sábado, 6 de junio de 2009

A NOITE MEIGA DE SAN XOAN




A noite meiga de San Xoán - GALICIA ESPALLADA



A noite do 23 ó 24 do mes de San Xoán, ou sexa a noite do víspora, e mailo día do santo, que é o 24, coincidindo co solsticio de vrau, cando o sol, chegado ó mais outo do ceo, vai encomenzar a baixar, cando se dá, nas nosas latitudes, o día máis longo do ano, dende o cual os días encomezan a debecer, é a data, dun cabo ó outro da área xeográfica do ciclo cultural européu ou occidental, o instante cecáis mais sinalado pra reviviren tódalas crencias e costumes dos nosos antergos máis remotos, conservadas na lembranza máis ou menos neboenta e nos degoros inconscentes da xente das camadas populares.
"Carballos bentos, - dí Salomon Reinach - herbas collidas no día de San Xoán, exvotos pendurados nas ponlas, curaciós conseguidas pasando a traveso do burato dunha peneda ou pola fendedela dun árbore, isto todo prolonga deica nós as ilusiós... do tempo que pasóu... Cando os paisanos choutan ou fan choutar ás súas bestas a traveso das flamas das fogueiras do San xoán, practican un vello rito céltigo... " O autor dí esto todo, falando precisamente dos celtas e das súas creencias e cerimonias. E calquera galego que o lea, non ha poder menos de se lembrar de cousas vistas facer ben veces na nosa Terra


As "cancelas"

Na noite de Sa Xoán, nas máis das aldeas de Galiza, os mozos "andan ás cancelas". Consiste en iren uns cantos xuntos, ou todos, polas casas ds veciños, entraren nos curros, nos pendellos e nas cortes, colleren os carros, os xugos, os arados, grades, escadas e trebellos de toda caste, sin que os donos se enteren, e levalos. O que fan coíles varía asegún os lugares ou asegún a idea que se lles veña á cabeza: o máis común é polos todos xuntos nun sitio onde toda a xente os vexa á mañá, sexa no adro da eirexa, sexa na praza ou no campo da festa, sexa nun camiño por onde pase moita xente; ás veces, póñenos atrancando o camiño principal, pra que ninguén poda pasar, ou mesmo atrancan os camiños con árbores caídos, trabes, leña ou calquer impedimento. Ou meten os carros e os trebellos nun río; ou levan os dunha casa pra outra é o contrario. O caso é facer rír á xente e que os donos leven ben traballo pra recoller as cousas e volvelas traguer pró seu sitio. Dende logo, que ninguén se pode encabuxar por esta broma, sinon levala a ben e celebrala moito. (...)


As fogueiras

Chámanse lumes, lumeiradas, fogueiras, cachelas ou cacharelas. Alcéndense xa nas primeiras horas da noite, despóis da cea.
En moitos lados alcenden iste lume con leña e ramallosa canto máis verde millor, de modo que dea moito fume, pois iste é bó pra afuxentar as bruxas e os espíritus ruís e pra purificar á xente. En torno ás grandes fogueiras danza e canta a multitude, indicando o seu carácter pruficador o salto dos mozos e mozas por riba do lume.
As fogueiras, como as cancións, respóstanse unhas ás outras.Así pasan a noite cantando e dando voltas arredor do lume, ou brincando por riba da fogueira uns atrás dos outro, sin medo de se queimaren, facendo invocacións como

"Salto por enriba
do lume de San Xoán
pra que non me trabe
nin cobra nin can"

Nalgúns sitios, as moza que brinquen por riba da fogueira, sin tocar nas flamas, din que se casan dentro dun ano.
Pra ben ser, compre saltar varias veces, sempre en número impar, recitando a fórmula e saltando unha vez pra un lado i outra vez pra outro.
O acto de saltar chámanlle en moitos lados salvar. O millor, sobre todo prós que están enfermos, principalmente de pel, é brincar en pelico, ou sexa encoiro, pró cual os demáis que están alí, retíranse. Tamén pasan ós nenos por riba do lume, entre o padriño e a madriña, ou ben as consabidas tres Marías, empregando a coñecida fórmula: "Enfermo cho dou, devólvemo sano"; logo envólveno nunha saban de liño que non fora mollada.


A danza das cacharelas





Enfeitar as casas

É tamén costume poñer espetadas nas xuntas das pedras na parede das casas, penduradas nos corredores ou sinxelamente pousadas no peitoril das fiestras, herbas e frores do tempo, que aparecen alí á mañá cedo, semellando adornos. Nalgúns lugares esto é un obsequio que lle fan os mozos ás mozas quenes, unha vez cumprida esta obriga, xúntanse entre eles e van cantarlle as copras que a inspiración do momento lles fai saír das gorxas..
Tamén se fai o mesmo coa intención máxica de escorrentar diaños e meigas.




O baño da media noite

Na noite de San Xoán envivécese e colle maores virtudes que nunca a auga das fontes santas e milagreiras. Polo tanto, esa auga vólvese como un remedio universal que compre aproveitar meténdose nela ou, sinxelamente, lavándose ás doce en punto da noite.
O pior é que tamén as bruxas fan usanza da auga destas fontes. Miden e reparten a auga de cada veciño, mais si queren mal a algún bótanlle a auga polo lombo. Outras veces lévana pra prepararen os seus meigallos. Tamén din que si, ó romper o día, tocan na auga, descobren os seus segredos e quedan limpas da bruxería. Non son somentes as bruxas das que din que andan soltas nesta noite milagreira sinón tamén os encantos, moitos dos cuales non se deixan ver máis que na amañecida de San Xoán . Por esta causa, o doente que vai tomar os baños nestas fontes tén que ter coidado de non se deixar levar do medo que lle poñan os aparecidos que pode atopar no camiño.





A frol da auga

Un dos misterios máis extranos e máis poéticos da noite de San Xoán é iste da fror da auga.
A fror da auga é a que se colle ó raiar o sol a ras da fonte, como si fora a tona en que viñeran á superficie tódalas virtudes e maravillas.
De certas expresiós que aparecen en ditos e coplas deducen algús como si esta fror da auga fora traguida por un páxaro no bico. Pode haber aiquí un trabucamento co acreencia de que a pinga de auga e de orballo que na amañecida de San Xoán trai un paxaro no peteiro e deita nunha fror tén as mesmas virtudes que a fror da auga.
Tocantes a calquera das dúas cítase a seguinte fórmula:

Día de San Xoán, alegre,
meniña, vaite lavar,
pillarás auga do páxaro
antes do que o sol raiar.
Irás o abrente do día
a auga fresca catar
da auga do paxariño
que saúde che ha de dar.
Corre, meniña,
vaite lavar
alá na fonte
te has de lavar,
e a fresca auga
desta amañecida
cor da cereixa
che tén que dar
Se arraiar,
se arraiará
tódalas meigas levará,
se arraióu,
xa arraióu,
tódalas meigas levou
Peladas era
peladas serán
todalas meigas
que andan polo chan.
Peladas son,
peladas eran
tódalas meigas
que andan pola terra.




As nove ondas

O caracter purificador - e tamén fecundador - das augas ponse de manifesto na tradición do baño das nove ondas, de forte tradición na praia de Lanzada, en Noalla - Sanxenxo. Ademais de ser un rito manciñeiro e curativo do meigallo, é tamén un rito de fecundidade que fai concebir ás mulleres esteris. Hanse bañar compretamente en coiro (segundo outros, en camisón) e as ondas que en realidade teñen valor, asegún dín, non son nove sinón sete. Cóntanas de dúas a nove, contando as nove pra colleren a ola grande, mais, en realidade, son sete as que toman.
Nun romance popular que data sen dúbida do século XVI, a sabia, que denencanta ás que eran víctimas do sortilexio das meigas, ordénalles a purificación con estas palabras.

Ide tomar nove ondas
antes de que saia o día
e levarédes con vosco
as nove follas da oliva.


Na xurisprudencia irlandesa, a distancia de nove ondas foi a que se estableceu entre inimigos, coma se creesen que estas foran bastantes para purificalos dos seus mutuos odios. E, cousa singular, o primeiro que pronunciou esta sentencia foi o bardo Amergin, que as lendas fan ir de Galicia a Irlanda.



HERBAS NA NOITE DE SAN XOÁN- (As sete herbas básicas)

http://www.rios-galegos.com/sanxoan.htm


Rosmarinus Officinalis. Romeu. (Romero).

É moi bon para a reuma, artritis, trastornos do sistema circulatorio, depresión, etc.

O romeu realmente é a herba que protexe e purifica os fogares galegos por excelencia.

En Galicia tamén se utiliza para os dores da gorxa.


Trátase dun arbusto bastante coñecido e abondoso que cheira moito, e sempre está verde. Pode chegar ata 2 metros.

Leva, como se ve, moitas follas estreitas verde oscuras, algo duras e reviradas polas beiras. As follas miden de 2 a 3 cms. O romeu utilízase moito en Galicia para os croques e o reuma. Incluso se utiliza na cociña. É unha das sete plantas básicas para facer a mestura para elimina-los malos espíritus a noite de San Xoan.


Malva sylvestris. Malva silvestre (Malva).

A malva é outra das sete herbas fundamentais. Sirve para todo: resfriados, bronquitis, afeccións dixestivas, nervios, etc.

Dice o dito galego: "cun horto e un malvar hai menciñas para un fogar". Efectivamente a malva cura todo.


Athyrium filix-femina. Fentos (Helechos.)


O fento macho é outra das sete herbas básicas da noite de San Xoán.

O fento macho é velenoso. Era moi apreciado contra as tenias.

En xeral é un antiparásito moi bon. Síguese usando polas súas propiedades pero a súa administración é complicada, xa que, repito, é velenoso.

Dicen que a noite de San Xoan bota flor; xustamente a medianoite.

Os fentos son as plantas máis coñecidas pola xente, en xeral. Pero ollo, en Galicia hai 71 especies, según a recente "Guía dos fentos de Galicia" de Henrique Niño Ricoi, Baía Edicións, de decembro do 2008. Por suposto están excluidas as ornamentais.

Algúns son moi abondosos nas beiras dos ríos galegos. Esos precisamente son os que me interesan.

Ver dibuxos sensacionais de fentos machos e femias así como de algunhas características.

Nesta ficha escribo sobre o fento macho e o fento femia.

Para os pescadores son fundamentais os fentos, xa que postos na cesta da pesca conservan moi ben as troitas e peixes todo o día. A troita ten tendencia a dar a espiña, cando esto ocurre é mellor tirar con ela, para que non pase eu utilizo os fentos. Si fai moita calor lóxicamente limpo as troitas, ou sexa quítolle as tripas... aparte dos fentos...

Un segredo, os mellores: os fentos femia. Persoalmente distingo os machos das femias o tacto... Cincuenta anos a pe de río, teñen que sirvir de moito...digo eu...



Cytisus Scoparius L. Xesta. (Retama de escobas).

Son abondosas nas beiras dos ríos galegos, sempre que teñamos un monte o redor.

A xestas utilizábanse incluso para facer barredoiros e por suposto lume. A xesta era moi importante para os galegos. Trátase dun arbusto sagrado, e por suposto sigue sendo. É tóxica para o gando.

Na fotografía a xesta xa con flor, unha flor amarela característica. Tamén hai xestas blancas, típicas de Galicia.

Aloysia triphylla. Herba Luisa. (Hierba Luisa).

A herba luisa sempre se utilizou para todo.

Moi boa para os dores de estómago e barriga. Tamén contra os gases e os dores de cabeza.

Cheira moi ben...

E tamén unha herba especial para os amoríos...En castelán recibe o nome de verbena xa que tamén se asocia coas troulas de noite...

A Herba Luisa é moi coñecida nos pobos de Galicia, xa que se emplea para todo, é unha herba medicinal, moi olorosa é doada de distinguir no monte.

Non está precisamente preto dos ríos, pero véxome na obriga de pola nesta relación, xa que a coñezo ben. Dende logo tampouco está lonxe xa que en Galicia os ríos abondan.

É unha das sete herbas que deberan poñerse na noite de San Xoan para espantar os malos espíritus.


Foeniculum vulgare. Fiúncho. Hinojo.

Trátase dunha herba básica entre as sete fundamentais para a noite de San Xoán.

Esta é a que corre os malos espíritus. Especial contra o mal de ollo.

Como mediciña é especial contra as inflamacións de ollos, pero tamén para a asma e as malas dixestións...

Trátase dunha planta apiácea, coñecida e abondosa que cheira moito. Cheira a anís.

As follas son coma fíos. Bota as flores polo verán de cor amarela. Cando as flores dan froito, chámanse anises. As follas empréganse nos maios.

É unha das sete plantas básicas para facer a mestura para elimina-los malos espíritus a noite de San Xoan.

A fotografía está sacada en Ourense, a carón do río Miño, polo paseo de Quintela.

É bastante abondosa. Perenne.




Hypericum perforatum. Herba San Xoan. (Abeluria).A Herba de San Xoán tamén se chama pericón, hiperico e herba das feridas.

Pode acadar ata 1 metro de altura.


Herba de San Xoán (abelouro, malfurada, abeluria...), é outra das sete herbas básicas.

"A herba de San Xoán limpa a cara de grans".

Está considerada como unha planta especial contra o demo...

En mediciña é cicatrizante e antiséptica.

Trátase dunha planta que crece preferentemente en areais, pasteiros, toxais, uceiras e bordos de bosques.

Ten propiedades cicatrizantes e tamén se usa como antiséptico e astrinxente.



As herbas de San Xoán

Nunha gran tina de auga bótanse rosas de tódolos tipos e certas herbas recendentes, e deixase toda a noite ao descuberto -prefrible sobre o tellado- pra que adequira o poder do Santo.
Ao día seguinte pola mañán tódolos membros da familia, en especial os nenos, teñen que lavarse con esta auga milagreira, que, por certo, arrecende maravillosamente (ule a rosas, xa se ve)

É unha usanza común a toda Galiza o recoller na tarde e na noite de San Xoán diferentes herbas e frores, botalas en auga e deixalas na auga ó sereno pra que collan o orballo desta noite prá mañá lavárense todos naquela auga.
As herbas que se collen pra iste uso son: os sanxoáns, alcroques ou abrulas (dixital); o fiuncho ou fiollo; o codeso; o fento macho; o trovisco; ponlas de nogueira, ponlas de ameneiro ou amieiro; espadana; sabugueiro; romeu; malvas; artemisa; arzáis; rosas de nabo; ágramo; herbas de San Pedro; rosas de sábrego; poutas de lobo; herba de nosa señora (matricaria); follas de carballo, castiñeiro; rosmaniño; perpetua; roseiras;...

Esta auga, en que estiveron de remollo as herbas, tén propiedades manciñeiras, máxicas, pra curaren dos aires lurpios, envexas, etc. e cosméticas, pra pór mais bonitas ás mozas e darlles bós coores e finura de pel.
Na noite de San Xoán, si as mozas meten certas herbas debaixo do cabezal poden ver en soños ó home con que van casar.
Pódese saber a sorte dun ausente colgando no leito herbas de San Xoan e vendo pró outro día si están verdes ou si secaron; así iralleó que está lonxe, ben ou mal.
Tamén é a noite propicia pra curaren ós nenos do engadino e das esbrilladuras. Fenden en dous un carballo e pasan ó rapaz pola fendedela, intervindo dúas Marías ou unha María e un Xan, pasándollo un ó outro tres veces decindo "Toma María - Daca Xoán - Doucho crebado - Darásmo Sán". Logo atan o árbore ben atado, asegún estaba, e si solda é que o neno cura, sinón é que non cura.



O orballo

As mesmas virtudes, e aínda maores, que as da auga desta noite, tén o orballo. Cecáis as das augas, as das herbas, as dos árbores, lles veñan do orballo, como indica a condición de deixar as cousas ó sereo.

Pra curar a sarna, durmen os enfermos en coiro, antremedio do centeo, pra colleren o orballo da noite toda; ou métense polas searas molladas á mañanciña, enantes de saíro o sol; ou embórcanse a esa hora na herba dos prados; ou refréganse contra dun carballo, ás doce da noite, deixando a roupa pendurada nunha ponla..
O orballo de San Xoán élle moi bó tamén á facenda, polo cual en moitas partes de Galiza sácana pra que o tomen, ou fan que crucen un riachuelo (ou que pasen por riba das cinzas da fogueira da noite anterior).
O orballo desta noite dá virtudes, ou fai medrar as das herbas manciñeiras polo que, recollidas nese intre, son moito millores.

Aínda acontez que o que non teña escrúpulos en se valer das forzas endiañadas pódese facer doadamente, nesta noite, cun demiño familiar que o obedeza. Pondo un lenzo ou unha servilleta de lamanisco por riba ou por baixo dun fento, atópaa á mañá chea de demiños pequerrechiños. Esto debe ter relación co que se dí no Ciprianillo encol da semente do fento. No Ciprianillo, como nas Gacetas referentes ós tesouros, fanse moitas menciós da noite de San Xoán, incluso como a máis doada prós desencantamentos.

Tamén hai que falar da "sorte do ovo" : ás doce en punto da noite de San Xoán cáscase un ovo e déitase nun vaso de auga que se deixa despóis ó sereo deica que amañece. Despóis, á mañá, vaise ver e o ovo tomóu a forma unhas veces dun barco, outras dunha capela, outras doutra cousa calquera, e polo que alí se vé adivíñase ben cal sexa a sorte se ha ter no ano, deica o día de San xoán do vindeiro, os acontecementos e traballos que se han pasar, o oficio do home con quen a moza ha casar, etc..

Polo derradeiro, o orballo de San Xoán favorez tamén ás cousas inanimadas: posta ó orballo de San Xoán a roupa de lá, non colle a couza ou traza, polo cual aconséllase, enantes de gardala nos armarios, póla á orballada desta noite.

Autores ocultistas recollen tradiciós máis ou menos atinadas da Edade Media e do Renacimento; así se fala do orballo en relación co sol e máis cos astros, como si o orballo trouguera disolta a luz solar ou a enerxía astral; os alquimistas falaban do ros coctus, en relación coa pedra filosofal. or outro lado, o orballo tén súa significación en certos sistemas de meiciña naturista e similares, como na hidroterapia do Abate Kneipp, o cual aconsellaba os paseos á mañá, cos pés descalzos, riba da herba mollada.




"Etnografía. Cultura espiritual" - Vicente Risco
"Galicia" - Manuel Murguía
"Antropología cultural de Galicia" - Carmelo Lisón Tolosana

No hay comentarios: