viernes, 29 de junio de 2012

Morre o pintor Alfonso Sucasas




Volto das miñas curtas vacación e me atopo coa noticia do pasamento de SUCASAS. Sabía que xa levaba tempo soportando unha terrible enfermidade, e nestes casos mellor ir alí onde ESTA AQUELA PANDILLA, pero eu sinto tristura. ADEUS AMIGO... Deixovos con MANUEL VIDAL VILLAVERDE

c
Manuel Vidal Villaverde



Coñecín a Alfonso Sucasas en Compostela. Prefiro dicir así que escribir Santiago, nome que cecais á xente do meu cordal non lle diga nada.
Non foi nunca así para Alfonso, co que coincidín aínda baril e mozo, sentimental e atrabiliario, ‘con razon ou sen ela’. O expresionismo como algo máis que un estilo. Compostela foi e aínda é para nós-outros un referente ben lonxe do estereotipo fascista e ignorante que nos anos da longa noite de pedra serviu para alegorizar a choiva como formulación da arte. Alguén recordará non sen vergoña allea aquel patético ‘eslogan’: “Santiago, donde la lluvia es arte”. O estipendio do ‘Xacobeo’ aínda non se descubrira, é normal, como é corrente que moitos escritores galegos abducidos polo status quo español aínda non saiban ben o que ir ás ñáñaras.
À l’ombre des jeunes filles en fleurs, recordeille unha tardiña de hai unha presadiña de anos aquí en Vigo, na súa casa de Rosalía de Castro.'En Proust hai algo, Manuel, que eu quixen inutilmente explicar en Compostela. Pero non me foi posíbel'. E creo que isto mesmo lle aconteceu a todos os grandes creadores galegos, sen que Proust teña nada que ver.
É un fascínio cultural, a ósmose inevitábel, como unha Grecia ausentada e ausente do pensamento. O gongorismo pictórico foi a desfuxida indescritíbel de Sucasas, e o artista, sabidor de si, non fixo outra cousa que repetirse a si mesmo, unha angueira esgotadora, que non ímproba, malia o que diga a estulticia lingüística, oratoria. El nunca se abeirou no abstracto que adoita, mutatis mutandis, a mediocridade merodeadora. Acaso faltoulle retratar a refracción do tempo, como lle propuxemos aquel mediodía de outono en Vigo. Pero de sempre, calquera birta do imaxinario sempre eslúe ata desaparecer definitiva.
O costumismo na pintura non é máis que unha banalidade, unha vacuidade tan desprezábel como fútil. Na literatura tampouco se sabe moi ben o que quer dicir. Sucasas, malia o que diga a crítica ‘especializada’ nunca foi nada diso, senón que simplesmente retratou con maior ou menor fortuna a súa percepción do tempo nos límites do espazo, en Galicia estaba aí, inmanente, e polo tanto inevitábel.
Bebes inmisericorde o día e logo vas outra xeira á súa procura.
En xaneiro deste ano Sucasas presentou definitivo e definitorio unha antolóxica da súa obra. Foi nos baixos do vello teatro ‘García Barbón’ e nunha rúa que leva un nome tan idiota como ahistórico e indecente: Reconquista.
Recén saído dun sanatorio santiagués falei breve co amigo. O corazón fraqueaba, e a ánima entraba no seu discurso derradeiro. ‘Agora vivo en Vila de Cruces’.
As Cruces é de certo o topónimo verdadeiro. O de vila é un invento necesario dos ‘señoritangos’ de ningures, contounos un mediodía choviñento Manuel Riveiro Loureiro, na carballeira de Gres.
As escambulladas horas do reloxio escorregan lizgairas pola indefinición du temps enunciado. Á sombra de ninguén. Alfonso Sucasas.



O creador Alfonso Sucasas, un dos maiores  referentes vivos da pintura galega faleceu o pasado martes aos 72 anos de idade no seu domicilio, de Vila de Cruces. A derradeira exposición de Sucasas, no centro cultural Novacaixagalicia, en Vigo, amosou unha retrospectiva das súas fondas raíces galegas e o seu alenxamento do folclorismo, algo do que fuxía conscientemente.
Alfonso Sucasas comezou a súa carreira en Brasil, pero regresou a Galicia en 1968 e iniciou unha carreira artística, que xa viña marcada por unha vocación recoñecida dende os 16 ou 17 anos, na que tivo cabida unha obra na que os temas populares e a denuncia social tiveron un lugar central.