos e á grande cantidade de materia orgánica que verten ao mar, alén de privatizar e modificar o litoral.
NON MÁIS RECHEOS NA RÍA, É HORA DE LEVANTALOS
NON MÁIS PORTOS DEPORTIVOS, NON Á PRIVATIZACIÓN DO LITORAL
NON Á VIOLENCIA URBANISTICA, NON Á ESPECULACIÓN
NON Á MACRODEPURADORA, SI AO SANEAMENTO INTEGRAL DA RÍA
NON ÁS PISCIFACTORÍAS
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario