viernes, 27 de febrero de 2009

Transparencia e verdade frente á campaña de difamación e mentiras do PP


A campaña de difamación e mentiras impulsada polo PP e a súa plataforma mediática contra o BNG non cesa e ten como obxectivo a desmobilización dos sectores sociais obxectivamente interesados en que se aprofunden as políticas transformadoras impulsadas polo nacionalismo desde a súa chegada ao Goberno en 2005.


É preciso estar armados de argumentos para, no contacto social, desvendar as mentiras do PP e da súa plataforma mediática.


É moi útil termos en conta todos e todas as seguintes informacións:


Encontro cos maiores en Oia.
A plataforma mediática do PP presenta este encontro como un mítin organizado polo BNG. Primeira falsedade. Foi un acto organizado pola Confederación Galega de Maiores. A seguir dise que os maiores foron levados a Oia enganados polo BNG. Segunda falsedade. Só un 5 por cento dos maiores que se desprazaron a Oia non coñecían que no seu programa de actividades estaba contemplada unha charla de Anxo Quintana. A responsabilidade dese descoñecemento só se lle pode imputar aos organizadores do acto, a Confederación Galega de Maiores, e nunca ao BNG como as plataformas mediáticas e o PP fan sistematicamente.

Anxo Quintana, aínda que o BNG non tiña nengunha responsabilidade na organización do evento, non tivo o menor reparo en apresentar as súas desculpas ás persoas, moi poucas, que se puidesen sentir incomodadas pola súa presenza.


Fotografía de Anxo Quintana con Jacinto Rey.
Esta fotografía foi apresentada fraudulentamente polas plataformas mediáticas do PP como tomada no verán pasado. Falsedade absoluta. A fotografía ten máis de catro anos e xa fora publicada en 2005 polo Correo Gallego sen que daquela producise o menor balbordo. É obvio que o líder do nacionalismo galego ten non o dereito, senón a obriga de se relacionar cos empresarios máis relevantes do País co obxectivo de os comprometer a criar riqueza en Galiza. Jacinto Rey foi cualificado polo candidato do PSdeG-PSOE á presidencia da Xunta como “amizade perigosa”. Ese criterio non o comparten o Goberno do Estado nen o concello nen a comunidade de Madrid que acaban de adxudicar á empresa de Jacinto Rey a operación urbanística de maior orzamento da historia.

Fraude do gabinete de prensa do PP
Para máis inri, as fotografías de Anxo Quintana con Jacinto Rey foron transmitidas a todos os medios de comunicación por un xornalista do gabinete de prensa do PP. Este xornalista elaborou un power point con esas fotografías, mais cometeu un erro: non eliminou o seu nome do documento (ficou gravado nas propiedades do power point). E non contento con iso criou fraudulentamente un correo en gmail usurpando o nome da nosa organización: enviou o power point desde un bng.madrid@gmail.com. Sobre este asunto, o gabinete xurídico do BNG está a estudar a adopción das iniciativas legais ás que houber lugar.


Accidente de Anxo Quintana
A suxa campaña do PP contra o BNG alcanzou o paroxismo o mércores, cando fontaneiros dese partido hackearon a páxina web de Europa Press para pendurar unha noticia falsa, a de que Anxo Quintana sufrira un accidente e, consecuentemente, se vira obrigado a suspender a súa axenda matinal, que incluía un encontro con mozos. Pretendíase así sabotar a participación dos xóvenes neste encontro. Europa Press nunca sufrira a sabotaxe da súa páxina web.


É de interese que vexades a seguinte entrevista que lle fixeron ao Portavo Nacional, hoxe venres en “La Mirada Crítica” de Tele 5, onde enriquece e amplía a información que se proporciona neste documento.

No hay comentarios: