martes, 19 de mayo de 2009

O albergue, pendente da vontade política da Xunta

www.alberguexa.blogspot.com


A reivindicación de que Vigo conte cun albergue que acolla ás persoas en situación de exclusión social é vella. Conseguir que a xente sen teito teña unhas instalacións dignas, que conten cos todos os servizos que precisan, era un soño longamente agardado que comenzou a facerse realidade cando o BNG tivo responsabilidades de goberno na Xunta. Tras máis dun atranco, finalmente decidiu que Vigo ía ser a primeira cidade de Galiza que ía dispoñer dun Centro Público Integral de Inclusión Social e elixiu o edificio de A Gota de Leite para ubicalo. A finais do ano pasado iniciáronse unhas obras de reforma do inmoble, que hoxe xa están rematadas.


A estas alturas deberiamos estar falando de cando ía vir o novo presidente da Xunta de Galiza a inaugurar unhas instalacións que, por fin, ían dar resposta aos centos de persoas que na nosa cidade viven na rúa. Lamentablemente a realidade é ben distinta. Nada sabemos de cando se vai a abrir o centro, pero o que aínda é máis grave é que descoñecemos o que os actuais responsabeis autonómicos teñen previsto facer con esa instalación.


Desde a Concellería de Benestar Social somos moi conscientes da situación na que viven na nosa cidade ás persoas en situación de exclusión social. Traballamos con elas todos os días e tamén coas organizacións que os apoian. O noso compromiso con eles é absoluto e o noso labor é o mellor exemplo delo. Nós non nos quedamos nas boas palabras. Nós actuamos e, por iso, por primeira vez nesta cidade abriuse un dispositivo de frío para que as persoas que viven na rúa tiveran este inverno un lugar no que poder durmir. Ese centro de emerxencia mantívose aberto dous meses máis do previsto, agardando que a Xunta rematara ás obras de A Gota de Leite. Pero parece que para os novos responsabeis do Goberno autonómico esta non é unha prioridade na súa axenda. Matéñense á marxe, escudándose en falsas desculpas, mentras os sen teito seguen na rúa e hai unhas instalacións preparadas para acollelos.


Diante desta situación a Xunta de Galiza non pode seguir mirando para outro lado. A responsabilidade do albergue é nestes momentos somentes súa. Non deberiamos ter que lembrar a estas alturas que o edificio de A Gota de Leite é da súa propiedade e que o servizo que se vai prestar é tamén da súa competencia. Non valen xa ás falsas escusas para non tomar posición. A decisión da apertura do albergue é cuestión de vontade política do Partido Popular. É a Xunta quen ten que amosar agora que esa sensibilidade a respecto das persoas menos favorecidas, da que fan gala algúns e algunhas dos seus máis senlleiros representantes, non é só unha pose para a galería. O compromiso do PP coas persoas en situación de exclusión social tense que demostrar agora, asumindo a súa responsabilidade é dicindo alto e claro que é o que quere facer co edificio de A Gota de Leite.


Nós o temos claro. A nosa postura é hoxe a que mantivemos sempre. Ese é o lugar axeitado para que Vigo dispoña dunha infraestrutura longamente demanda para dar ás persoas máis desfavorecidas a atención que precisan. É unha reivindicación de xustiza social.

María Méndez Piñeiro
Concelleira de Benestar Social do Concello de Vigo


MEU COMENTARIO-María, eu mesma NON ENTENDO NADA. Modificouse o edificio da GOTA DE LEITE para facer un albergue, pareceme ben, ese sitio sempre tivo unha finalidade social, pero agora que está arranxado non se pon en funcionamento (?)

Por suposto minto ao dicir que non comprendo. Estades gobernando con unhas persoas que si poden poñen atrancos a máis mínima cousa que vós fagades e a nova Xunta encantados- "ACLARENSE VOSTEDES QUE NOS AQUI ESPERAMOS RINDO"

ASI E A POLÍTICA

O peor é que entre uns e outros AOS CIUDADANOS "QUE NOS DEN"

No hay comentarios: