viernes, 18 de julio de 2008

A CORDEIRA



Supoño que o que leu o capítulo anterior quedou un pouco preocupado polo fin do vestido vermello. Pois vos digo que a pesar de que a miña nai mandounos unha morea de roupa nova, o vestido das flores verdes segueu a ser o meu preferido.

Teño que confesar que tamén me causou grandes problemas. A Cordeira, unha das vacas dos meus avos, nunca sentíu simpatía por min, iso xa o sabía, pero cando me miraba co devandito vestido poñíase tola. Un día intentou aplastarme contra un muro, menos mal que a agarrei polos cornos até que viñeron a salvarme, e outro día escornoume, mandoume por unha veiga abaixo e creo que aínda teño o sinal detrás dun xeonllo.

Eu ía a cataquese. Tódolos rapaces ficabamos nos bancos sen respirar. Don Ezequiel, o cura, coa cara abotargada polos grolos de viño, colorado coma un tomate berraba: Niños, los mandamientos de la ley de Dios están para cumplir... ardereis en el fuego eterno para siempre siempre, para toda la eternidad. Eu ollaba para os anxos que había nun retablo. Aquelas cabezas de neniños intentando asomar entre as chamas cos ollos fora das órbitas....No fornicar.... ¿que dixo? pensei

Ao sair sempre quedabamos xogando orredor da igrexa, por enriba das tumbas. Os mortos non nos daban medo. Eu temía ás palabras- SIEMPRE, JAMAS, POR TODA LA ETERNIDAD, PARA SIEMPRE, SIEMPRE.....

Achegueime a Xosé María, el o sabía todo ¿Que é fornicar? Preguntei
Pinar- dixo e marchou correndo

Cando estabamos ceando preguntei ¿Que é pinar?

O avó, a avoa y María Rosa ficaron cos ollos abertos coma pratos e despois botaronse a rir.

O día seguinte o avó sacou a Cordeira da corte e dixo "ven comigo". Fomos a casa do Antoniño. Xa nos estaban esperando, sacaron un touro, subiu enriba da Cordeira e o avó dixo- "Iso é pinar"

Non me decatei moi ben do que era pinar, pero do que estaba segura era que a Cordeira estaba condenada. Seguro que aínda está ardendo no inferno, para sempre, sempre. ¿Sabedes os que os digo? estalle moi ben por non gustarelle o meu vestido vermello

No hay comentarios: