martes, 28 de julio de 2009

COMUNICADO DO BNG


Vigo, 28 de xullo de 2009.- O tenente de alcalde, Santi Domínguez, agarda que o proxecto de ampliación do peirao do Areal que se ven de licitar estes días se substente sobre criterios medio ambientais. O nacionalista reiterou hoxe que “o BNG non vai apoiar ningunha actuación que dane a Ría”, aínda que amosou a súa disposición a chegar a acordos que permitan favorecer o crecemento do Porto e garantir a súa competividade. Santi Domínguez teme, sen embargo, as decisións que adopte Corina Porro buscando só a rendabilidade a curto prazo do cargo que ocupa.

Santi Domínguez lembra que aínda está pendente de concretar o Plan de Utilización de Espazos Portuarios, unha vella reivindicación do BNG, que ata o momento non ten pasado dos anuncios. O tenente de alcalde agarda que o proxecto que agora se anuncia para o Areal estea xustificado no Plan de Usos e conte con todos os estudos medio ambientais que garantan a preservación da ría. “Non coñecemos o proxecto e queremos agardar a dispoñer de toda a información para avalialo, pero mantemos o mesmo punto de partida de sempre: que o desenvolvemento do Porto debe ser compatible co respecto ao noso ben máis preciado que é a Ría”, afirmou.

De todas formas, o tenente de alcalde amosa a súa preocupación polas presas que parece ter a actual presidenta da Autoridade Portuaria. Sospeita que tras elas o que se agocha é “o feito de que vai ser unha presidenta interina, que xestiona o Porto coa visión a curto prazo dos dous anos que vai estar no cargo, porque como ela mesma e o seu partido teñen anunciado vai ser a candidata a Alcaldía”.

Santi Domínguez cre que esa é a súa preocupación prioritaria, mentras que o futuro portuario é unha cuestión que para ela ocupa un segundo lugar. A este respecto puxo como exemplo o que está a acontecer coa Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves, que se deseñou como unha peza fundamental para o desenvolvemento do Porto. O nacionalista asegurou que a Plisan “está completamente paralizada, nomeadamente a parte da actuación que depende da Autoridade Portuaria”.

O tenente de alcalde sinala que desde que tomou posesión do seu cargo a presidenta Corina Porro nada ten anunciado sobre os pasos dados para desbloquear a paralización da Plisan. “Parece que a súa única preocupación é o que se ve e se pode vender, pero non outros proxectos dos que pensa que non poderá tirar rendabilidade política”, indicou.

Santi Domínguez insistiu na necesidade de que calquera actuación que se faga no Porto conte co maior consenso e estea avalada por todos os documentos que esixe a lei. Ademáis do Plan de Usos, o nacionalista lembrou que tamén son necesarios o Plan Director de Infraestruturas e o Plan Estratéxico do Porto, dos que aínda nada se sabe.

No hay comentarios: