viernes, 18 de julio de 2008
O VESTIDO VERMELLO
Un día a avoa dixo: "temos que ir a Vigo". Mirou para meu irmán e para min e con cara de preocupación decatouse que que non tiñamos roupa axeitada para ir a cidade.
Ao día seguinte marchou moi cedo a feira de Mondariz. Voltou con xurelos que tanto me gustaban, asados a brasa, pero eu non deixaba de ollar para un paquete grande. "Abre, abre" . Rachei o papel buscando con degoiro o tesouro que contiña...Fiquei totalmente abraiada, a tea máis fermosa que mirara na miña vida apareceu diante dos meus ollos. Era encarnada, de ese vermello que non podes afastar os ollos ainda que queiras e tiña unhas increibles flores verdes.
A avoa ría ao mirarme tan contenta preguntou. ¿Gustache?- Conseguin dicirlle que si con verdadeiro esforzo pola emoción que sentía
Veu Maria a costureira e ante a atenta mirada da avoa, pouco a pouco, aquela tea foise convertendo no vestido más fantástico que tiven na miña vida. Moito vo, unha grande lazada detrás, longo bastante para que servira para as medras e as mangas longas dabondo tamén. Cando o probei dei voltas e voltas diante do espello, biquei a avoa e a costureira e a todo o que se puxera por diante. "Anda sacao que aínda o vas a estragar antes da estrea" dixo a avoa, mostrando unha cara de enfado que en realidade non sentía.
E chegou o día. O coche de línea saía as sete da mañá pero a avoa xa nos fixo erguer as cinco. Mireime no espello- ¡Unha raiña!- pensei. O fermoso vestido, os zocos que me mercara meu avó, ben engraxados para que non lle entrara a humidade...
A avoa estaba vestindo ao meu irmán. Atopara un pantalón nun baúl. Era dun fillo que morrera na guerra. O tiña agochado como unha reliquia pero considerou que era unha boa data para que o levara o neto. Era moi grande pero cuns tirantes non caía. Brincamos, choutamos para escoitar o ruido das tamancas, bicamos ao avó e a María Rosa a criada e marchamos.
Cruzamos o Vigo da época andando e ao chegar ao Paseo de Alfonso miramos a nosa nai no mostrador da Panadería e botamos a correr. Aquela muller ficou paralizada, nos miraba e miraba para a rúa. Nos tirabamoslle do vestido buscando un bico pero ela non se movía. Eu dei voltas e voltas, fixen todo tipo de contorsións para que se decatara da fermosura do vestido e ela seguía con aquela mirada perdida como pedindo que desaparecera o mundo. Intentei comprender o que pasaba, mirei a miña nai e despois a avoa, unha vágoa corría pola súa meixela....
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario