domingo, 6 de septiembre de 2009

Os últimos titiriteiros


Os últimos titiriteiros
Opinión ciudadana · Faro de Vigo - domingo, 06 de septiembre de 2009
2009 © Opinión ciudadana · Faro de Vigo

escrito por Eduardo Prieto Casares
A última vez que pasaron os titiriteiros pola miña aldea, Sacardebois, tres carromatos de xitanos turrados por unhas mulas fracas con mancaduras nos cadrís, coido que foi por 1956. Lémbrome desta data, andaba eu polos nove anos, porque un dos artistas díxome no medio da representación: eh, rapaz, sube ó escenario! Non tiven tempo de reaccionar, porque os malvados titiriteiros me colleron dos brazos e alí me vin, coitadiño eu, no medio do escenario de táboas perante todos os meus veciños, que me estaban a queimar cos ollos, fitándome, espectantes antes da miña improvisada actuación. Entón, o pallaso, despois de xogar comigo cun funil con poderes máxicos, obrigándome a mexar, mentres mo ía colocando por distintas partes do corpo, sacou un coitelo da faldriqueira, ergueuno cun asasino movemento e cravoumo na barriga, morrendo de contado na ara do sacrificio. Despois dun anaquiño, aparvado navegando na barca de Caronte cara á outra banda, abrín un ollo para destila-la alma, aínda que vendo que seguía a respirar, decatando o tranganillo da coitela retráctil, fun volvendo á vida cun lene sorriso de anxo resucitado. Erguín do chan, levei as mans ó bandullo, procurando as feridas da arma branca, e coa mesma, molladiño coma un pito enchoupado, escapei do escenario, saltando á fume de carozo do lugar do crime. Despois dun berro afogado, traguei cuspe e pensei para os meus adentros: hei, rediola! destas merendas, poucas.

No hay comentarios: