sábado, 15 de marzo de 2008

UNIVERSIADA 2013


14/03/2008
Vigo entregou está mañá no rexistro da FISU o Dossier de Candidatura á Universiada de Verán 2013

Un membro do equipo de traballo da candidatura de Vigo á Universiada de Verán 2013 entregou está mañá os 120 exemplares do proxecto galego na sede da Federación Internacional de Deporte Universitario (FISU) situada en Bruxelas. Os libros, 60 deles en inglés e outros 60 en francés, os idiomas oficiais, dan resposta aos requerimentos da institución deportiva internacional ao longo de 248 páxinas, nas que se combinan o texto e amplas ilustracións a toda cor. O tenente de alcalde, Santi Domínguez, salientou hoxe en rolda de prensa que “o equipo ten feito un traballo incríble, porque é un dossier espectacular. Non creo que as outras candidatas o teñan tan ben feito”.

O Dossier de Candidatura está acompañado, como aconteceu na presentación ante o Consejo Superior de Deportes (CSD) dun cd que contén, como anexo, todas as infografías relativas ás instalacións, tanto existentes como previstas, así como as cartas de apoio asinadas ao longo destes meses de traballo polas diferentes administracións públicas, institucións, empresas e colectivos sociais, que suman máis de 120. Por outra banda tamén se inclúe neste formato dixital todo o dossier de prensa recollido nos distintos medios de comunicación dende a visita dunha delegación viguesa, encabezada polo tenente de alcalde, Santiago Domínguez, á derradeira Universiada de Verán celebrada no mes de agosto de 2007 na cidade tailandesa de Bangkok. A diferenza do documento anterior radica na información sobre España, Galicia e Vigo, moito máis ampla que a entregada no CSD, e que explica aspectos relativos á xeografía, poboación, cultura, atractivos turísticos ou climatoloxía, entre outros temas.
Todos os libros entregáronse en caixas troqueladas que teñen en releve o símbolo da Universiada, unha U, e o logo da candidatura viguesa. Ademais, e nesta ocasión, o catálogo ten unha medida diferente, 25x30 cms. A portada é metalizada e está serigrafada, e a caixa contén tamén papeis metalizados que outorgan o brillo do océano que baña a Galicia.
É previsible que a Federación Internacional de Deporte Universitario colgue mañá na súa web, http://www.fisu.net , o nome das candidatas oficiais a puxar pola Universiada de Verán en 2013, xa que será o último día para entregar os proxectos. O tenente de alcalde valorou de xeito moi positivo a posibilidade de que Vigo só teña que competir coa cidade rusa de Kazán e a coreana de Gwangju. “A retirada das cidades de Canadá e Polonia nos debe facer ser optimistas e valorar aínda máis o feito de que Vigo fora quen de conseguir reunir todos os requisitos e facer un proxecto sólido para ser a candidata do Estado español”, salientou.
O seguinte paso será agardar ás datas definitivas nas que a Comisión da FISU visitará a cidade para comprobar os datos contidos no libro. A federación internacional confirmou xa que esta visita se producirá antes do 30 de abril. Antes unha delegación viguesa viaxará á sede da FISU para ser recibida polos máximos responsables deste organismo internacional. A data confirmarase despois de Semana Santa.
Seguindo co calendario establecido, a institución deportiva empregará un mes, do 30 de abril ao 30 de maio, para avaliar as visitas realizas ás cidades e os proxectos presentados. Un día máis tarde, o 31 de maio, representantes dos países candidatos viaxarán á sede de Bruxelas para defender cadansúas propostas. Nesa mesma xornada procederase á votación e se dará a coñecer definitivamente o nome da sede oficial da Universiada de Verán 2013.
O tenente de alcalde fixo de novo un chamamento á cidadanía para que se involucre no proxecto. Fixo fincapé en que un dos aspectos que máis valora a FISU é precisamente o respaldo cidadá e, por iso, insistiu na necesidade de que cando a comisión visite a nosa cidade poda palpar a implicación dos vigueses e vigueses coa candidatura. Adiantou que se está elaborando unha campaña, que se presentará despois de Semana Santa, para sumar esforzos tanto sociais como económicos.
Do mesmo xeito sinalou que o equipo continúa buscando apoio e respaldo institucional. Santi Domínguez adiantou que “estamos traballando na búsqueda de máis apoios como o do presidente do Goberno, porque agora xa somos a candidata do Estado español. Non dubidamos que contamos con el, pero agardamos que o faga explícito. O alcalde xa está facendo as xestións oportunas”.

No hay comentarios: