miércoles, 9 de julio de 2008
PABLO EIFONSO DE VIGOBLOG
Pablo Eifonso dijo...
O que a min me gustaría salientar -e iso intento co que escribo no post- é a irracionalidade das propostas sobre o litoral. Irracionalidade porque ignoran a existencia mesma da cidade histórica e consideran -de feito- á ría como un recurso menor que é necesario "poñer en valor" urbanizándoo. Disto se trata no proxecto da Autoridade Portuaria: de establecer un espacio NO MAR sobre o que construir (e de paso, poder pasear, pero para poder pasear, dinos, hai que "financiar" construindo (hoteis ou caras prazas de amarre, tanto ten). Fronte a todo isto hai algo obvio que incríblemente se nos oculta: a existencia dunha larga "plataforma" gañada ao mar entre o século XIX e XX, en parte de uso público (Montero Ríos, Areal, Berbés, Beiramar) e en parte con usos porturarios. Unha plataforma que ten como bordo urbano unha esmorecente pero magnífica arquitectura histórica e tradicional trama urbana e un histórico xardín. Unha zona portuaria que, ao parecer, é factible reordenar para producir un mellor, máis accesible e de máis calidade contacto entre esa "plataforma" e o mar.
"Agóchasenos" tamén que hai alternativas para a ampliación, se fose necesaria, da liña de atraque de trasatlánticos, pois existe unha escolleira de 750 metros de longo que é o bordo dunha impresentable masa de naves industriais sobre o recente e inorme recheo do Berbés (ver foto do post, coa perspectiva das naves do Berbés dende o Paseo de Alfonso).
Manteño que os macroproxectos que periodicamente se propoñen para Vigo (sexa a Colina Encantada, a ponte a Cangas, o teleférico de Leri, a Cidade da Auga, a zona de ocio da ETEA ou as varietés portuarias...) só poñen de manifesto a ausencia absoluta nos nosos políticos e nas estructuras partidarias en Vigo dunha cultura urbana que se poida chamar tal. Carecen de elementos intelectuais e físicos de referencia, son incapaces de interpretar a complexidade urbana e social de Vigo e solucionan pola vía fácil: impresionar. Isto todo no mellor dos casos, porque no pior e non descabellado, do que se trata é de algo moito máis prosaico: de puros e duros intereses crematísticos por activa ou pasiva.
Arrastramos unha subcultura -chameina "sotista" por aquí- que provén do oportunismo, o pragmatisco e o cambalachismo de 12 anos de goberno "de fortuna" do compañeiro. El marcou a pauta e os gobernos subseguintes non necesitaron pensar a cidade, só seguila. Se cadra, dúas excepcións (por chamalas dalgunha maneira) puideron cambiar tal inercia: a irrupción de Camilo Nogueira co partido Esquerda Galega alá polo 91, que semellaba traer outra "cultura" baixo o brazo, e o equipo municipal presentado polo PSOE nas últimas municipais encabezado por Ventura Pérez Mariño. Ámbalas dúas significaron soamente unha cara anécdota do "discorrer" das cousas coo debe discorrer. Nunha e outra, as forzas vivas da cidade colocaron a cada un no seu sitio, e non existíu -nin existe- masa crítica que opoñer.
O último episodio, para min, dese cambalache trasacórdistico (perdón) é o outro proxecto litoral, a ETEA. Se por un momento pensamos que a racionalidade se impoñía cun proxecto nada invasivo e con alto valor engadido como a cidade do mar, rapidamente debemos decatarnos que o fluxo sotista se ía impoñer: ao final, a ocorrencia salta (bueno, os intereses privados) e nos ofrecen deslumbrarnos: científicos con maioretes, cóbado con cóbado.
Hai que opoñerse firmemente neste momento, penso, xerando o máximo nivel posible de información e conciencia.
Xogámonos a ría e a nosa propia calidade de vida con estes energúmenos.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario