sábado, 7 de agosto de 2010

As miñas viaxes con John



Esta mañá levantouse moi cedo, con os ollos arrubiados, tiña a sensación de que se lle meteran media ducia de diminutos grans de area nun deles, escoiteille dicir cando fun a darlle os bos días.


Esquecera o anteface na casa, e ó contrario dos piratas que tanto admira, o seu ollo nunca se pecha, nin para descansar. Sempre alerta; me repite cando lle esperto sorprendido pola súa mirada perdida mentres durme, como si estivese pensando en algo, pero en realidade soña cunha luz acesa por medo á total escuridade.


O seu ollo cambia de cor, vólvese mel coa claridade e marrón escuro cando a sombra se pousa sobre el, eu míroo hipnotizado moitas veces mentres me sorrí sen baixar a mirada.

Fai pouco tempo que o coñezo pero gústame estar con el; eu nunca fun moi amigo de largas compañías nin compañeiros e el parece que o comprende, nunca mo di pero dáme liberdade para andar por aí, e aínda que sempre estamos xuntos temos vidas separadas por un pasado descoñecido.


Onte saímos a navegar na súa dorna e pasamos a noite na praia dunha pequena illa illada do mundo. Deitados o un a carón do outro me falaba observando o ceo mentres pasaba a súa suave man polo meu lombo, ata que quedamos durmidos à la belle étoile , como facía co meu anterior compañeiro.



Agora subo a bordo dun salto mentres el empuxa pola popa aloxando a dorna da beiramar, con a axuda da vara de portar dirixe a embarcación como un gondoleiro, pousa a vara e sen darme conta salta pola borda deixándome só na dorna que navega coa vela recollida; observo a espuma sobre o mar que deixou ó somerxerse agardando que saia a superficie, me asusto e comezo a dar voltas nun mesmo punto gritando seu nome mentres o mar me separa da illa cara o azul.

O sol me quenta e resignado busco o lugar máis fresco. Deitado no interior da tilla penso no meu deambular pola vida agardando acontecementos, cando de súpeto un movemento brusco da dorna me alerta, se escora demasiado, asomo a cabeza rosmando e vexo seu rostro mollado, alégrome tanto de volver a velo que non deixo de probar a súa húmida, fresca e salgada pel.

Jorge Lombos García

No hay comentarios: