martes, 23 de septiembre de 2008

O XOGO DA GUERRA



(Galicia, 1941-2002)


Escritor galego Nado en Xinzo de Limia (Ourense). Estudiou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago e despois estivo de lector en varias universidades europeas. Ao seu regreso, instalouse en Vigo, onde desenvolveu unha actividade cultural e profesional incesante como escritor, editor, catedrático na Universidade de Santiago de Compostela, membro da Academia Galega da Língua e presidente do Consello da Cultura Galega. Colaborou asiduamente como articulista en numerosos diarios, entre eles La Voz de Galicia. Casares deuse a coñecer en 1967 co libro de relatos Vento ferido e desde entonces publicou con regularidade novelas e contos de literatura infantil. Na súa obra apreciase a marca de intelectual europeo, cosmopolita e un sentido do humor moi propio da súa terra

-------------------------------------
Un anaquiño do libro - VENTO FERIDO- DE CARLOS CASARES



Botaron a sortes e tocoume a min. Eu penso que fixeron trampa, pero calei. Díxome o Rata: "Vai". Eu non quería ir, digo a verdade. Pero cando o Rata dicía vai, había que ir. O Rata estaba tolo, segundo a miña nai. Pero eu penso que non estaba tolo, que era atravesado e de mala lei. "Vai", dixo outra vez. E fun. A casa de don Domingo quedaba lonxe. Algo asó como a dous quilómetros. Tiven que dar un rodeo para non pasar por diante da zapatería do meu pai. Pensei:"escapo para a casa e xa está". Pero collín medo. Ademais ía calor e na casa no verán non se para coas moscas.

Cheguei ao chalé de don Domingo e berrei:

- ¡Zalo...!

Ladraron os cans. Agardei un pouco e volvín chamar:

- ¡Zalo..!

Cando apareceu, de seguida me dei conta de que viña de durmir a sesta. Díxome: "¿Que pasa!? Eu díxenlle: "O Rata agárdate no río. Cazou unha bolboreta moi bonita. Di que vaias, que cha dá para a coleción". O Zalo era tolo polas bolboretas. E o Rata, que cabrón, cómo lle sabía dar co gusto á xente.

-¿Onde está o Rata?

-No campo da Bomba.

Saímos correndo. Cando chegamos, o Rata estaba bañandose no río. Ao nos ver, saíu. Mirou ao Zalo con cara de atravesado e díxolle: "Hola, "¿Queres a bolboreta?". O Zalo volveuse cara a min como preguntando. A verdade, eu non quería. O Rata asubiou e entre todos botáronse ao Zalo. Espírono e atárono a un amieiro. O Zalo choraba e a min déronme ganas de chorar. Eso non se lle fai a ninguén e menos a traición. O Rata chuspiulle alí, naquel sitio, e chamoulle caguetas. "Non se chora", dixo. Despois colleu un vimbio e pasoullo polas pernas o pola barriga sen lle dar. Botamos a sortes e tocoume a min. Quixen fuxir ou tirarme ao río, pero o Rata miroume así, como mira el, e collín o vimbio. "Veña"- Díxenlle que non. "Mira, Rafael, que te imos atar a ti". "Non", "Mira Rafael, que non me enchas". "Mira Rafael..." Pola voz souben que me ía dicir o da miña nai. Agarrei o vimbio e funme cara ó Zalo. Eu non quería, ben o sabe Deus. E deille no pescozo. Os outros berraron: "¡Máis!" E eu non vía. E daba. E sentía o sol dentro da cabeza e os chíidos do Zalo, que se me espetaban nos ouvidos. E daba. "¡Máis!" Doíame o brazo de tanto subir e baixar. "¡Máis!" Cando mirei para o Zalo gañei medo. Sangraba por todas partes e comíano as moscas. Estaba como morto. Non falaba. O Rata e os outros fuxiron. Eu tamén fuxín.

No hay comentarios: