miércoles, 16 de abril de 2008

ENTREVISTA A TERESA TABOAS EN WWW.ANOSATERRA.COM‏




www.anosaterra.com

GALIZA

Entrevista a Teresa Taboas

'As Normas do Hábitat son un acordo de todo o goberno'

Xan Carballa . Nunha entrevista que mañán publica a edición en papel de A Nosa Terra, a conselleira de Vivenda defenda as Normas do Hábitat como un acordo asinado polo conxunto do goberno 'que persegue mellorar a calidade de vida'. A entrada en vigor desde mañá da nova norma construtiva desencadeou unha tormenta política entre BNG e PsdeG-PSOE, que acusa os nacionalistas de invadir competencias dos concellos.

16.04.2008 | 12:52





Teresa Taboas, conselleira de vivenda. Pepe Ferrín/AGN

Por que unhas normas de calidade na edificación levantan esta tormenta política?


É inaudito. Son unhas normas aprobadas polo goberno en conxunto e asinadas polo presidente Touriño. Están feitas por un departamento da Xunta que o que pretende é mellorar a calidade de vida dos galegos e galegas e están feitas por unha consellería do BNG para beneficiar a toda a sociedade, non para prexudicar a ninguén. É incríbel que despois de ser aprobadas en decembro, e pasado un prazo de tres meses para axudar a adaptalas, agora que van entrar en vigor [o xoves 17 de abril] se monte esta especie de estratexia para obstaculizar a súa aplicación. Os galegos queren vivendas máis accesíbeis, con máis calidade lumínica, de ventilación e espacial no investimento máis importante que fan na súa vida as familias. Para iso serven as Normas do Hábitat e por iso asombra a oposición que vimos estes días.

O desencontro político

A FEGAMP acusa duramente de 'inxerencia no municipalismo'?

Non sei nin como interpretalo. Empezando porque a actual directiva da FEGAMP non foi a que informou das Normas do Hábitat Galego, porque hai moito que se presentaron e tiveron un longo proceso de tramitación, daquela foi a anterior directiva quen deu o seu plácet. Estas Normas cumpren a mesma función que o Decreto de Habitabilidade de 1992. O que cambian son as dimensións e as calidades das vivendas, pero non hai cambios xurídicos sobre quen vai informar as licencias de obra.

O presidente da FEGAMP [Carlos Fernández, alcalde do PSdeG-PSOE en Ames] chegou a dicir na prensa que o BNG 'leva tempo querendo meter o fociño no planeamento urbanístico'. Que lle parecen esas declaracións?

Hai opinións e declaracións que sería unha trampa poñerse a rebater. O BNG sempre vai defender que e faga un bo urbanismo. As actuacións que se fagan sobre o territorio teñen que ser sensíbeis e para non facer dano. Nós temos o pensamento e o corazón no país e opinaremos as veces que faga falta nos temas que se refiran ao territorio porque nos preocupa o seu futuro.

Algúns construtores din que terán que marchar por 'inseguridade xurídica'?

Como vai aprobar a Xunta un decreto que non teña todas as garantías xurídicas? Ese argumento cae polo seu peso. O real é que algún promotor terá menos beneficios e iso maquíllano coa cantilena da 'inseguridade'. O que teñen que falar certos promotores é que estamos ante unha crise financeira onde non son quen de vender as vivendas que teñen no mercado porque a xente non pode chegar a eses límites disparatados. Os propios promotores recoñeceron na inauguración da feira inmobiliaria en Madrid que se pasaron cos prezos. Se a Norma aínda non entrou en vigor que expliquen entón por que subiron os prezos e fixeron esas vivendas mínimas. Por sorte temos unha maioría de promotores que están contentos coas novas Normas de Hábitat porque apostan pola calidade.

No hay comentarios: