viernes, 18 de diciembre de 2009

Olaia Fernández Davila insiste na necesidade dun Plan de Usos e dun estudo de impacto ambiental


O BNG DENUNCIA O IMPACTO MEDIOAMBIENTAL DA AMPLIACIÓN DO PORTO DE VIGO E ESIXÉLLE AO GOBERNO CENTRAL QUE SE PRONUNCIE



Olaia Fernández Davila insiste na necesidade dun Plan de Usos e dun estudo de impacto ambiental e lembra que o 60% do espazo que se gañe será con recheos de lodos contaminados


Vigo, 18 Decembro 09.- O deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, esíxelle ao Ministerio de Medio Ambiente que se pronuncie sobre a segunda fase de ampliación do peirao do Areal ante o forte impacto medioambiental que pode causar na ría de Vigo.



Neste sentido, Olaia Fernández Davila e o tenente alcalde de Vigo, Santiago Domínguez Olveira, presentaron esta mañá en rolda de prensa unha iniciativa que o BNG ven de rexistrar no Congreso dos Deputados na que se lle pide ao Ministerio de Medio Ambiente que interveña.



O 60% do terreo que se gañe será mediante recheos, e ademais con lodos contaminados



A deputada do BNG advertiu de que “o proxecto da Autoridade Portuaria contempla que dos 49.120 metros cadrados que se prevé gañar ao mar, o 60% desa superficie, uns 25.600 metros cadrados, executarase mediante recheos, mentres que só o 40% restante, uns 23.500 metros cadrados, construirase sobre pilotes, o sistema menos agresivo co medio ambiente, xa que permite a circulación da auga”.



Ademais, denunciou que “para os recheos, a Autoridade Portuaria prevé utilizar uns 151.000 metros cúbicos de lodos contaminados procedentes dos fondos do porto de Vigo, así como miles de toneladas de terra e grava procedentes das obras do túnel do AVE”.



“Hai que desenvolver o porto de Vigo, pero respectando o medio ambiente”



Olaia Fernández Davila recoñeceu que “é necesario desenvolver o porto de Vigo, pero hai que respectar tamén o medio ambiente, e este proxecto non o fai”.



“A presidenta da Autoridade Portuaria oculta información”



A este respecto, criticou a actitude da presidenta da Autoridade Portuaria de Vigo, “que primeiro se opuxo a que o proxecto fose sometido a avaliación de impacto ambiental, advertindo ademais de que non había marcha atrás, e agora parece que llo remitiu ao Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño para que este responda se precisa someterse ou non a estudo de impacto ambiental”.



Neste sentido, Davila advertiu de que “a presidenta da Autoridade Portuaria oculta unha vez máis se o proxecto que remitiu ao Ministerio é o primeiro e provisional, do que un fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza declarou que non precisaba estudo de impacto ambiental, ou do segundo e definitivo, que é moito máis agresivo co medio ambiente”.



“É necesario un Plan de Usos, porque aí está o caso do porto de Marín”



Ademais, a deputada do BNG advertiu de que a presidenta da Autoridade Portuaria pretende acometer a ampliación cando o porto non conta cun Plan de Usos, e “cando hai unha recente sentenza do Tribunal Supremo que declara ilegal o recheo de 300.000 metros cadrados no porto de Marín porque a obra tampouco estaba amparada por un plan de Usos”.

No hay comentarios: