*ACORDO DA PLATAFORMA PARA A DEFENSA DA SANIDADE PUBLICA DE VIGO SOBRE O NOVO HOSPITAL* Ante a información procedente da Consellería de Sanidade de que se van a introducir importantes cambios e recortes no proxecto do Novo Complexo Hospitalario de Vigo, as organizacións que integramos a Plataforma queremos expor á opinión pública e aos traballadores sanitarios o noso acordo para que:
1.- Se respecte o Plan Funcional e o Proxecto Arquitectónico actualmente existentes que foron elaborados coa colaboración e participación activa de todos os profesionais do Complexo Hospitalario e que contempla unha dotación de unhas 1.400 camas, equipamento tecnolóxico e servizos de referencia.
2.- O Complexo Hospitalario debera ter unha porta única para todas as urxencias da área que garanta a mesma calidade asistencial a todas as persoas da área e que acabe coa desigualdade que soportan os cidadáns de Coia, Valmiñor, Cangas e Moaña.
3.- Se proceda de xeito inmediato á licitación do proxecto, expropiación de terreos e inicio das obras, para que o novo hospital este en marcha antes de finalizar o presente ano, como estaba previsto.
4.- O seu financiamento sexa público a través da Sociedade Pública de Investimentos como estaba previsto e orzado, e non de financiamento privado como se pretende pola actual Xunta de Galicia. Rexeitamos rotundamente que o Complexo Hospitalario quede en mans dunha alianza de empresas construtoras, aseguradoras privadas e bancos, que fagan negocio coa saúde das persoas de Vigo e da súa Área Metropolitana.
5.- POVISA debera deixar de gozar do Concerto Singular que lle asigna a asistencia hospitalaria de Cangas, Moaña, Coia e Valmiñor, o que discrimina á poboación desta parte da área, que non ten a mesma oferta de servizos e soporta maiores listas de espera que o resto de cidadáns da área. Consideramos que este centro deberá prestar unha atención sanitaria complementaria da pública como o resto de Hospitais privados de Galicia. As organizacións cidadás, sindicais e profesionais que integramos esta Plataforma acordamos que no caso de que a Administración siga cos seus actuais plans de recortar o proxecto do Novo Complexo Hospitalario, privatizar a súa construción e xestión e manter os privilexios de POVISA, iniciaremos un proceso de información e mobilización no que buscaremos a implicación das autoridades municipais,organizacións e axentes sociais de Vigo e da súa Área Metropolitana, para as que o novo hospital é un recurso fundamental tanto para a asistencia sanitaria como para o seu desenvolvemento económico.
Vigo 13 de Xullo de 2009.
Federacion de Asociacions de Vecinos “Eduardo Chao” de Vigo, CC.OO., CIG-Saude, Asociacion para a Defensa da Sanidade Pública, Plataforma Sanidade Pública de Moaña, A Voz do Usuario de Cangas, BNG, PSE de G- PSOE
No hay comentarios:
Publicar un comentario