domingo, 21 de junio de 2009

CATECISMO DO LABREGO GALEGO



AUTOR- Valentín Lamas Carvajal (Orense, 1 de noviembre de 1849 - 4 de septiembre de 1906). Poeta y periodista, uno de los precursores del Rexurdimento. Junto a Manuel Murguía fue uno de los fundadores de la Real Academia Gallega. Fue también uno de los iniciadores del periodismo en gallego.


IMAGENES - Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao (RianXo, 1886; Buenos Aires, Argentina, en 1950) fue un político, escritor, pintor, y dibujante gallego así como uno de los padres del nacionalismo gallego. Estudió medicina y afirmaba: Fixenme médico por amor ó meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade ("Me hice médico por amor a mi padre; no ejerzo la profesión por amor a la humanidad"

----------------------------------



Decraracion da doutrina labrega

- Sodes labrego?

- Sí, pola miña disgracia.

-Ese nome de labrego, ¿de quén o recibiche?

- Do sacho que me fai callos nas maus, da terra que rego co sudor da miña testa, das mouras fames que paso, do aire que brúa nas miñas faltriqueiras, da monteira que levo na chola, da coroza de palla que me libra da chuvia, das cirigolas de estopa que me cobren de medio corpo abaixo, e doutras cativeces entre as que vivo aguniando.

- ¿Qué quere decir labrego?

- Home acabadiño de traballos, caste de besta de carga na que tanguen a rabear os que gobernan, ser a quen fan pagar cédula como as persoas pra tratalo como aos cás, que leva faltriqueira no traxe por fantesía, boca na cara por bulra, que anda de arrastro como as cobras, que fura na terra como as toupeiras, que traballa moito e come pouco, que á somellanza dos burros de arrieiro que levan o viño e beben a auga, precuran o trigo pra comer o millo, que anda langraneando por unha peseta sin
poder nunca xuntala, e que ven ser considerado polos seus somenllantes como un ninguén que a todo chamar chámanlle Xan Paisano.


-Qué entendes por home de labranza?

-Unha caste de boi posto de pé, unha máquina de sacar cartiños da terra.

- Cál é a sinal do labrego?

- A probeza.

- Por qué?

- Porque nela vivimos e morremos.

- De cántas maneiras usa o labrego deste sinal?

- De duas.

- Cáles son?

- Aúnar ao traspaso e andar á miñoca.

- Qué cousa é aúnar ao traspaso?

- Unha cousa moi condanada que fai debecer as carnes, abrir a boca, ronronar as tripas e inflar o estómago de aire.

- Qué cousa é andar á miñoca?

- Deitarse con apetencia i erguerse con fame; sentir antoxos de comer pan e de beber viño, e non facer máis que comer o xenio e beber os ventos.

- Mostrade cómo.

- Meto por equivoco as maus nas faltriqueiras e somente alcontro aire...; collo o saco do grau pra ir, ao muíño e non collo máis que lenzo; vou á casa dos que tenen a pedir un peso emprestado e si non me dan coa porta nos fuciños, despáchanme con palabras de moito peso, pro non co peso que eu cobizo; vai o recaudador pra que lle pague os trabucos e non hacho máis que disculpas que lle dar.

- Por qué metedes as maus nas faltriqueiras?

- Por non perder o costume que herdamos dos nosos pais que viviron máis acomodados.

- Por qué as levades á boca?

- Enganándonos, coidando que son pan pra ver si deste xeito enganamos ó estómago.

- Por qué as levades ao sacho?

- Porque en todo tempo e lugar os nosos gobernantes nos piden as pagas dos trabucos e os señoríos as rendas.

- Cáles son os vosos nemigos?

- Cóntanse por centos.

- Qué nemigos son eses?

- A maiores do mundo, do demo e da carne como teñen todalas xentes, temos un fato deles: nove ministros en Madrid, o Delegado da Facenda na provincia, o Adeministrador sa Subalterna no partido, o Alcalde, os concellais e o Segredario no Concello, o cacique da parroquia, o veciño de porta con porta, a miseria na casa, os pedriscos nos eidos, a fillosera nos viñedos, o recaudador metido na cabeza, os trabucos e a contribución territorial na cana dos ósos, a de consumos entalada nas
gorxas, a creencia de que nos hemos millorar de sorte no esprito, as falcatrúas da curia enterradas hastra o redaño,etc., etc., etc.

- E o traballo ten virtude contra eles?

- Non padre, nin ésta.

- E por qué non?

- Porque non hai cartos que lle cheguen nin o traballo rende pra contentalos


Division da doutrina labrega

- Xa vimos cómo sodes labregos, cómo estades acabadiños polo nome e pola fame de labrego, mais decídeme agora. Cántas cousas está obrigado a saber i entender o labrego cando chega a ter uso de razón?

R.- Catro cousas.

- Cáles son?

- Saber o que se deixa de comer, saber o que ten que traballar, esquecerse do que ten que pagar e non coidarse do que ten que recibir.

- Cómo saberá o que deixa de comer?

- Facendo recordo das larotas que se pasan ha sua chouza; establecendo comparanzas entre os magnates de bandullo a xeito de bombo, mofletes inflados, rexos e ben mantidos que se pasean, i entre os labregos que andan polas carrilleiras e congostras como almas en pena, esvaídos, fracos, esfameados, pensando no pan que non lles ven ás maus e nos cartiños que fuxen deles como da queima; botándolle olladas degorantes aos aparadores dos almacéns onde se vende xamón, salchichóns, pólos asados, perdices, dulces, conservas, queixos e outros manxares apetecentes;
pensando nas veces que polo día adiante se lle abre a ún a boca e se lle vai o estómago xa canso de non dixerir máis que patacas cando as hai pra comelas en cachelos, e sin sal moitas veces pra seren galegos enxebres sin gracia, pois malditos si gracia teñen nin xiquera lla fan ao estómago.

- Cómo saberá o que ten que traballar?

- Vendo que non hai un chavo nin unha cunca de fariña na chouza, que o recaudador non dorme, que hai que manter á muller e aos fillos, que os que gobernan non fan máis que pedir trabucos, que os que mandan queren ter sempre o comedeiro acugulado, que o presuposto de gastos é un pozo sin fondo, e que o presuposto de ingresos non pasa de ser unha cesta que os estadistas se degoran por encher de auga, que sin cartos non se pode dar un paso neste mundo, nin hai xusticia, nin dereito,
nin xiquera é ún xente, que desque lle chaman a ún volo no bautismo hastra niquitate no enterro, pasando pola confirmación en que nos dan unha lufiada na cara, hastra o matrimonio en que nos xunguen a unha muller pra facer unha xunta de boi e vaca que ha turrar polo carro da familia, temos que soltar os cartiños dunha maneira ou doutra, pois si non é por fás é por nefas.

- ¿Cómo poderá esquecerse do que ten que pagar?

- Poñéndose bébedo, volvéndose louco, meténdose cen brazas debaixo de terra ou morrendo.

- Cómo non se coidará do que ten que recibir?

- Facéndose de conta que ten os ósos de goma pra que non lle doan por moito que mallen neles, non pasándoselle nin polas mentes que ha recibir cousa que seña de proveito nin que valla diñeiro, porque os labregos, de recibiren, fora do ben que lles veña recibindo a Deus, non reciben máis que xiringazos.


Primeira parte na que se decrara o credo e os articulos

- Escomenzando polo primeiro: ¿quén dixo o credo?

- Os Apóstoles.

- Pra qué?

- Pra que andemos con el na boca.

- E vós pra qué o decides?

- Pra que Deus nos teña da sua mau, que boa falta nos fai.

- Qué cousa é fé?

- Creer o que non vimos.

- Vísteis as moedas de cinco pesos?

- Non, padre.

- E os billetes de Banco de cen pesetas?

- Non, padre.

- E creedes neles?

- O que é creer, creemos.

- ¿Por qué o creedes?

- Porque ouvimos falar deles aos ricos; porque sabemos que os nosos cartiños vanse xuntando nas faltriqueiras dos zumezugas de todalas castes, pra se convertir en moedas e bIlletes; porque nos deprocatamos de que á conta deles, trunfan e campan os que se alcontran no poleiro.

- Qué cousas son as que creedes como labregos?

- Os artículos, principalmente como se conteñen no credo.

- Pra qué son os artículos?

- Pra dar noticia dos deuses da nosa aldea.

- Quén son eses deuses?

- O Alcalde noso señor, o Segredario noso amo, e o Cacique noso dono.

- Quén é o Alcalde noso señor?

- É a cousa máis condanada que se pode decir nin pensar: un señor infinitamente malo, burro, larpeiro inxusto, principio de todalas nosas disgracias e fin de todalas facendas.

- A condanadísima trinidade quen é?

- É o mesmo Alcalde, o mesmo Segredario e o mesmo Cacique, tres persoas distintas e unha soia calamidade verdadeira.



-O Alcalde é deus?

- E sí senor.

- O Segredario é deus?

- Ogallá nono fora.

- O Cacique é deus?

- Así adoecera como o é.

- O Alcalde é o Segredario?

- Non señor.

- O Segredario é o Alcalde?

- Ás veces.

- O Cacique é Alcalde ou Segredario?

- Si nono é, como si o fora.

- Por qué?

- Porque si as persoas son distintas, vólvense unha soia cando se trata de mallar en nós, de zugarnos o sangue, ou de espremernos a faltriqueira.

- E logo cántas naturezas, entendementos e vontades hai neses deuses?

- Naturezas duas, unha de lobo e outra de porco; entendementos, ningún; vontades, a do Gobernador, a do Deputado, a do Xuez e as suas malas vontades.

- Cómo é deus o Alcalde?

- Mintindo unha influencia que non ten, agarapiñando votos nas urnias, sacándolle a monteira e facéndolle retesías aos que mandan, asoballando aos que ten baixo de sí, recollendo os xamóns das nosas chouzas e partíndoos cos magnates da vila, sacando cartos aos quintos cando se tercia pra seren os primeiros en riqueza e os últimos no reparto de consumos, armándolle a gaiola aos que non son da sua corda, repartindo os destinos do Concello entre a xente da familia, lobos da camada e os que se deixen ver por adiantado, estrapexando na política como os esgarabellos na bola, e facendo
en fin cantas falcatrúas se lle veñen ás mentes pra conservar o mandiño.


-Cómo é criador?

- Porque saca aos diputados e aos rexidores da nada.

- Pra qué criou Deus ao labrego?

- Pra servir ao Alcalde e morrer de fame nesta vida e si cadra vivir ardendo na outra.

- Ten o Alcalde figura corporal como nosoutros?

- Eso dí, anque pra nosoutros e como si víramos ao demo.

- Quén é o Segredario?


- É unha feitura do señor Alcalde, tan bó como el, e que se fixo Segredario pra nos reventar e darnos mal exemplo.

- Cántas naturezas, vontades i entendemento hai no Segredario?

- Naturezas, unha soia e abonda; vontades, a súa e a de todolos que ten por enriba, i
entendementos, si algún ten, máis valera que nono tivese.

- E cántas persoas e memorias?

- Unha soia persoa con moitas caras, e memoria a bastante pra acordarse do que lle ten conta.


- Qué quere decir Segredario?

- Acabador.

- De qué?

- Da nosa paciencla e dos nosos cartos.

- Cómo foi concebido o Segredario?

- Obrando o Alcalde e o Cacique contra natura e milagreiramente.

- Por qué decides contra natura e milagreiramente.

- Porque o Segredario non foi concebido nin naceu como os demáis homes.

- Pois cómo se obrou o misterio da concepción do Segredario?

- Na mala idea do señor Alcalde meteu o Cacique o pensamento de que pra acabar co país era preciso un home de sangue mouro, malas entranas e peores feitos; por un sopro do demo saíu un corpo como o desexaban, uníronlIe un alma atravesada, firmaron o nombramento, e o que denantes era somentes home quedou feito Segredario.

- E cómo naceu milagreiramente?

- Saíndo da cabeza do Alcalde sin detrimento da sua brutalidade, á maneira que sai un preso da Carce-Modelo sin romper reixas nin portas.

- Por qué quixo ser Segredario?

- Pra facer a vida do labrego un inferno.

- Qué entendedes por inferno?

- A aldea na que viven os labregos.

- Pois cántos infernos hai?


-Pois cántos infernos hai?

- O inferno dos que pagan trabucos e rendas, e non teñen pan que levar á boca; o purgatorio dos que van ao servicio do rei, vendo quedar os fillos dos ricos na sua casa; o limbo dos nenos onde se alcontran os que fan o aprendizaxe de labregos, descalzos de pé e perna, esfarrapados, acoradiños de fame, arrecadando o gando na chouza, e a leña no monte e sin ver xiquera unha letra da cartilla dos Cristos; e o limbo dos xustos, onde viven os alpabardas que creen nas predicacións dos políticos,
nas palabras dos diputados, na protección do Goberno, en que han de saír campantes dos seus atolladeiros sin untar o carro, i en que lles han facer xusticia tendo somentes razón: xente a máis feliz de todas porque cree que abonda traballar pra comer.

-Qué cousa é estar sentado á dereita do señor Alcalde

- Ter cuasementes o seu anaquiño de mando, poder turrar da corda pra os amigos, fcer toda caste de falcatrúas aos contrarios, remexer nas trécolas do Concello, e sacarlle sustancia a todolos negocios que lle pasan pola mau.




-Qué creedes cando decides que hai Concello?

- Que hai ali unha ducia de lampantíns dos que non se pode agardar nada bó: xente que cando se xunta non pensa máis que en esprememos o zume, en sacamos os cartos dos consumos e os fillos pra a guerra; en facemos traballar por prestación nos camiños que van dereitos ás suas casas; en quitarnos o voto de darnos a cédula persoal; espritos malinos que lle fan mal de ollo ás pitas do noso corral e aos porcos do noso cortello; que cando se axuntan é o mesmo que si se escornaran duas nubes de pedrisco sobre os nosos eidos, e cando se separan e pasan por diante de nós hai que
facerlles a cruz como ao demo e sacarlles a monteira como aos fidalgos.

- Ademáis do que levades dito, creedes outras cousas?

- Sí padre, porque todo o que se dí desa xentiña é pouco.

- Qué cousas son esas?

- Eso non mo preguntedes a min que non poderei contestalo por mor da curia que, como o zorro coas galiñas, ándanos gañando as voltas pra poñemos á sombra.

- Facedes ben en calarvos, porque en boca pecha non entran moscas, e ao bo calar chámanlle labrego.


Segunda parte na que se decrara o que se ha de pedir

Xa vimos como sabedes o que se ha de creer: veñamos ao segundo que é o que se ha de pedir. Das oracións que rezades, ¿cál é a que máis vos gusta?

- O Padre noso.

- Por qué?

- Porque ten sete peticións, que son poucas pra nosoutros, pois temos moito que pedir.

- Cáles son?

- A primeira é: Santificado seña o teu nome.

- Qué pedides nesa petición?

- Que lauden a Deus, o mesmo que nosoutros, aqueles que soio se acordan de El cando fan a carantoña, e pasan a vida facéndonos falcatrúas.

- Cál é a segunda?

- Veña a nós o teu reino.

- Quén pide eso?

- Aqueles que se dormen nas palIas mentras nosoutros adoecemos a traballar; os que fan polítlca nas aldeas pra encher o bandullo; os que maxinan que todalas cousas do mundo se fixeron pra eles e arrapañan co seu e co dos veciños; os que pra vivir agardan que lles caian no papo pans cocidos do ceo; e que os que sin traballar nin teren rendas viven fidalgamente.



- E vosoutros pedides o mesmo?

- Nosoutros pedimos o reino de Deus porque o deste mundo anda en maus de catro galafates.

- Cál é a terceira?

- Fágase a tua así na terra como no ceo.

- Qué pedides ahí?

- Pedimos que Deus veña a gobernar este cotarro que anda levado do demo.

- Cál é a cuarta?

- O pan noso de cada día dánolo hoxe.

P- Que pedides nesa petición?

- ¡E vostede nono vé santiño! Pedimos pan pra levar á boca, xa que pra nosoutros ou anda palas nubes, ou está pechado con cerrollo nas tullas dos vinculeiros. Pedimos algo que comer xa que traballamos como negros. Pedimos pan pra manter os fillos que nolo piden en coiro e coas manciñas dereitas. E non é moito pedir pan, xa que o compango é pra os que poden.

- Cál é a quinta?

- Perdóanos as nosas deudas así como nosoutros perdoamos aos nosos deudores.

- Que pedldes ahí?

- O que nonos han dar nunca: pois inda .ben non lle debemos un peso a calquera xa temos ao ministro á porta coa demanda. Os nosos deudores ben perdoados están porque ninguén nos debe nin un chavo.

- Cál é a sexta?

- Nonos deixes caír na tentación.


E con eso qué pedides?

- Que Deus nos teña da sua mau e que nos coute ben, porque tanto mallan en nós, e tales cousas nos fan, e tan amoladiños andamos, que si nos deixamos levar polo xenio e caímos nunha mala tentación, o día que menos se, pense non quedan nin os ratos na Alcaldía.

- Cál é a séptima?

- Mais líbranos de mal.

- E neso qué pedides?

- Que nos quite Deus de entre as uñas desta xentiña que non fai nada que pra ben seña.

- Qué quere dicir a palabra Amén?

- E unha cousa que os que mandan nos fan decir a todo.

- Cando decides ¡Ave-María! con quén falades?



Co repartidor de consumos cando nos dí a cota que se nos impuxo; co veciño que nos ven pedir unha peseta emprestada pra saír dun apuro; co Alcalde que nos aconselle que votemos ao candidato do Goberno prometéndonos montes e moreas; co médico que nos pide máis de dous ferrados de centeo pola avinza; co escribán cando nos notifica a tasa das costas do último pleito, e co señor Abade que nos dí que debemos aúnar na Cuaresma, esquecéndose de que aúnamos a traspaso o ano enteiro.

-Pra qué son os ánxeles?

- Pra gardarnos.

- Logo os labregos tedes ánxeles que vos garden?

- Sí padre, pero ás veces parece que se dormen a xuzgar polo desamparo en que nos deixan.


Terceira parte na que se decrara o que se ha de obrar
Xa vimos o que habedes de creer e pedir; vexamos agora como sabedes o que habedes de obrar; decide: ¿Cál é o primeiro mandamento?

- Amar a Deus sobre todalas cousas.

- ¿A qué nos obriga este mandamento?

- A adorado e creer nel e non desconfiar por moitos males que nos sucedan, pois xa sabemos que neste mundo ten que haber de todo, bó e malo; de maneira que si hai raposos que nos leven as galiñas, tamén hai bois que nos axudan a labrar os eidos; si temos lobos que nos coman as ovellas hai tamen cans que nos garden a facenda; si criamos porcos no cortello, non faltan aduanantes que conten por adiantado cos seus perniles; si ternos fillos que nos axuden, non faltan reis que os leven pra o seu servicio; si dispomos de viño pra quentar o estómago, tamén hai filoxera que estraga as viñas. Por eso debemos folgarnos do bó, levar con paciencia o malo, e Deus sobre todo.

- ¿Cál é o segundo?

- Non xurar en vano.

- Quén peca contra ésto?

- Os que relaxados polas que lles fan xuran e perxuran tomar a xusticia pola mau, queimando palleiros, decotando cepas, arrasando labradíos, botando herba dos ratos nos currais dos veciños, armándose de moca pra lle meter con ela as razóns na cachola ao contrario e facendo outras cativeces deste xeito; os que por unha poia de pan e tres netos de viño sirven de testigos falsos nos pleitos e nas causas criminais; os que botan sapos e cobras pola boca a calquera contratempor que teñan; os que xuras acabar cos bens do veciño, levados pola xenreira; e os que por botarse de valentes non dín tres palabras arreo sin misturar entre elas unha porcallada.

- Cómo se xura en falso.

- De calquera maneira, porque non hai cousa máis fácil no país. Todalas aldeas contan con picapleitos estrapexantes que poñen escola de testigos falsos, namentras as outras están pechadas. Por unha picallada e sin escrúpulos de conciencia botan a presidio a calquer home de ben; por un par de pesetas non falta quen coa mau en cruz xure, que víu polos seus ollos, e así Deus o salve, voar os burros vestidos de gardas civís os mosquitos, tirar dun carro dous porcos e cantar misa unha ovella,
ou facer un Alcalde boas obras.


-Cál é o terceiro?

- Santificar as festas.

- ¿Quén peca contra ésto.

- Todolos labregos, porque aínda que oiamos a misa non podemos gardar a festa, pola mor de tornar a auga dos lameIros, de arrecadar o gando, de dar de comer aos porcos, de levar o grau ao muíño, e outras angueiras que non teñen agarda.


- Cál é o coarto?

- Honrar pai e nai.

- E qué entendedes por eso?

- Darlle aos nosos pais a millor vida que podamos, namentras non chegamos a herdalos.

- Qué máis obrigacións hai neste mandamento?

- As dos superiores cos inferiores e as dos pais cos fillos.

- Cómo as cumprides?

- Mandando os fillos á escola pra que non estorben na casa cando non temos que lles dar que facer; sacándolle a monteira aos señores cando os atopamos nos camiños e facéndolle a flga por detrás; entrando coa orella gacha na casa dos que mandan pra saír dela botando raios e centellas.




-Cál é o quinto?

- Non matar.

- Quén peca contra el?

- Nosoutros non señor, pois, por non matar, nen xiquera matamos a fame.


-Cál é o sexto?

- Non fornicar.

- Quén peca contra este mandamento?

- Vellos e mozos todos puxemos nel as nosas maus. Pecan as mozas churrusqueiras que lle chiscan os ollos aos mozos nas romerías; os rapaces que andan de noite ao sarau rondándolle a porta ás nenas; as parexas que se perden entre os centeos botando de perda o fruto; os que ventando unha muller escarramelan os ollos i ensinan os dentes como os burros; os que lle van facer cóxegas ás muiñeiras e as fan bulir máis que o rodicio, saíndo dempois todos enfariñados; os que apagan o candil nos fiadeiros pra andar ás apalpadelas; os que véndose entre mulleres non poden ter as maus quedas; os que bailan o agarradiño nos turreiros pra se agarraren sin bailar nas carballeiras;
os que dando palabra de casamento non fan máis que as obras; os que ao volver das festas acompañados non chegan hastra media norte á casa; e pra decilo dunha vez, todolos que gastan calzóns e monteira ou dengue e muradana.


-Cál é o sétimo?

- Non furtar.

-Quén peca contra este mandamento?

- Os que non contentándose co que Deus lles dou procuran apañar o alleo; os que andan coas maus no poze do presuposto; os da curia que fan letras como garabanzos porque cobran por pregos os seus dereitos; os xastres que nos piden unha vara de pano pra facer unha monteira; os que se gobernan desgobernando; os médicos que con unturas de ouro inutilízannos os fillos pra o servicio do rei; os tendeiros que pesan coa romana do demo, e miden cunha vara polo xeito da xusticia; os
empregados que non teñen tempo pra despachar os nosos asuntos porque todo lles e pouco pra fumar cigarros e falar mal do Goberno; os que nos expremen o zume finxindo que nos protexen; os que nonos fan ningún servicio, non andando diñeiro por diante; os usureiros que encabalan os réditos; e outros moitos que fora largo contar, porque o mundo está cheo de gatos que andan sempre á caza dos probes ratiños de aldea.


- ¿Cál é o octavo?

- Non levantar falso testemuño nin mentir.

- Quén peca contra este mandamento?

- Os deputados que dín no Congreso que o país adianta e que o Goberno traballa por millorar a moura sorte dos labregos; os partidos políticos que aseguran que contan coas simpatías do país; os que casándose con muller rica, fea e vella, sosteñen que se casaron namorados; os que a todalas mozas lles dan palabra de casamento; a muller que aos vinte anos dí, en certos casos, que na sua vida outra lle pasou; o Avogado que lle dí a unha litigante que non lle cabe dereito e logo resulta o contrario; o Médico que consultando á ama dun crego dílle que non ten cura; o sancristán que pide
pra as Ánimas; e todos nosoutros que ás veces esquecemos a verdade.

- Cál é o noveno?

- Non cobizar a muller do veciño.

- E pecades contra este mandamento?

- Según seña ela, señor.

- Cál é o décimo?

- Non cobizar os bens alleos.

- Quén peca contra eso?

- Todolos labregos, porque non hai un que non poña os ollos nas leiras do veciño.


Os mandamentos da igrexa labrega son cinco :

O primeiro oír como nos aldraxan os que mandan, como quen oie chover.

O segundo mudar de camisa unha vez ao ano, ou denantes si teñen que enterralo a ún.

O terceiro comulgar con rodas de muíño.

O coarto aúnar por boas ou por malas.

O quinto pagar por todo e pra todo, e pagalas todas.

- ¿O primeiro a quén obriga?

- A todolos que teñen algo que perder, pois si non repoñemos sáinos pior a conta.


-E o segundo?

-Obríganos a todos, anque ás veces se nos esqueza o cumprilo.

- Vindo ao terceiro, cómo se comulga con rodas de muíño?

- Vendo como nos quitan a razón en todalas cousas, e tendo que nos conformar co que veña; deixándonos engrolar por todolos baduantes, por non saber que opoñerlles; pagar o sesenta por cento a un usureiro e oírlle decir que aínda nos axuda; indo a votar ás urnias sabendo que é como si non fóramos; e pra acabar dunha vez, deixándonos levar polo último que chega.

- A quén obriga o coarto mandamento?

- A todolos labregos dendes de que nacen hastra que morren.

- ¿Por qué?

- Porque cando non hai que levar a boca é forzoso o aúno; que anque dicen que hai no mundo pan dabondo pra todos, a verdade é que poucas veces chega á nosa boca, i eso de millo, resésego e ben tasado.

- Cómo aúnan os labregos antes de ter uso de razón?

- O mesmo que despois: a traspaso.


- ¿A quén obriga o quinto mandamento?

- Non hai quen se escape del.

- ¿Con qué pagades por todo?

- Cos nosos cartiños e co noso lombo.

- ¿E con qué as pagades todas?

- Co noso lombo e cos nosos cartiños.

-E qué pagades?

- Os trabucos e as falcatruadas que fan outros.


-E por qué lles chamades trabucos?

- Porque é unha cousa que hai que pagar aunque ún non queira e anque non teña con qué, pois doutro xeito embárgannos o pouco que temos; de maneira que nos fan ciscar as cadelas o mesmo que si nos puxesen un trabuco ao peito.


As obras de misericordia son catorce:

as sete espirituais e as sete corporais.

As espirituais son éstas:

A primeira ensinar ao que non sabe librarse das gaiolas que a miundo nos arman.

A segunda dar bós consellos aos que están pra caír.

A terceira correxir aos que non ven por onde camiñan.

A coarta perdoar as inxurias hastra que ún poida facer o seu xenio.

A quinta consolar ás mulleres do que emigran pra as Américas.

A sexta sofrir con paciencia, namentras non haxa outro remedio, as fraquezas e malas ideas dos que mandan.

A séptima rogar a Deus polos nosos alcaldes difuntos.

As corporais son éstas:

A primeira visitar as bodegas dos veciños.

A segunda ensinarlle o camiño da taberna aos que teñen fame, e deixarse ir si convidan.

A terceira ensinarlle o camlño da fonte aos que teñen sede.

A coarta redimirnos cando chegue o caso.

A quinta mandar ao xastre aos que non teñen cirigolas.

A sexta dar pousada ao pelegrino si ten con qué pagar.

A séptima levantar mortos.


Coarta parte

na que se decraran os sacramentos que se han de recibir
Xa vimos cómo sabedes o que habedes de creer, pedir e obrar; vexamos cómo sabedes o que habemos de recibir, que é o derradeiro: decide os sacramentos:

Os sacramentos da igrexa labrega son sete

O primeiro, Bautismo.
O segundo, Confirmación.
O terceiro, Penitencia.
O coarto, Comunión.
O quinto, Extrema-Unción.
O sexto, Orden.
O séptimo, Matrimonio.


-Prá qué é o bautismo?

- Pra nos facer cristianos anque logo nos traten como mouros, e pra que teñamos un nome co que se nos coñeza nos recibos da contribución, nas listas do sorteo de quintas, nas citacións a xuicio e noutros documentiños por este xeito.

-Pra qué a Confirmación?

-Pra que non botemos de perda o noso nome e pra que, coa lufiada que nos dan na cara ao confirmarnos, nos vaiamos afacendo as que máis adiante nos han de dar no lombo.


-Pra qué a Penitencia?

- Pra purgar os pecados alleos, que os nosos ben purgados os temos coa vida arrastradiña que levamos.


-Pra qué a Comunión?

- Pra que manteña as nosas almas xa que os corpos andan famentos como Deus e nosoutros sabemos.

- ¿Qué se precisa pra comulgar?

- Pra os que non son labregos estar en aúnas dendesde as doce da derradeira noite; nosoutros como sempre temos o estómago valeiro, e podemos comulgar a calquera hora.


-Pra qué a Extrema-Unción?

- Pra tres cousas.

- Cáles son?

- A primeira pra quitar os rastros e reliquias da mala vida que nos fixeron pasar; a segunda pra dar esforzo á alma contra as malas tentacións; a terceira pra dar saúde ao corpo si lle convén.



-Qué sentides cando recibides a Extrema-Unción?

Unha grande alegría porque coñecemos que logo nos vamos quitar do lomo a pesada carga da vida; algo así como sinte o que pousa un feixe de leña despois de traelo desde o monte hastra a casa, ou como o que pasados doce anos de presidio se atopa libre. Ao poñerlle a ún a Extrema-Unción acórdase de que se acabaron pra sempre os días enteiros de turrar polo sacho, de pasar fames negras, de andar pouco menos que en coiros, de pagar a territorial á Facenda, os consumos ao Axuntamento, as rendas aos señoríos, as costas aos Xuzgados, os fillos ao Rei, os dereitos ao Abade, as consultas ao abogado, as visitas ao médico, as recetas ao boticario, sin contar co panadeiro, co taberneiro, co xastre, co zapateiro, e con outros moitos, porque os labregos parece que non viñemos ao mundo máis que pra pagar sempre, e inda que nos chamemos cristianos non deixamos de ser os paganos eternos. Pola Extrema-Unción sabe ún que se vai ver libre do Alcalde, do Segredario, do Cacique, dos aduanantes de todalas crás; sabe que se acabaron o madrugóns e os traballiños todos; e, ao recibila vé o labrego que logo chega o día en que despois de tantos anos de forzar na terra pra facela producir, vaille servir de cama .onde poida descansar pra sempre, dempois de decirlle ao mundo: "¡ahí queda eso!”.


-Pra qué é a Orden?

- Pra que algúns fillos de labregos cheguen a ser xente


-Pra qué o Matrimonio?

- Pra nada bó, señor. O matrimonio é unha cousa que facemos, como se fan outras tantas burradas. Ven ser algo semellante con xunguirse a un carro, e turrar del hastra morrer. Cando ún non ten pan que meter na boca ocúrreselle levar pra a casa unha muller que lle axude a pasar fame, que é como decir: "Ti que non podes lévame ás costas". Despois veñen os flllos, que non faltan nunca nos matrimonios labregos, i entón, sí que é ela. Hai que mantelos, hai que vestllos, hai que mandalos á
escola si cadra, hai que atendelos nas suas enfermedades, hai, en fin, que facelos homes. E cando xa empezan a servir pra algo e axudarnos nas angueiras da casa, lévanos pra o servicio, e mentras eles van a facerse matar á guerra, e si volven é cun brazo ou unha perna de menos, nosoutros quedamos vellos e acabadiños sin podernos valer, i expostos a morrer esquecidos como cans.


-Teñén que estar en gracia de Deus os que se casan?

- Eso dín, pro eu coido que o que hai que estar é deixados da sua mau.



-Cáles son os pecados capitais?

- Soberba, avaricia, luxuria, ira, gula, envexa e preguiza.


-Qué é soberba?

- É un verme que se lles mete na cabeza aos que agarran un anaquiño de mando.


-Qué é avaricia?

-Unha cuchumillada que, nos dá molto que rascar e que roe, roe, vamos despelexando pouco a pouco.


-Qué e a luxuria?

-Unha mala fada que nos leva ao matrimonio, como os bois ao matadeiro.


-Qué é ira?

-Unha cousa que si nos deixáramos levar dela...


-Qué é gula?

-Eso non llo pregunte aos labregos: as xentes acomodadas poderanllo responder.


-Qué é envexa?

-Un aguillón que se nos crava na alma cando vemos os bens e a facenda dos veciños.


Qué é preguiza?
R.- Un luxo que non podemos permitirnos os que traballamos.

Os nemigos da alma, dos que temos que fuxir, son tres :
O primeiro, é o mundo.
O segundo, o demo.
O terceiro a carne.


-Quén é o mundo?

-Todolos malos homes que comen, viven, trunfan e campan a conta do noso traballo.



-Quén é o demo?

-Un coitadiño que noutros tempos foi espantallo das xentes, e que agora veu tan a menos que nin xiquera caso lle fan os rapaces da escola.


-Qué é a carne?

-Unha cousa que dín que se come, e que sabe ben, e que mantén moito, da que temos ouvido falar a miudo, pro que nonos nos pasa polas gorxas inda que nos pase polas mestes.


As benaventuranzas son oito:

1ª. Benaventurados os probes, porque serán tratados como bestas de arrieiro.

2ª. Benaventurados os mansos, porque todo o mundo mallará neles.

3ª. Benaventurados os que choran, porque mamarán.

4ª. Benaventurados os que teñen fame e sede da xusticia, porque os fartarán de presidio.

5ª. Benaventurados os misericordiosos, porque os amolaran canto poidan.

6ª. Benaventurados os limpos de corazón, porque tamén estarán limpos de faltriqueira.

7ª. Benaventurados dos pacíficos, que todos lles farán a guerra.

8ª-Benaventurados os que padecen persecución, porque ademáis de ir á cadea pagarán as costas.


-Qué dixemos agora?

-Oito verdades como oito pans centeo.



-Quén son os probes?

-Os coitados labregos que non saben o qué é un día de fartura.


-Quén son os mansos?

- Somos tamén nosoutros, porque nos amansan a fungueirazos.


-Quén son os que choran?

-Os que saben pedir a tempo e baixarse a todo o mundo pra lograr o que cobizan


-Onde mamarán?

-No ubre do presuposto


-Quén son os que teñen fame e sede de xusticia?

-Os que non teñen padriño


-Quen son os misericordiosos?

-Catro pipiolos, que non saben con quen aran


-Quén son os limpos de corazón?

-Os que nunca foron nada, sin tiveron xeito de emporcar as maus


-Quén son os pacíficos?

-Os bois e nosoutros


-Quén son os que padecen persecución pola xusticia?

-Os que lle fan a contra aos que mandan

No hay comentarios: