domingo, 13 de diciembre de 2009

que significa pinar?


Xa vos teño falado dela, da Cordeira. Na memoria infantil quedan cousas para toda a vida, e esa vaca, teño que confesar que me deixou lembranzas para sempre. A miña avoa a quería como se fose alguén da familia.




Falaballe a todo o que a quería escoitar, das excelencias do rumiante: Que si era moi boa, que si daba moito leite...O caso é que sería moi boa, en realidade portabase ben cando estaba a avoa diante, pero tan pronto marchaba "botabase a min".


Un día escornoume na veiga da Penisca e fun rodando máis de cen metros costa abaixo, quedándome un buraco detrás do xeonllo dereito de recordo. Outro día veu cara a min, eu boteime contra un muro e miña avoa atopounos, eu agarrandolle os cornos e ela fancendo forza para estouparme contra a parede. ¿E sabedes que dixo? Que algo lle faría eu, iso foi todo.

Os sábados eu ía a Catequese. A avoa non era nada de Igrexa pero quería que fose. Sentabamos nos bancos e o cura falaba, as veces berrando: Los mandamientos de la Ley de Dios niños.....



Amar a Dios sobre todas las cosas

No tomar el nombre de Dios en vano (Eu aqui xa me empezaba a facer preguntas ¿de que está a falar?)



Santificar las fiestas....




A partir dese momento, xa procuraba poñer a mente en branco, como dicía a avoa que fan os homes, pero nunca o conseguín. Miraba para os anxos que tiña diante. As chamas xa lle chegaban ao pescozo e os ollos saíanlle das órbitas. "Arderían para sempre, sempre, para todala eternidade, infinito, infinito" como dicía o cura...Nese intre algo me chamou a atención..

NO FORNICAR, esta a dicir Don Eduardo



Ao sair sempre quedamos a xogar no cemiterio que rodeaba a igrexa. ¿Que é fornicar? Pregunteille a Xosé María de Caxil- Pinar, dixo



Na cea preguntei ¿que é pinar? María Rosa, a avoa e o avó miraronse, as súas caras parecían que quedaran brancas baixo a luz de carburo, pero, de repente, botaronse a rir. ¿Quen che dixo iso? preguntou o avó- O cura contestei.

O avó, como facía todalas noites, abriu a chaqueta e dixo "anda acocha que chegou o tio Pedroso" e eu metía a cabeza debaixo do seu brazo e pronto ficaba durmida como un pito baixo das asas da sua nai.


Ao día seguinte o avó espertoume: "Anda erguete que ves comigo". Sacou a Cordeira da corte e fomos a casa de Ricardo do Antoniño. Un touro moi grande, montou na Cordeira e o avó mirando cara a min dixo: "Iso é pinar"




Sentín tanta alegría que choutei coma unha parva....Seica a Cordeira vai arder no lume eterno, para sempre, sempre, para toda a eternidade, infinito, infinito

No hay comentarios: