viernes, 18 de diciembre de 2009
“Non existe a hipótese de que as caixas fiquen na situación actual”
GUILLERME VÁZQUEZ APOSTA POLA SOLUCIÓN GALEGA FRONTE Á DESTERRITORIALIZACIÓN DAS CAIXAS QUE PRETENDEN DENDE MADRID
“Non existe a hipótese de que as caixas fiquen na situación actual”
Vigo, 17 Decembro 09. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, participou este serán en Vigo nun acto público sobre “Caixas de aforro e o futuro económico da Galiza”, no que sinalou que “o Goberno Zapatero criou o Fundo de Reestruturación Ordenada Bancaria, un instrumento para avanzar cara á bancarización das caixas que invade as competencias das comunidades autónomas”. Este encontro forma parte dun ciclo organizado polo BNG para expoñer, en vilas e cidades galegas, as iniciativas nacionalistas para conseguir que o centro de decisión do aforro dos galegos fique en Galiza. Nesta ocasión, Guillerme Vázquez estivo acompañado polo tenente de alcalde, Santiago Domínguez, e por Manuela Rodríguez, responsábel comarcal de Vigo.
Non existe a hipótese de que as caixas fiquen na situación actual, xa que calquera posibilidade de optar aos fundos do FROB pasa por ir a procesos de fusión, explicou Vázquez. “Queremos sinalar a diferenza de trato dado polo Goberno do Estado a caixas e bancos. Aos bancos entregóuselles inxente diñeiro público sen pedir nada a cambio, mentres ás caixas fornéceselles, mais a condición de que se fusionen e de que se concentren, nunha perspectiva evidente de as desarraizar do seu territorio de orixe”, destacou Guillerme Vázquez.
O BNG emprendeu unha campaña en solitario na procura dunha solución galega, defendendo unha posición de País, perante o silencio e a ambigüidade dos dirixentes galegos do PP e do PSOE, e a militancia activa dos seus xefes madrileños en favor da desterritorialización das caixas galegas. A posición de País impulsada polo BNG levou ao Goberno da Xunta a defender publicamente a fusión como mellor opción para Galiza.
Vázquez destacou que se conseguiu que fose “o Goberno da Xunta o que se movese cara ás posicións do BNG, e desde logo non ao contrario. Foi o BNG quen primeiro se posicionou con clareza e sen nengunha ambigüidade a favor da solución galega”. A xuízo do BNG, a decisión política galega debe prevalecer sobre a decisión política do Goberno central.
“Fronte ao modelo de entrega das caixas ao capital financeiro privado, atópase o modelo de participación da Administración pública galega na xestión das caixas, para garantir que efectivamente o aforro dos galegos e das galegas sirva prioritariamente para financiar a actividade produtiva no noso País”, afirmou o portavoz nacional.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario