martes, 10 de febrero de 2009
MANIFESTACION EN SANTIAGO- GOBERNE QUEN GOBERNE
ás 12:00 dende a Alameda manifestación "Goberne quen Goberne, Galiza non se Vende"
ás 17:30 na Sala Nasa, último concerto da Caravana Galiza Non se Vende onde tocarán os grupos: Os da Ría, The Homens, Quempallou e Dakidarría.
GALIZA NON SE VENDE
Desde A Guarda a Ribadeo, desde O Courel á Terra Cha, un terremoto de especulación e depredación da terra e do mar está destruíndo a nosa natureza, a nosa paisaxe e a nosa forma de vida. Está destruíndo, polo tanto, a propia identidade de Galiza, a nosa cualidade de vida, a das xeracións vindeiras e mesmo ó planeta.
Pontedeume
Graves problemas urbanísticos. Máis de 200 vivendas están marcadas con algún expediente sancionador. Os promotores pretenden triplicar o chan urbanizábel no novo PXOM, cando o crecemento vexetativo da poboación é negativo
Fusquenlla
As Pontes
Unha das centras máis contaminantes de Europa
Mina de As Pontes
Oco da mina da que se extrouxo o lignito que mantivo a central de As Pontes. Esgotado este, a empresa decide encher o oco para facer un gran lago artificial, utilizando as augas do río Eume. De realizarse este proxecto, tanto o río como o Parque Natural das Fragas do Eume correrían serio perigo
mugardos
Un auténtico polvorín na ría de ferrol: a planta de gas de Reganosa.
Serpentinas de Melide "concentradas"
Un dos puntos de maior interese botánico da Península está a ser destruido por un parque empresarial en crecemento, un parque eólico e sobre todo polas concentracións parcelarias e transformación dos terreos para pasteiros e o cultivo de piñeiros e EUCALIPTOS! A zona sur das serpentinas (Barazón) foi incluída no Banco de Terras xunto con outras terras que sí son fértiles.
Canteira de Rande (Ortigueira)
Debaixo deste entullo atópase a fraga de ribeira e mais a canle do rio Esteiro, que perde o seu curso soterrado baixo os refugallos de lousa que tamén contaminan as súas augas. A canteira de Rande están a ocasionar enormes danos no río e o seu entorno coa complicidade das autoridades medioambientais, que ignoran as denuncias.
O Mar
A Ría de Vigo é unha unidade funcional físico biolóxica (Coma quen di, un ser vivo. O longo deste artigo, axudados por gráficas e animacións, veremos como respira, como se move, como palpita, como se renova.
Monteferro
Monteferro, o PXOM de Nigrán e a Foz do Miñor
Porto deportivo de Canido
Depuradora do lagares: Verte ó río cada segundo 900 litros de augas residuais sen tratar: Información aquí:
Bouzas: Amplación do recheo
Teis: Porto deportivo ilegal e depuradore deficitaria
Chapela: Aterramentos de Frioya, Pescanova a Aucosa
Redondela: Outra depuradora inútil, e van...
Arcade: Contaminación por Chumbo e depuradora deficiciente.
Vilaboa: Connorsa e depuradora deficitaria
Domaio: Varaderos Domaio e Fandicosta
Moaña: PAXOM aniquilador e depuradora deficitaria.
Cangas: Porto deportivo de luxo e depuradora deficitaria
O Courel
Canteira da Campa: A Xunta legalizou no 2007 esta canteira despois de 20 anos funcionando sen autorización e cunha orde de paralización dende 2002. Outras 26 concesións de mineiras a ceo aberto están a provocar, ante a indiferencia das autoridades ambientais enormes danos nun Espacio Natural e protexido na Rede Natura, un dos lugares con maior biodiversidade de Europa, ateigado de hábitats e especies protexidas. GNSV reclama o recoñecemento integral do Courel como Parque Natural e a paralización deste proceso que ameaza con destruír de xeito irreversible unha das paisaxes mais singulares do País.
Ortigueira. Parque- Mar
Parque-Mar: Esta urbanización de 67 vivendas estase a construír na zona de protección do castro Campo da Torre vulnerando o planeamento urbanístico. As autoridades de Urbanismo teñen coñecemento desto desde o inicio da obra, permitindo ata o momento o seu progreso. Tampouco Patrimonio esixe a súa paralización pese a non ter emitido o informe preceptivo para que o Concello outorgara a licencia.
Ortigueira PXOM
PXOM: O Concello de Ortigueira presentou en trámite de avaliación inicial un novo planeamento que, de aprobarse, permitiría construír, nun municipio con decrecemento demográfico, 5400 vivendas en oito anos, e a urbanización de grandes extensións de zonas rurais, moitas nos primeiros 500 metros de costa incluídas na Rede Natura.
Barreiros
Barreiros é un dos municipios da Mariña mais afectados pola cobiza dos promotores e o urbanismo descontrolado. Cun censo de uns 3.800 habitantes, no 2006 tramitou mais de 6000 vivendas sen garantía algunha de dispoñibilidade de servicios urbanos. Esta situación obligou á Dirección Xeral de Urbanismo a intervir para suspender as normas de planeamento urbanistico e anular 345 licencias ilegais.
Foz
Foz é outro municipio ameazado pola febre constructora e o crecemento urbanístico desordenado, insustentable e salvaxe. O concello outorgou licencias en 2006 para 3.600 vivendas. Un dia antes de ser suspendido o planeamento urbanístico pola Xunta, o alcalde deu licencia para construír 1.343 vivendas.
San Cibrao (Cervo)
O desorden urbanístico provoca danos irreparables no Patrimonio. Neste concello está sendo posible edificar sobre un castro inventariado: O Castro da Atalaia, a 30 metros escasos do mar. O concello permitiu a desfeita de gran parte do xacemento a pesar de existir unha orde de paralización de Patrimonio. As obras continúan e parte dos restos arqueolóxicos se atopan nas escombreiras.
Valdoviño
O Concello deu permiso para construír unha urbanización de 17 chalés en A Frouxeira, a poucos metros do mar, no contorno inmediato dun castro e nunha zona de importancia medioambiental incluída na Rede Natura 2000 (zona LIC e RAMSAR). Non se pode ter maior deleixo polo patrimonio natural e cultural.
Central de Meirama
Central térmica de UNIÓN FENOSA que, como a das Pontes, se abastecerá a partir deste ano só con carbón de importación. En 2006, emitiu case 4 millóns de toneladas de dióxido de carbono, o principal gas causante do cambio climático. Ademais é un importante foco de contaminación atmosférica (partículas, óxidos de nitróxeno, dióxido de xofre,...).
Miño
Miño “Costa Anácara”: Posiblemente a maior aberración urbanística do país. Mais de 1300 vivendas construídas pola promotora Fadesa Inmobiliaria, sen depuradora nin rede propia de abastecemento de augas, que duplicará a poboación de Miño en temporada estival. O Concello de Miño ten unha sentenza do TSXG en contra da irregular adxudicación dos mais de un millón de metros cadrados de solo forestal onde se ubica a macrourbanización. Os ecoloxistas denuncian a contaminación por lodos dos bancos marisqueiros que provocan agora as obras e o enorme volume verquidos fecais sen depurar que vai supoñer a urbanización.
Sanxenxo
Prototipo de crecemento urbanístico salvaxe e de especulación vinculada a construcción de vivendas de segunda residencia. O Concello aprobou en 2003 un PXOM que vai a permitir a construcción de mais de 11.000 novas vivendas.Delas, 2400 xa están xa en obras, a metade a menos de 100 metros do mar, o resto case por completo na franxa litoral dos 500 metros e invadindo zonas forestais e de gran valor paisaxístico como Punta Festiñanzo.
Pontevedra (ENCE)
ENCE: O complexo papeleiro é unha das industrias mais contaminantes e perniciosas do país. As instalacións de Lourizán estan a provocar serios prexuízos sobre a saúde e a calidade de vida dos pontevedres, En 2002 foi condenada por delicto ecolóxico polos verquidos contaminantes á ría, e xunto coa sua filial NORFOR é responsable da imposición do nefasto modelo forestal que extendeu o monocultivo de eucalipto por toda a comunidade.
Muras
Canteira Angelita: Foi obxecto de trato de favor polo anterior goberno da Xunta ao excluír, estando proposta,a zona onde se ubica da Rede Natura 2000, e ao permitir que comezase a súa explotación sen autorización da Xunta nen licencia municipal, das que aínda carece. Tamén se permitiu que a canteira saíse fora das zonas de explotación que tiña delimitadas e invadise terreos incluídos no LIC Serra do Xistral, no que se atopan habitats prioritarios que a Directiva Europea considera en perigo de desaparición. A pesar desta situación de ilegalidade, a empresa que explota a canteira obtivo un millonario contrato da Xunta para proveer a Cidade da Cultura.
Campo de Cotaredo
O Campo de Cotaredo é un espazo situado en pleno centro de Compostela que conta con valores patrimoniais (alberga unha aldea, Cotaredo, alén de varias casas, fornos e hórreos) e naturais (cunha mestura de diferentes hábitats: bosque de ribeira, hortas abandonadas hai poucos anos, prados e leiras organizadas en socalcos,...) que está a piques de desaparecer para constrúir vivendas e un "parque". a destrución innecesaria dun espazo verde, salvaxe e natural. Unha destrución nnecesaria porque nun concello con 8.000 vivendas baleiras (datos do INE) a prioridade (desde un punto de vista ambiental e social) debe ser poñer en uso esas vivendas e protexer os anacos de biodiversidade que aínda perviven na cidade.
Serra do Xistral
A Serra do Xistral é un dos espazos de montaña máis valiosos de Galiza, está catalogado como LIC e incluído na Rede Natura. Os 27 parques eólicos construídos neste espacio provocaron ademais de danos na paisaxe e no seu rico patrimonio arqueolóxico, unha seria degradación nun dos mais singulares ecosistemas de Europa; as turbeiras activas de cobertor, declaradas “hábitats naturais prioritarios” pola Unión Europea.
Ria de Arousa
Tamén a Ría de Arousa evidencia un deterioro continuado. A perda de calidade das augas e o meio mariño xa ten chegado a traducirse en importante disminución de produtividade (nomeadamente a marisqueira) ou en falta de calidade sanitária do meio e dos produtos (incremento de Zonas C). Os vertidos que se realizan aos rios Ulla e Úmia (ocupación das marxes fluviais, canalizacións, a prática da agricultura química, verquidos industriais) constituen unha das principais achegas de contaminantes ás rias, pero hoxe a presencia de restos fecais é un dos marcadores que mellor determinan o preocupante nivel de contaminación da ría. O problema non só é por falta de depuradoras: Os motivos da degradación do medio son o crecemento urbanístico excesivo, a actividade turística e industrial e as infraestructuras realizadas sen unha planificación racional e respectuosa cos hábitats e ciclos. De continuar o mesmo modelo económico e a falla de planificación territorial, é previsible un agravamento do deterioro de consecuencias inavaliables.
Carballeda de Avia
Futuro macroparque de tratamento de refugallos do sur galego( mal chamado parque medioambiental de Carballeda de Avia ). Esta ubicado entre Ribadavia ( a menos de 2 Km ) e Carballeda de Avia , o pe da A-52 e o regato de maquias.
Merexo
Pequeno pobo tradicional e pesqueiro nun entorno idílico que vai ser completamente rodeado polos 270.000 metros cuadrados de plástico que ocupará a ampliación da piscifactoría da multinacional Stolt Sea Farm. A instalación proxectada agrede ferozmente o entorno natural e o espacio humano no que este se integra harmónicamente, afectando ás actividades tradicionais e a calidade de vida das xentes que o habitan. A administracción se propón alterar para sempre a vida dos veciños de Merexo en nome dos intereses dunha multinacional, desoíndo implacablemente as suas protestas.
Quilmas
O novo Plan de Acuicultura presentado pola Conselleria de Pesca, prevé unha ampliación da piscifactoría da empresa Solt Farm que vai ocupar un espacio de alto valor ecolóxico excluído sen razón dos espacios protexidos da Rede Natura que o rodean, e que de seguir funcionando como ata agora, verterá medio millón de metros cúbicos de augas contaminadas ao mar. A pequena poboación de Quilmas, unha xoia etnográfica en si mesma, vaise ver afogada por 240.000 metros cadrados de cemento que deshumanizarán o seu entorno e ferirán duramente a magnífica paisaxe. Mais
Corrubedo
O Parque de Tecnoloxía Alimentaria mais grande de Galicia (308.000 metros cadrados) vai ser instalado na zona do Corgo do Cabo Corrubedo, excluído para ese fin do LIC Complexo Húmido de Corrubedo (Natura 2000). Unha paisaxe ate agora incólume, un dos espazos de mais alto valor ambiental e a riqueza pesqueira e marisqueira dun lugar ata o momento explotado de xeito respectuoso e sustentable van a ser irreversiblemente degradados por instalacións moi contaminantes e de enorme impacto visual.
Parques eólicos Muxía I e Muxía II
Un litoral acosado: Soportou a catastrófica marea negra do Prestige e logo librouse dunha macropiscifactoría de que se proxectaba instalar en Cabo Touriñán, porque se considerou unha instalación impensable nun dos nosos espazos emblemáticos; pero isto non é obstáculo para que agora, o mesmo goberno considere viable a instalación de dous agresivos parques eólicos: 76 aeroxeneradores ao longo dos 10 Km que van de cabo Touriñán ate Muxía ameazando unha das paisaxes mais valiosas da xeografía galega
Camelle
Na Xandriña, á beira de Camelle, en 217.000 metros cadrados de costa virxe se instalará un”parque de tecnoloxia alimentaria” que vai botar un millón de metros cúbicos de augas contaminadas nunha zona de gran riqueza pesqueira e marisqueira, poñendo en perigo as actividades tradicionais desta localidade.
Fisterra
A febre urbanística deu lugar en Fisterra aun crecemento desmesurado, desordenado e desacorde coa continuada perda población. Soamente nun ano se outorgaron mais de 1000 licencias para novas vivendas. No queda un metro cuadrado de suelo urbano por comprar. Urbanismo tentou a paralización de case 400 consideradas fora de ordenamento, delas, 88 xa foron declaradas ilegais polo xuzgado e quedan 200 pendentes de sentencia. As restricción de Costas e Rede Natura a novas expansións do solo urbanizable son consideradas polo alcalde (PP) “ normas obsoletas e interpretables” polo que, según manifesta, “seguramente acabaremos no xulgado con Costas”. Toda unha declaración de principios que anticipa o porvir urbanístico deste lugar cualificado como Patrimonio Europeo.
Fragas do Eume
As Fragas do Eume, con catalogación de Parque Natural, está considerado o mellor bosque atlántico de Europa. Forma parte da cunca do río Eume e ocupa unha extensión de 9.000 Ha. O seu futuro como ecosistema está en entredito polas actuacións que prevén no seu entorno. Se actualmente o río Eume sufre unha grande contaminación producida polos verquidos da central térmica de As Pontes, o lago artificial que encherá o oco da mina xa pechada se surtirá das augas do Eume, rebaixando o seu caudal e producindo unha maior contaminación polas filtracións do lago. Outra ameaza é a prevista instalación en As Pontes da celulosa de Ence.
Seiruga
“A liña da Rede Natura e curveada, retorcida, amañada e calquer outro calificativo que se vós ocurra, con tal de deixar sitio ós propositos da Xunta” (Seiruga Limpa). E eses propósitos consisten en instalar unha macropiscifactoría de 200.000 metros cadrados entre a praia de Seiruga e a de Beo, á beira dun castro e en contra da opinión de 234 dos 297 cidadáns con dereito a voto de Barizo, conscientes da irreparable perda que supoñerá para o seu patrimonio natural e paisaxístico.
Porto do Son
Un cento de vivendas ilegais ocupando zonas protexidas do litoral e Rede Natura evidencian o desorden urbanístico que está a sufrir este municipio nos últimos anos e que ten provocado un grave deterioro na paisaxe litoral e no espazo urbano, onde se perderon a configuración e edificacións tradicionais en favor da alta densidade de caracter especulativo e que non responde ás demandas dunha poboación decrecente. Aínda así a cámara municipal, cun xa ex concelleiro de urbanismo denunciado pola fiscalía por facer negocio inmobiliario a conta da información urbanística da que dispoñía, presentou a trámite un PXOM que vai permitir a construcción doutras 7000 vivendas e a clasificación de grandes espazos como solo urbanizable.
Pena Trevinca
Proxecto de parque eólico a pesares de ser un espazo natural protexido. Aves como a águia real e o falcón peregrino corren perigo de extinción ademais doutras como Gatafornela, Lagarteiro común, Perdiz charrela ou Tartaraña cincenta. Nas zonas altas da SERRA DO EIXE encontran-se vários endemismos vexetais, entre os que destaca, na flora, a xesta Genista sanabrensis. Encontran-se tamén populacións de Xenebreiro anano Juniperus nana, ademáis de diferente e numerosa vexetación rupícola de grande interese vexetal. Representa o proxecto unha clara ameaza e un perigo público e notório para o desenvolvemento harmónico do território da serra, polo que supón de destrución do potencial turístico, gandeiro e forestal, o cal inclui a anulación prática dos planos de viabilidade económica previstos para un futuro próximo.
SOGAMA
A central de SOGAMA amorea a metade do lixo que recibe no macro-vertedoiro da Areosa. A outra metade a destina nun 86% á icineración, considerado un tratamento de residuos urbanos ineficaz e indesexable fronte aos sistemas de reciclaxe e valorización, e que ademais constitúe unha das actividades mais contaminantes hoxe no país polas súas emisións de fumes con metais pesados e centos de compostos químicos perniciosos.
Canteira de Lombao (Ortigueira)
O curso do rio Lombao interrómpese abruptamente preto do santuario de Portas, desaparecendo baixo un monte de entullos de lousa procedentes da canteira de Lombao. Outro río máis fora da protección de Augas de Galicia. Unha agresión mais exonerada pola Consellería de Medio Ambiente.
Cerquido
Ocupacion de terreos da lagoa de Budiño polo poligono industrial.
Aterramento con lodos das graniteiras da barreira do Cerquido, perdeuse unha poboacion de sapoconchos
Lixo na barreira de Orbenlle
Tala e aterramento ilegal por parte de Transportes Marsou en zona SRPEN
Aterramento e destruccion da pequena mata de papamoscas (Drosera)
Parque Rosalía
As persoas que berramos GALIZA NON SE VENDE expresamos a nosa mais enérxica protesta ante o desolador panorama que deixa este goberno disfrazado de progresista coas suas políticas ambientais e sociais que están arruinando Galiza, destruíndo a súa paisaxe, os seus recursos naturais, o patrimonio cultural e a biodiversidade. Políticas ambientais e sociais que significan a continuación das de gobernos anteriores no triste camiño de entregar o país, os seus recursos e a súa identidade, ás grandes empresas multinacionais e aos grandes intereses económicos. Utilizando o gasto público para, nun intento desesperado, tapar os grandes buratos que crea este obsoleto e insustentabel modelo economico e social.
A lista dos obxectivos e puntos de denuncia é, por desgraza, longa e variada. Céntranse no corazón magoado da nosa realidade natural e social: marbellización do litoral, recheos e contaminación das rías, degradación dos ríos, plano acuícola devastador das zonas costeiras mellor conservadas, portos deportivos que enmascaran urbanizacións e apropiación privada da costa, plano eólico contra-natura, destrución e privatización da terra pola cobiza de graniteiros, louseiros e outras minarías; campos de golf, eucaliptización, cultivos transxénicos, industrias nocivas e perigosas, parques industriais desproporcionados e sen planificación, sistema de transportes irracional, primitivo e insostíbel; urbanismo salvaxe, especulación xeneralizada, extinción programada da agricultura, abandono e destrución do rural, pobreza de espazos naturais protexidos e nulo respeito polos que hai, desprotección do patrimonio arqueolóxico, especialmente do prehistórico...
As persoas que berramos GALIZA NON SE VENDE expresamos a nosas ganas de vivir e de recuperar os espazos e coñecementos que nos serviron durante séculos, para que nós e as persoas que veñan despois teñamos un futuro garantido. Por iso artellamos unha rede de colectivos e proxectos realmente alternativos, ante a incapacidade e cobardía dos politiqueiros responsabeis de parar esta tolemia, para procurarnos estratexias válidas para poder seguir vivindo na nosa terra e da nosa terra.
As persoas que berramos GALIZA NON SE VENDE temos moi claro que non imos quedar indiferentes ante falsos discursos de cidadanías e democracias cando se nos criminaliza por ser cidadás e cidadáns e expresar o que pensamos, non imos quedar indiferentes cando nos seus discursos valeiran de contido palabras cheas de solidariedade.
Porque outro xeito de facer é posibel, a cidadanía galega saímos á rúa xunta (e rebolta), o dia 15 de febreiro nunha grande manifestación nacional em Compostela que sairá ás 12 da mañan da Alameda baixo o lema:
GOBERNE QUEN GOBERNE, GALIZA NON SE VENDE
--
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario