Os textos só foran publicados en 1945 e 1946 na revista «Catolicismo»
- LUÍS POUSA
- REDACCIÓN / LA VOZ
- 18/9/2011
A obra do gran Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911-Vigo, 1981) é literalmente inesgotable. En vésperas dos actos de celebración do centenario do seu nacemento saen á luz sete relatos ata agora descoñecidos que non figuraban en ningunha bibliografía e que só foran publicados en 1945 e 1946 nas páxinas da revista madrileña Catolicismo.
Estes inéditos foron atopados polo latinista e investigador Xosé Antón López Silva, que, cando estaba preparando a súa ponencia para o congreso internacional que analizará a obra de Cunqueiro a finais deste mes en Santiago, A Coruña e Vigo, descubriu que, agochados entre os textos sobre vidas de santos do mindoniense, había sete relatos de ficción escritos en castelán que non constaban nas referencias bibliográficas e que mesmo eran descoñecidos pola propia familia do autor.
«Ata o de agora estes relatos pasaron completamente desapercibidos para a crítica, malia seren enormemente importantes para o coñecemento da actividade literaria do escritor a partir da retirada do carné de xornalista en 1944, e permiten comprender mellor a súa obra posterior en lingua galega e castelá», sinala López Silva.
Refírese aquí o investigador ao coñecido episodio sucedido en xuño de 1944 cando lle foi retirado o carné de prensa despois de que cobrara da Embaixada francesa uns cartos por uns textos sobre Francia e o Camiño de Santiago que nunca chegou a escribir. Cunqueiro foi entonces «eliminado», segundo a terminoloxía oficial, do Rexistro Oficial de Periodistas, no que non volvería a ingresar ata 1965. Nese contexto vital hai que situar, subliña López Silva, as súas colaboracións xornalísticas en publicacións como Misiones ou Catolicismo, nas que, malia á estrita liña editorial, Cunqueiro era quen de utilizar calquera tema como punto de apoio para deixar voar a súa prodixiosa imaxinación.
Nesas difíciles circunstancias nas que viviu en Madrid, antes do seu regreso a Mondoñedo en 1947, escribiu estes contos e haxiografías agora felizmente rescatadas entre a súa incontable produción xornalística espallada por decenas de cabeceiras de toda España.
Anticipación do seu Sinbad
Os sete relatos aparecen asinados por Álvaro Labrada, un coñecido pseudónimo do autor, excepto o último deles, publicado en 1946, que xa aparece co seu propio nome.
«Todos caracterízanse polo seu exotismo e por adiantar temas e motivos que logo serán moi importantes na prosa de Cunqueiro, como, por exemplo, os relatos de ambiente musulmán, verdadeira anticipación de Se o vello Sinbad volvese ás illas», apunta o investigador. O argumento das misións serviulle ao literato para reinventar, ao seu xeito, as lendas de África, China e os países árabes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario