sábado, 7 de agosto de 2010

A CUNCA





Non quero!

O berro infantil que lle fixo espertar nada tiña que ver coa súa realidade cotiá, a vida metódica dunha mestra rural na súa primeira escola.


A mestra da escola unitaria da Laxe ocupaba o mellor cuarto do sobrado da casa labrega dunha das familias da aldea. A familia que a acollía tamén era nova. Dous pícaros aos que aprendía, un pai que traballaba con unha vaca posta as pobres terras que tiñan arrendadas e unha nai que devecía por todos eles.

-Toma o leite na cunca do teu irmán Xosé- -¡Non quero!- A nai insistíalle docemente ao fillo máis pequeno que negábase a almorzar compartindo a cunca co seu irmán mais grande, como fixera a cotío. Naquel xaxún teimudo o neno marchou para a escola. E botou o día. Sen almorzar, sen xantar, sen cear.


O pai erguérase antes do amencer. Quería chegar a tempo á feira das Cruces. O seu Pepiño fora o único que saíra a despedilo. -Heiche traer unha cunca só para ti-. Aquela promesa foi a causante da folga de fame.

Non protestaba por ren. El só pensaba que se ía ter unha cunca de seu, por primeira vez na súa vida, xa non quería máis compartir a do seu irmán. A fame non foi quen de borrarlle a ilusión dos seus ollos en todo o día. Agardou ata a noite pecha polo seu pai. Pola súa cunca. Prometérallo, ¡ben lle cumpría o sacrificio!

O Xosé foi o primeiro en oír o cantar do carro. Coma un foguete saíu da cociña e botouse á eira. A mestra nova, discreta, foi a derradeira en saír. Ao asomarse ao postigo da porta, vendo as caras de pai e fillo, non precisou que lle explicasen ren. Non había cunca, co bulebule da feira esquecéraa. O día rematou con tristura.


Cando os demais durmían, a mestra, sen facer ruído, abriu o baúl do seu cuarto. Colleu unha cunca grande de xogo de almorzo que lle regalara o seu pai por obter o número un nas oposicións. Cheo de orgullo, dixéralle: -Sonche de Limoges, ¡A mellor louza da Francia!-. Deixouna no alzadeiro, a carón das outras tres cuncas. Sobre ela pousou a nota que xa tiña escrito coa súa caligrafía perfecta: «Esta é a cunca do Xosé».

Cun sorriso nos beizos volveu ao seu cuarto. Xa podía ir durmir.

Manuel M.ª Chaín Pérez

No hay comentarios: