miércoles, 20 de febrero de 2008

FINISTERRAE URBANO- JAMES SALTER. Cando chegou.....

CANDO CHEGOU á cidade as rúas semellaban estar cheas de gaviotas e as encostas e os edificios altos coma mastros dábanlle a sensación de estar nun barco. O cheiro abafante que ascendía do porto pesqueiro impregnáballe a pel e penetraba en cada pregadura da roupa. Despois debota-la súa primeira mañá dando voltas pola cidade antes do primeiro encontro, sentiuse mareado polas subidas e baixadas das rúas, eocasionalmente cegado polo sol que asomaba por detrás das construccións. O primeiro encontro. ¡Con que claridade lle ven á memoria! Agora estaba recollido na escuridade dun cuarto de hotel barato, tentando durmir e recuperar forzas para outro paseo vespertino. No seu estado,iso non era nada conveniente: non comera nada durante dous días, e cando se ergueu para pasear polo cuarto do hotel, os brazos e as pernas movíanselle inconexamente coma se quixesen aboiar. Un pesado zunido parecía quererlle comezar a proer no extremo do espiñazo. Onte apareceu unha muller na súa porta dicindo que era unha voluntaria da asistencia médica e preguntoulle cal era o seu problema. Polo visto,alguén o vira vagando abstraidamente pola zona da recepción do hotel e preocupárase pola súa saúde. El aseguroulle á moza, que levaba un brazalete de cor laranxa e tiña todo o aspecto dunha eficiente profesional, que as cousas nunca lle foran mellor. Ela non pareceu convencerse, e en realidade el agradeceu que por un momento o ollar técnico da muller amagase disolverse nunha mirada compasiva. Sen embargo, el non quixo soltar prenda e ela quedou algo contrariada. Antes da chegada da asistente, recibira dúas visitas no hotel, onde xa estivera antes de perde-lo seu traballo e de ser expulsado doapartamento con vistas ó mar que lle proporcionara a empresa. O primeiro era o home que contrataran para substituílo como fotógrafo submarino, e o segundo era o representante da empresa constructora responsable do seu desafiuzamento. Lembraba o primeiro como un tipo nervioso, que evidentemente se sentía culpable polo xeito en que as cousas se levaran a cabo, e que permeneceu na porta do cuarto mirando para o seu colega de fotografía submarina derreado na cama. Despois de todo, eran membros da mesma profesión, e sentíase obrigado a certa solidariedade. "Díxome Márquez que gárda-las películas dos ultimos tres días que traballaches", dixo de súpeto o outro, coa intención de mostrarse impasible e non permitir que a súa contrariedade aflorase á superficie. Foran tres días de intensas sesións de fotografía na plataforma litoral, e as películas ían gardándose a salvo no hotel. ¿Como ía devolvelas sen máis, despois de que o despedisen sen paga? Así llo explicou ó seu visitante. Este mostrou o seu desagrado pero comprendeu obviamente a súa actitude. Así que marchou, el quedou só durante uns corenta minutos antes deque o teléfono soase anunciando outra visita. Entón precipitouse cara á recepción, percibindo o perigro porque, a diferencia do que sucedera co outro fotógrafo, desta visita non fora advertido previamente. O seu instinto funcionaba. Un mozo rexo e atractivo esperaba por el na porta do hotel. Agradeceu ver alí ó intrigado recepcionista e sentiuse confortado pola presencia dos viandantes no exterior. "Costas quere que largues da cidade antes do venres. Se non o fas, ou se ve roldando cerca da súa casa ou da súa filla, vai haber auténticos problemas". Esa era a mensaxe de Costas: curta e precisa. Un constructor non perdía o tempo. Márquez, o seu antigo xefe na compañía fotográfica,que simpatizara axiña con el nada máis empregalo, ó pouco do seu desembarco desde Madrid, non mostraba tan abertamente as súas intencións. Ou se cadra obedecía ás presións de Costas e por iso o despedira sen pagarlle un can. Así e todo, como compartían a mesma profesión e Márquez chegara a face-lo esforzo de contratalo, preferiu concederlle o beneficio da dúbida, e agardar que cambiasen as tornas.Era pouco concibible que puidese someterse a tódolos caprichos de Costas sen ter en conta o poderoso que era o constructor. Comezou o seu paseo da tarde. Mentres se encamiñaba cara ó porto sentiu a brisa do mar a rizarlle a roupa coma se fose unha man tranquila termando del, unha man que ben podería, nunha arroutada,esnaquizalo. Enxergou o movemento dos outros e pareceulle incrible que antes do comezo daqueles curiosos acontecementos puidesen ser tan pesados, tan devotamente sometidos ás leis da gravidade. Como tamén lle parecía incrible que non se decatasen de que el pasaba coma nunha corrente invisible, arrastrado por unha marea de poderosas lembranzas,incapaz de concentrarse no sinxelo proceso de ir colocando un pédiante do outro. Contemplou os noxentos edificios que o ollaban friamente, como mensaxeiros enviados por Costas para dicirlle que abandonase a cidade.El devolveulles un ollar desafiante, reproducindo no seu orgulloso aceno un reflexo do propio Costas. El non quería abandona-lo barco,díxolles, non ía marchar baixo ameazas daquela cidade aboiante que comezara a amar cando comezara a amar a Eliana. Ela era a cidade, e el amaba a cidade porque a amaba a ela. El era o resto dun naufraxio felizmente recuperando na amorfa corrente de pensamentos e memorias que os dous compartiran, unha corrente que semellaba asolaga-las desdeñosas formas da cidade e socava-los seus alicerces. Comparado co perigo de perdela, o despido era cousa sen importancia:o feito de que o seu futuro profesional estivese en xogo pareceulle ridiculamente insignificante. Evocou o seu primeiro encontro entre a constructora e a compañia fotográfica, cos seus sorrisos e súas bebidas. Evocou a alegría de Márquez e a súa propia cando se decataron do importante que era o contrato. A construcción dun depósito costeiro a semellante escala requiriría meses e meses de investigación, e podería establecer firmernente o seu creto profesional. Evocou tamén a eufórica primeira semana baixo a auga, traballando cun equipo de primeira clase, despois da cal fixeron a súa primeira comida de celebración nun restaurante. Aquela sería a primeira de varias mariscadas, normalmente coas custas a cargo da empresa constructora. Tal vez Costas era un home xeneroso,ou máis ben é que isto estaba estipulado no contrato. Foi así como coñeceu a filla de Costas, que lle foi mostrada, tentadora coma unha alfaia, en varias desas ceas. Eliana. Comezaron a falar na terraza do restaurante cando ela lle preguntou acerca do seu traballo. Tivo que adoptar un ton lírico para describi-la sensación de estar baixo a auga, porque realmente sentía paixón polo seu traballo. Axiña quedaron engaiolados un co outro, e á parte dos encontros no restaurante,comezaron a verse en segredo noutros sitios. Bromearon co proxecto de investiga-los antigos barcos submerxidos no fondo da ría, dos que se dicía que contiñan xoias preciosas, e ela dicía que quería aprender a mergullar para poder ir con el. Lembrou a derradeira comida, cando a discreción que mantiveran durante tres ou catro semanas despois de se coñeceran comezou a crebar insensatamente, e tivo lugar a escena na terraza do restaurante, que,se non violenta, foi suficientemente evidente como para mostra-la oculta animadversión de Costas e os seus colegas. Chegou ó porto, onde se detivo a respira-la brisa mariña, que como sempre, lle suxeriu outros aromas. Pechou os ollos e o delicado perfume de Eliana pareceu envolvelo. Ó lonxe, na costa, as obras proseguían sen el no proxectado depósito de Costas, e tras delas, no corazón da cidade, Eliana agardaba na súa fortaleza. Lembraba o seu último paseo vespertino, que concidira cunha manifestación de traballadores: unha riola de xente que inundara as rúas principais, cortando o tráfico, colapsando a cidade. Aínda que non estaba seguro de cales eran as reivindicacións dos manifestantes,sumouse a eles, sentindo que el tamén tiña un motivo de queixa e deixouse arrastrar pola marea de corpos. Entón lembrouse dun cartel turístico que amosaba o centro da cidade asologado, coma unha especie de Venecia, subliñando as relacións da cidade co Atlántico. Os manifestantes movíanse coma a auga no cartel, difuminando as arbitrarias definicións do presente, substituíndo os viandantes e os coches por unha onda colosal. Decatouse de que eses días estivera andando coma un afogado e de que a propia cidade ía afundíndose coma un barco no mar. Parecía que Eliana e el a converteran nun naufraxio

No hay comentarios: