martes 14 de julio de 2009

REMITIDO POLO BNG



Á Mesa do Parlamento

O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), por iniciativa de Isabel Sánchez Montenegro, Henrique Viéitez Alonso e María Carme Adán Villamarín, ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, presenta a seguinte Proposición non de lei para tratar en Pleno, relativa a nova estación depuradora de augas residuais no concello de Vigo.

O 15 de decembro do 2005 a sala do Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas ditaba sentenza na que declaraba que o Estado Español incumprira ás obrigas que lle correspondían en virtude do artigo 5 da Directiva 79/923/CEE do Consello Europeo, do 30 de outubro do 1979, relativa á calidade esixida ás augas para a cría de moluscos, ao non adoptar un programa de redución da contaminación das augas para a cría de moluscos para a ría de Vigo. Dita sentenza obrigaba a elaboración dun programa de redución da contaminación para asegurar que as augas declaradas deberán adecuarse aos valores fixados no anexo de dita Directiva.

Como consecuencia o anterior goberno galego asina un Protocolo de Colaboración co Ministerio de Medio Ambiente no que, baixo o titulo de Estudio de alternativas e anteproxecto do sistema de depuración da ría de Vigo, ten como obxectivo a definición dun esquema xeral de saneamento de Vigo cos documentos técnicos necesarios para a elaboración dos anteproxectos das obras necesarias, entre elas a estación depuradora de augas residuais de Vigo, que abordaría as necesidades de tratamento fixadas pola normativa e polas restricións impostas polos usos e características ambientais da propia ría de Vigo, como son os usos pesqueiros e o carácter protexido da mesma.

O 17 de novembro 2008 presentábase o anteproxecto da nova EDAR de Vigo baixo un deseño compacto, semisoterrado e cuberto, permitindo a integración paisaxística e complementada por un cinto ambiental de uso público e por unha zona de recuperación ambiental da xunqueira do Lagares. Ademais, contemplase a execución dun emisario submarino.

O conxunto de actuacións achegase a un investimento de 235 millóns de euros, do que o Ministerio asumirá 112 millóns, a Consellería 73 millóns de euros, mentres que o Concello de Vigo costeará o 10 por cento da actuación, achegando un total de 18 millóns de euros. A estas cantidades haberá que sumar os 30 millóns necesarios para a construción do emisario submarino e os 11 millóns reservados para a expropiación dos terreos.

A pesar da necesidade urxente de proceder coas obras para evitar a multa de 20 millóns de euros se non se cumpren cos prazos, o Goberno Galego ben de anunciar que non asume a súa parte de financiamento nos prazos estipulados, o que xera unha incertidume sobre o futuro de dita EDAR, o que motiva que presentamos a seguinte proposición non de lei:

O Parlamento de Galiza insta ao Goberno Galego para que asuma os compromisos orzamentarios plurianuais necesarios para poder construír a estación depuradora de augas residuais de Vigo no tempo comprometido coa Unión Europea ao obxecto de evitar a multa e non influír no deterioro da calidade das augas da ría de Vigo

Santiago de Compostela, 07 de Xullo do 2009

Asdo. Isabel Sánchez Montenegro
Carme Adán Villamaría
Henrique Viéitez Alonso