miércoles, 27 de mayo de 2009
Pesadelo arboricida: ¿de que van estes tolos?
A noticia de que Caballero, coa experta axuda de Raquel Díaz, ao parecer concelleira de parques e xardíns, pretende talar tódolos Pópulus alba (álamos) e Populus nigra (choupos) que con case medio século de antigüidade adornan dende sempre os bulevares de Coia, completa a miña xa escasa capacidade de aturar a estes ignorantes intrépidos que nos gobernan. Non hai ningunha razón que xustifique talar estas árbores, que non ampare tamén cargarse, por poñer un só exemplo, tódalas árbores do Castro e Castrelos que expanden cada primavera urbi et orbe o seu abundantísimo e alerxénico polen. Para eliminar as alerxias e outros contaxios, tamén podemos eliminar o aire, matar tódolos paxaros, sacrificar os cans e os gatos, fumigar os mendigos, encarcelar aos enfermos, multar aos que cometan o delicto de ter macetas con granmíneas e flores nos balcóns... Podemos entrar a matarrasa nos montes que rodean toda a cidade, contaminando co polen das súas gramíneas, acacias, toxeiras, xestas e demais tremenda vexetación veleñosa.
Estes irresponsables entolecidos van acabar co pouco que esta cidade conserva de patrimonio natural: xa conseguiron eliminar as laranxeiras e camelias que adornaban dende hai máis de 80 anos Policarpo Sanz e García Barbón; non souberon conservar un cedro centenario que sobrevivia no Areal; cada ano veñen talando un par de árbores da histórica e abandoada Alameda; chamándolle humanización están a talar todo o arborado existente nas rúas, como fixeron en Urzaiz ou na rúa Coruña... Agora, incapaces de pensar ou de facer algo constructivo, pretenden darlle a puntilla á modélica urbanización histórica de Coia, que estes días xa comezaron a destruir con aparcamentos e beirarrúas absurdas, entrando a matarrasa baixo as nobles copas dos magníficos exemplares de árbores que están cravados nas nosas retinas como parte inseparable da imaxe desta parte da cidade.
É sabido que a principal causa de que o sistema inmunolóxico se debilite tanto e se dean tantas alerxias, é a forte contaminación provocada polo uso do coche particular que este Concello, coa súa política de parkings non-disuasorios, está empeñado en fomentar.
Tamén é sabido que o choupo ten pior fama alerxénica cá outras especies vexetais habituais nas nosas cidades, pola confusión habitual dos que crén que as pelusiñas que desprenden en primavera son portadoras de polen, cando non son máis que os elementos auxiliares para a dispersión das sementes. O choupo xustamente non é especialmente alerxénico, tal e como afirma a especializada Red de Aerobiología de Castilla León, precisamente "esta especie [Populus] tiene muy baja capacidad de producir alergias".
Se é así, e a ninguén (a ninguén?) se lle ocurriría tampouco poñerse a eliminar todo elemento natural que produza ou poida producir en primavera polen, ¿que motivacións poden levar a plantearse este arboricidio masivo? quen está detrás de semellante e perigosa ocorrencia? é mera estupidez e arrogancia?. Pois non. Realmente esta "decisión" nada ten que ver coa preocupación pola nosa saúde do almirante Caballero e acólitos: sinxelamente buscan unha tramposa xustificación para protexer aos amigos concesionarios e tapar o desastre que están a provocar en Coia as obras do aparcamento soterrado, e no resto da cidade, as súas disparatadas e derrochadoras, pero lucrativas, "humanizacións" que non preveron en proxecto ningún mecanismo de salvagarda do arborado urbano. Será porque iso é caro e deixa menos marxe...
Espero, pola saúde psíquica desta cidade, que esta barbaridade teña unha axeitada resposta cidadán -comezando polos medios de comunicación locais- que free tamaño despropósito antes de que continúe a entolecida actuación da motoserra e antes de que cos nosos votos poñamos a este bigoberno de irresponsables ao bo recaudo do paro.
P.S. Pois xa que van a cortar os choupos, que aproveiten para asfaltar todo o céspede de Coia e así haberá parking gratuíto en superficie, e os veciños de Coia deixarán de protestar polas obras.
[arrepentimento mode on]
Arrgggh, meu deus!, que fixen!, non lles debo dar ideas...
[/arrepentimiento mode off]
Publicado por Pablo Eifonso
MEU COMENTARIO- Eu choro polos meus ¿Onde foron parar os de Urzáiz? ¿Terei que pechar ben a porta para que non veñan talar tamén os xeranios que teño no balcón?
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario