viernes, 18 de noviembre de 2011

O BNG acusa ao alcalde de demagoxia a respecto da proposta nacionalista sobre o fondo artístico de Novacaixagalicia

O BNG acusa ao alcalde de demagoxia a respecto da proposta nacionalista sobre o fondo artístico de Novacaixagalicia

Vigo, 17 de novembro de 2011.- O portavoz municipal do BNG, Santi Domínguez, diante das declaracións do alcalde da cidade con motivo da proposición do BNG no Parlamento de Galiza a respecto do fondo artístico de Novacaixagalicia, asegurou que “unha vez máis nos atopamos diante da mentira e o engano á cidadanía á hora de opinar sobre esta proposición”. Segundo critica o nacionalista, “venderon as caixas e agora queren regalar os cadros”.

Santi Domínguez explicou que o BNG levará ao pleno do Parlamento unha proposición na que se insistirá en que este fondo artístico “non se venda de calquera maneira como se ten feito coas caixas galegas”. Segundo dixo, “o BNG defenderá sempre que as obras que neste momento se encontran expostas na nosa cidade permanezan nela e que se poidan acomodar nos dous museos municipais que as poden albergar”.

O portavoz municipal do BNG sinalou que a referencia ao traslado destes fondos á futura pinacoteca do Gaiás “faise exclusivamente para aquelas obras que na actualidade non están expostas e permanecen sen poder ser visualizadas polos galegos e galegas”. Ao respecto, Santi Domínguez lembra que se trata dunha colección integrada por 5.500 obras, polo que é imposible ubicalas nos museos da cidade. “É lóxico e racional que aquelas que non estean expostas nestes momentos se poidan trasladar a pinacoteca de Galiza, mentres que as que actualmente si están expostas poidan permanecer en Vigo”, afirmou.

“Os vigueses e viguesas poden ter a absoluta certeza de que o BNG non vai permitir que as obras actualmente expostas na cidade vaian fóra nin que as outras queden agochadas ou saian fóra de Galiza”, destacou o nacionalista. Segundo Santi Domínguez, o alcalde de Vigo debería preocuparse por que estas obras queden na cidade e en Galiza “e non acaben en Murcia e Albacete”, apuntou.

Domínguez subliñou que dende o BNG “sempre defenderemos que a obra de Novacaixagalicia na nosa cidade permaneza nela”. Lembrou que grazas ao BNG si vai ser posible expoñela nun recinto emblemático como a Pinacoteca e nun museo grandemente remodelado como é o de Castrelos, “algo que tivo que poñer en marcha o BNG e tanto o goberno de Caballero e anteriormente o de Corina Porro non foron quen de facelo”, indicou.

Nesta liña, o portavoz nacionalista destacou que o que ten que facer o alcalde é abrir “dunha vez por todas a Pinacoteca, dinamizar e revitalizar o museo Quiñones de León como fixo o BNG no anterior goberno e non pechar os museos e reducir os seus horarios como está a facer o actual goberno municipal”.

“O importante fondo pictórico de Novacaixagalicia é de todos os vigueses e viguesas e de todos os galegos e galegas, polo que o importante agora é deixarse de demagoxias e apostar para que ese fondo se poida expoñer na nosa cidade, en Galiza e evitar que sexa vendido a calquera prezo como se ten feito cos aforros dos galegos e galegas”, asegurou o nacionalista.


Comentario-


Limitome a reproducir este artigo que me fai chegar o BNG

No hay comentarios: