miércoles, 5 de marzo de 2008

MANUEL OLVEIRA-DIRECTOR DO CGAC

Manuel Olveira, Director do Centro Galego de Arte Contemporánea: ´Hai que facerse un oco sen caer en mimetismos´




Manuel Olveira, onte, en Santiago. / jorge leal
MULTIMEDIA
Fotos de la noticia
"A presenza da arte galega é fundamental", sinala o recén nomeado director.

C. VILLAR / SANTIAGO Sempre traballou moi preto dos artistas e sabe ben de que vai iso de achegar a arte ó mundo cotiá pola súa experiencia pedagóxica no CGAC. Manuel Olveira (Porto do Son, 1964) é xa o novo responsable da dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea.
-
Como se sinte ó asumir as súas novas responsabilidade?

- Estou moi contento porque creo que neste momento hai no ambiente moita xenerosidade e esperanza e ese é un caldo de cultivo para traballar fantástico.

- Non lle pón medo a comparanza co anterior director?

- Non. Son un home con cero complexos e moi pouco ego, no senso de que estou aquí para desenvolver un proxecto e as comparacións non é que sexan odiosas, senón necesarias. O meu traballo ten unha personalidade e iso vai estar aí en canto a proxecto.

- Incidirá a súa experiencia en Hangar no seu traballo?

- O que non podo é facer exposicións de arte contemporánea con criterios do XIX. Creo que a arte é un campo de traballo no que hai unha vertixinosa transformación e iso incide nos formatos expositivos, de comunicación co público.

- Apostará o CGAC por novos valores?

- Cando falamos de cultura falamos de aceptación ou rexeitamento dunha serie de proxectos culturais anteriores. Esa capa superposta de visións ten lugar no CGAC, onde debe quedar en evidencia de onde vimos e onde imos. Os artistas contemporáneos non existen por arte de maxia, senón que hai unha tradición detrás. Afondar nese diálogo é onde se atopa a definición de arte.

- Será a arte galega un punto de referencia?

- Traballarase dende a perspectiva galega porque o propio nome do museo xa o indica. A presenza da arte galega é fundamental. Os proxectos expositivos que concebín sempre foron proxectos moi reactivos co entorno. Nunca pensei nun proxecto pendurado no aire do abstracto. Haberá proxectos a curto, medio e longo prazo e tentaremos que o museo teña unha dimensión compostelana, galega, española, europea, internacional... Tentaremos que sexan interesantes, con rigor, crítica, calidade e intelixencia.

- O CGAC acadou certo renome internacional. Manterá a súa presenza nos medios?

- Eu non son especialmente mediático. O obxectivo é que no CGAC as persoas atopen ferramentas para a súa vida cotiá. O creto no mundo da arte está ba-seado na calidade das túas propostas. Cando fas un traballo de calidade é inevitable atraer a atención ó que fas.

- Dentro dos asuntos pendentes, están os problemas laborais. Resolveranse?

- É unha situación laboral que se vai acabar, aínda que non podo fixar un prazo exacto.

- Converterase o CGAC nunha fundación?

- Vivimos un mundo moi complexo e a cultura sofre transformacións e as institucións teñen que adaptarse. O de reformular o estatuto xurídico do CGAC débese facer sempre. Hai que repensalo, o que non quere dicir que o modelo que se adopte sexa a fundación.

- Principal obxectivo?

- O obxectivo é facerse un oco no sistema internacional da arte sen caer en mimetismos nin homoxeneidade, senón aportando algo dende a propia identidade.

No hay comentarios: