sábado, 18 de junio de 2011
O Salonciño: roupa exclusiva no corazón de Vigo
Quen volva a queixarse de que en Vigo (en Galicia!) non é posible escapar das prendas de Inditex ou H&M sen ter que empeñar un ril, que toda a roupa é igual en todas partes e só se poden mercar vestidos ou camisetas ou saias bonitas e diferentes saíndo a Madrid, debería ir antes de seguir falando ao Salonciño, un showroom con vistas ao mar situado no Paseo de Alfonso XII.
O Salonciño (gústanos máis chamalo así que showroom) ten lugar na oficina de Inés de Hey Juddy, deseñadora, ilustradora e artista en xeral, onde todos os xoves de 17 a 21 horas se reúne con Finu de Candacol e Silvia de Le Chanelas para amosar e vender os seus deseños: roupa, sombreiros, bolsos, cadros e accesorios que farán as delicias dos que busquen vestir algo único sen sufrir moito ao pagalo.
Inés cóntanos que O Salonciño naceu hai cousa dun ano, un pouco para poder “ir dando saída” aos seus deseños. “En tendas é imposible”, asegura, porque para ter tamén beneficios, as tendas “dobran os prezos”. E entón é cando o gran mito de que a roupa exclusiva ou de deseño ten prezos prohibitivos vólvese una realidade. “Vigo necesitaba algo así”, porque “é unha cidade grande” onde non había nada parecido. Unha necesidade que necesitaba (redundancia) ser cuberta.
O Salonciño está un pouco escondido (nun primeiro piso), pero iso non significa que a xente non o atope. De feito, Inés conta que a acollida está a ser moi boa, a pesar de non contar con “grandes medios” para publicitarse. Amigos e contactos, Internet e, sobre todo, “o boca a boca”: xente que por unha vía ou outra descubre O Salonciño e llelo conta aos seus amigos. Os máis observadores tamén poden chegar se se decatan desde a rúa do monstro azul que saúda pola ventá do piso e deciden satisfacer a súa curiosidade subindo as escaleiras.
O que atoparán será un espazo no que cada deseñadora ten o seu recuncho coas súas creacións: moita roupa, algúns accesorios e uns cantos cadros. Os prezos? Hai de todo: desde camisetas por 20 euros ata vestidos por 100 (pero tamén por menos!), cadros por 50 e pendentes con historia (baseados en cancións!) por 15. O lugar perfecto para mercar un regalo (ou para darnos un pequeno capricho).
Todo nun ambiente amigable e cercano, e baixo a atenta vixilancia de Udo, o adorable can de Inés que é, segundo palabras de Finu, “o verdadeiro dono do Salonciño”.
* O Salonciño está todos os xoves de 17 a 21 horas no primeiro piso do número 5 do Paseo de Alfonso XII en Vigo.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario