O escocés James Salter, que editou en galego ‘A idade da auga’, prepara a súa novela 'A zona boyajian', unha mestura entre o relato policíaco e o fantástico.
Víctor Paz Morandeira / A CORUÑA
Que un escritor que ten por lingua nai o inglés edite en galego semella inaudito. O escocés James Salter atreveuse a facelo con A idade da auga, un conxunto de relatos que beben de Melville e dos mares de Vigo. El escribe en inglés, pero á hora de sacar o libro ao mercado, pareceulle que “facelo en galego era o máis natural”. Nado en Glasgow, pero emigrado a Sudáfrica cando era moi novo, Salter comprende ben a situación das linguas minorizadas, porque el tamén é falante dunha delas.
“En Sudáfrica, a miña irmá e máis eu falabamos Xhosa, porque era o que utilizaban os nenos negros ao noso redor, cos que xogabamos”, explica este profesor de inglés, provinte dun país no que a variante local do galés convive coa lingua vernácula máis importante do mundo. Pero foi en Vigo onde acabou atopando a inspiración.
“É unha cidade un pouco ficticia, de contrastes, briosa e ancorada no mar, cunha paisaxe espectacular”, opina. Foi precisamente das historias de moitos alumnos das súas clases de inglés de onde sacou a inspiración, aínda que o porto da cidade olívica tamén axudou. “En Manchester ou Glasgow, todos estes estaleiros pecharon. Un ten a sensación de estar nun lugar decadente, mentres que aquí é todo o contrario”, explica Salter, que non ve con moi bos ollos aos seus compatriotas, pois cre que viven anticuados nunha postura imperialista que non lles fai ningún ben. Abreviando, que viven de rendas.
A súa nova novela, A zona boyajian, nace dun argumento que preparou para o conxunto de relatos curtos de A idade da auga. “É outra historia de Vigo, pero de 400 páxinas”, di Salter, que recoñece as súas dificultades para controlar a historia. “O editor díxome: ‘James, esta subtrama do mexicano non encaixa moito. Por que está aí?’ Non souben que lle dicir. Era certo. Simplemente, fora o que me saía e aí estaba”, di sen trazas de eliminar o personaxe.
A historia arrinca coa desaparición dun filipino que desembarca no porto de Vigo. A policía non parece facerlle moito caso á historia, ata que teñen lugar novas desaparicións. Dende ese momento, o punto de vista da narración desdóbrase na parella de axentes da lei que investigan os estraños sucesos e nunha rapaza inglesa que se ve envolta en todo o asunto.
O título fai referencia “a unha zona de depósitos mariños onde a xente se sinte atraída por enerxías raras e rematan tarados”, explica Salter, que nesta ocasión bebe directamente do fantástico, dándolle ao relato unha estrutura típica de xénero policial.
Sobre se pensa cambiar o nome, pola posible confusión co seu homónimo norteamericano, tamén escritor, di: “Decateime de que en realidade o seu apelido é Horowitz, así que alo menos gardarei o meu, por dereito. Xa veremos que pasa co nome”, conclúe rindo.
COMENTARIO DE JAMES
Hoy me han sacado una entrevista, creo que salgo un poco como un perturbado o algo así.
MI COMENTARIO. JA JAJAAAAAAAA
Dacosta ha dejado un nuevo comentario en su entrada "“Vigo é un pouco ficticia e briosa”":
Lo digo por la foto, con los años se me va quedando cara de loco
Publicado por Dacosta para lembranzas a las 5 de mayo de 2009 8:47
MI COMENTARIO- ¿Y porque crees que me reido?
1 comentario:
Lo digo por la foto, con los años se me va quedando cara de loco
Publicar un comentario