jueves, 29 de abril de 2010

O Congreso aproba, cos votos en contra do PSOE, a proposición do BNG sobre o IVE para os alimentos




Madrid, 27 Abril 2010. O Pleno do Congreso dos Deputados aprobou este serán, e a pesar do voto en contra do PSOE, admitir a trámite a proposición de lei do BNG que demanda a aplicación do IVE super reducido do 4% a todos os produtos alimenticios. A iniciativa do BNG recibiu o respaldo de todos os grupos da Cámara agás o socialista. O resultado da votación foi: 173 votos favorábeis, 167 en contra e 2 abstencións.

O deputado do BNG, Francisco Jorquera, defendeu esta iniciativa parlamentar porque en primeira instancia “correxirá a aplicación desigual de tipos reducidos da IVE, beneficiará aos consumidores que nunha situación de crise verán reducido o prezo de produtos básicos, e tamén contribuirá a mellorar a situación do sector pesqueiro e a do agro-gandeiro”.

Carne, peixe, auga e conservas tributan ao 7%

Explicou Jorquera que ao tipo super reducido do IVE tributan o pan, as fariñas, o leite, os queixos, os ovos e case todos os alimentos vexetais. “Pero tributan ao 7% o resto de produtos relacionados coa cadea alimentaria como a carne, o peixe, a auga e as conservas. De igual xeito sucede coas entregas de bens ou cos servizos prestados no seno da cadea alimentaria aos labregos, gandeiros e mariñeiros”.

Para o parlamentar do BNG trátase “dunha distinción artificial e arbitraria e non ten xustificación se a relacionamos coa composición actual da cesta da compra”. Así, enfatizou que os alimentos supoñen case o 34% do total, e o maior peso o ten a carne que representa o 12,7% do gasto total da cesta da compra, seguida do leite co 6,2%, o pan co 4% e o peixe e as froitas e hortalizas co 3,6%.

Os consumidores serán os grandes beneficiados

Precisamente, subliñou Jorquera, dous dos produtos máis consumidos, a carne e o peixe que supoñen o 47,6% do gasto en alimentación, “aínda tributan ao 7%,e a partir do segundo semestre, faráno ao 8%.”. Neste sentido, a aplicación da proposición de lei do BNG suporía unha importante rebaixa no custe da cesta da compra.

Jorquera puntualizou que os “grandes beneficiados serán os consumidores, sobre todos, os de rendas máis baixas. Sen esquecer que a modificación que propomos permitiría amortiguar o efecto negativo que a suba do IVE pode ten nos prezos e no consumo”.

No hay comentarios: