osé Otero Abeledo, LAXEIRO. Un dos máis representativos pintores que ten dado Galicia en tódolos tempos naceu na parroquia de Donramiro (Lalín), o 23 de febreiro de 1908. Ata os seis anos vive coa súa familia que reside en Vilamaior (Botos), parroquia á que Laxeiro volvería anos despois , para lembrar a súa infancia como escolar e pastor. A súa aptitude para o debuxo chama a atención ós seus mestres e a súa imaxinación e fantasía fano popular entre os veciños, converténdose en actor improvisado que o mesmo recita un poema que artella un inspirado sermón. Neste escenario rural é onde alimenta o seu mundo interior, con romarías, tolos como "O Naranxo", vagabundos que deambulan polas aldeas, moinantes, e unha tradición chea de mitoloxía, superstición, lendas e fábulas, que estarán presentes sempre na súa obra; escenarios como A Romea, poboados por animais máxicos e personaxes de extraordinarios poderes.
En 1951, pintor xa recoñecido, trasládase a Buenos Aires para presentar unha exposición colectiva. O éxito anímao a permanecer alí ata 1960. Relacionado con pintores da vangarda arxentina, expón con frecuencia e aparece como escritor de contos e relatos. A súa etapa arxentina inflúe decisivamente na súa traxectoria artística.
O ano 1968 sería decisivo para Laxeiro. De volta a España, a súa exposición na Galería Biosca, coas súas obras máis destacadas, obtén notable éxito. Instalado no ático do Café Gijón, decide viaxar a Holanda para coñecer a pintura de Rembrandt, que deixará nel unha pegada profunda.
Chegan exposicións, homenaxes e o recoñecemento da obra deste pintor universal nacido en Lalín, que pode recoller en vida. As súas obras colgan en importantes museos e acadan unha elevada cotización. Doa ó seu pobo de Lalín unha importante colección de cadros que exporán no Museo de Fillos Ilustres e recibe numerosas homenaxes populares. O seu nome figura nunha das rúas da vila lalinense. Tamén en Vigo, inaugúrase en 1985 a Casa de Laxeiro, un museo onde ademais dalgunhas das súas mellores obras pódense ver obxectos persoais, como aquela caixa de pinturas que lle obsequiara outro fillo ilustre de Lalín, don Ramón Mª Aller, o sabio lalinense que intuíra o xenio do rapaz-pintor de Botos.
Laxeiro continúa co seu traballo. No ano 1989, ten a honra de ser o artista elexido para a exposición inaugural do Auditorio de Galicia en Santiago, e recibe a Medalla Castelao da Xunta de Galicia. O 21 de xullo de 1996, Laxeiro morre na súa casa de Vigo, sendo soterrado no Cemiterio de Lalín. Fonte: "A Comarca de Deza." Armando Vázquez Crespo / Daniel González Alén
No hay comentarios:
Publicar un comentario