martes, 19 de febrero de 2008

FERNANDO ELORRIETA

NA PROCURA DUNHA LÚZARA


Quixera contarvos ledicias, historias fermosas
da terra, do home, da mar bretemosa
que ancora feitizos salgados nos peitos.
Quixera enxergar no meu fondo animal- máis fondo-
unha lúzara espida de anceios, degoiros, desexos,
unha chama lixeira, onde o amor brincara contento
choutando sobre os tizóns, para convertirse en canción.

Eu quixera estas cousas para me contentar
para facervos un cadro brocado de flores,
para facervos un serán tenro, amoroso,
de pérolas e nácar, de encaixe e veludo.
Quixera falarvos con luvas de seda na gorxa,
doce, coma suave aura ou brisa cefiral.

Eu quixera, mais unha forza ráfame o son,
túrrame o ser, esvaime o cerne
coma barbela murcha enxoita polo cornizo,
esmagullada polo meu propio ritmo outonal.

Quixera contarvos ledicias, mais estou triste,
desconsoladamente triste, silandeiramente triste,
como si unha ergástula télurica roese o meu fondo
esnaquizándome a alma.

Eu sei que todos buscamos aló na contraluce
un merlo, unha pillará ergueita, unha estrela,
un arco tendido en voos de amor.
Buscamos una lúzara desesperadamente,
e por veces, ficamos sos,
sen lúzara, sen estrela, sen amor.
Quixera contarvos ledicias, hoxe non podo
estou ferido de amor.

No hay comentarios: