martes, 30 de septiembre de 2008

VII ENCONTRO INTERNACIONAL MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES



VII Encontro Internacional na Galiza, Vigo 2008
Escrito por Marcha Mundial das Mulleres na Galiza

Os próximos 18 e 19 de outubro a Marcha Mundial das Mulleres, rede feminista internacional que agrupa a mulleres de mais de 150 países, dará un paso máis na súa loita contra a pobreza e a violencia. Delegadas dos cinco continentes acudirán a Vigo para celebrar o VII Encontro Internacional, nunhas xornadas cargadas de reflexión para seguir construindo un mundo onde sexan erradicadas a pobreza e a violencia.Todas as persoas, mulleres e homes, e colectivos, que comparten estes dous obxectivos, teñen un convite para acompañar ás mulleres vindas dos cinco continentes, a dar este paso na cidade de Vigo.


Celebrara-se un Foro e unha Feira de Soberanía Alimentaria, onde mediante debates, exposicións, mostra de productos, obradoiros e música, denunciaráse a utilización dos monocultivos intensivos, os agrotóxicos, a especulación do capital financieiro coa produción,transporte e venda dos alimentos...,e como todo isto afecta na vida das mulleres, das comunidades, dos povos e do planeta, sendo as mulleres maioria na producción e elaboración dos alimentos, ainda tendo só o 1% da propiedade da terra. No Foro e na Feira defenderáse o dereito que teñen os povos a decidir sobre a sua alimentación, a súa agricultura e pesca, sinalando o papel das mulheres como agentes de Soberania Alimentaria.

O domingo 19 de outubro, nunha praza da cidade de Vigo, realizara-se a construción dun milladoiro para o que contaremos coas pedras que as delegadas transportarán na súa viaxe a Galiza desde distintos puntos do planeta, simbolizando a unidade das mulleres e dos camiños na loita contra a violencia e a pobreza.Este proxecto artístico elaborado polas alumnas da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, ficará en Vigo para dar testemuña ao longo do tempo da solidariedade vivida coas mulleres do mundo, na súa loita contra a pobreza e a violencia.

Ademais, poderemos compartir coas delegadas da M.M.M. as rúas de Vigo, na manifestación convocada para o domingo 19 de Outubro, baixo o lema "CAMBIAR A VIDA DAS MULLERES PARA CAMBIAR O MUNDO, CAMBIAR O MUNDO PARA CAMBIAR A VIDA DAS MULLERES".

Acode a Vigo o 18 e 19 de outubro para berrar con nós que este cambio é posíbel e para mostrar a tua solidariedade coas mulleres vindas de todo o mundo.

No hay comentarios: