domingo, 26 de julio de 2009

Greenpeace pide a paralización das obras do porto deportivo de Massó e demanda un proceso de diálogo ao Concello e á autoridade portuaria




Greenpeace pide a paralización das obras do porto deportivo de Massó e demanda un proceso de diálogo ao Concello e á autoridade portuaria

En relación coa actual situación xerada en Cangas polas obras do porto deportivo de Massó, a organización ecoloxista Greenpeace pide a paralización inmediata das mesmas polo grave impacto ecolóxico que o recheo ocasionará na área, e as perdas irreversibles para a explotación pesqueira e marisqueira. Greenpeace pediu ás autoridades, en relación coa detención de dezaseis veciños o pasado luns, que deixe de perseguirse aos que defenden o medio ambiente.

A pesar do seu gran impacto e as manifestas irregularidades na tramitación administrativa, Residencial Mariña Atlántica comezou as obras de recheo para a construción dun porto deportivo de 420 prazas, nunha zona pesqueira e marisqueira de gran valor biolóxico na que a Confraría de Pescadores de Cangas ten autorización para faenar (extráese sobre todo ameixa loura e navalla)desde 1972.

A Confraría de Pescadores denunciou xa en reiteradas ocasións que a zona de recheo é un criadeiro natural de nécoras, camaróns, ostras e peixes, na que, ademais, está demostrada a presenza de fondos de Maërl, cuxa protección especial esixe a Unión Europea a través do Anexo V da directiva 92/43 CEE, do Consello de 21 de Maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres.

Greenpeace pide que se abra un proceso de diálogo entre autoridade portuaria e o concello coa participación dos axentes sociais sobre o futuro do Salgueirón tanto no que respecta ao porto deportivo como á urbanización proxectada en terra e aclárense todas as irregularidades relacionadas con esta actuación, entre elas:

* Existe un contencioso administrativo contra o recheo do Salgueirón interposto pola Confraría de Cangas ante ao Tribunal Superior de Xustiza desde 2005. A pesar de que está aínda sen resolver, as obras comezaron.

* A Autoridade Portuaria de Vigo aínda non aprobou un Plan de Usos nin o Plan Especial do Porto de Vigo no Concello de Cangas, polo que a tramitación da concesión da obraes ilegal.

* As obras non contan con licenza municipal, exixible en todas as actuacións que non sexan estritamente portuarias ou de interese xeral. O proxecto inclúe ademais do porto, construcións de servizos portuarios e hostaleiros, entre eles un restaurante encima do mar.

* Parte da obra afecta directamente ao espazo natural Barra, Cabo Home, que goza de protección desde o 20 de xuño do 91.

* A actuación tampouco está recollida dentro das normas urbanísticas vixentes aprobadas en 1994 que cualifica a zona como chan industrial cun 10% reservado a zona residencial.

No hay comentarios: