miércoles, 24 de septiembre de 2008

ESTUDO INTEGRAL DA RÍA DE VIGO



A INICIATIVA DO BNG, O CONGRESO INSTA AO GOBERNO A REALIZAR, EN COLABORACIÓN COA XUNTA E NUN PRAZO DUN ANO, UN ESTUDO INTEGRAL DA RÍA DE VIGO



Davila salientou a “grande riqueza marisqueira da Ría viguesa” e a urxencia en que o Goberno acometa un Estudo Global para reducir a contaminación e o deterioro



Madrid, 24 setembro 08. A Comisión de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño aprobou esta tarde, a instancias do BNG e por unanimidade, instar ao Goberno a realizar, en colaboración coa Xunta e nun prazo non superior a un ano, un Estudo Integral e Global da Ría de Vigo.



Este Estudo Integral faríase no marco da estratexia para a sostebilidade da Costa do Ministerio de Medio Ambiente, e, ademáis, deberá ter presente os usos e planos de futuro a fin de compatibilizar e racionalizar os espazos e as necesidades industriais cos naturais.



A Comisión de Medio Ambiente debatía esta tarde unha proposición non de lei do BNG neste sentido. A autora da iniciativa, a deputada nacionalista, Olaia Fernández Davila, posibilitou o acordo ao transaccionar un texto final co grupo socialista e co grupo popular.



Depurar as augas e racionalizar as actuacións sobre a Ría



Na súa intervención a deputada do BNG lembrou que no seu día a administración local, a autonómica e a estatal realizaron un programa para a reducción da contaminación na Ría de Vigo, centrado nas cuestións de saneamento e depuración de augas fecais, e que enviaron á Comisión Europea. Pero, subliñou, “hai outras actuacións que contribúen ao deterioro da Ría como os verquidos industriais, os recheos, a creación de portos deportivos ou praias artificiais”.



Por iso, enfatizou, a necesidade de realizar unha planificación de futuro e racionalizar estas actuacións. Puxo de manifesto as noticias das últimas semanas sobre a incidencia negativa que os verquidos procedentes das instalacións portuarias de Vigo e Vilagarcía están a ter na cría de moluscos. Neste sentido, resaltou a riqueza marisqueira da Ría de Vigo, razón da “urxencia en que o Goberno acometa, en coordinación coa Xunta, un Estudo Global da Ría viguesa”.



MEU COMENTARIO:
¿Viviremos dabondo para ver que se faga algo por esta ría ou seguiremos coa idea de facer recheos e torres encantadas?

Nun comentario nun periódico alguén me chamou "antigua" por pensar deste xeito. Parece ser que hai persoas que entenden que a defensa da natureza é algo pasado de moda. Pois ben miña señora o que está IN é o desenvolvemento sostible:


Desenvolvemento sostible é aquela forma de desenvolvemento que satisface as necesidades do presente sen comprometer as do futuro, como un proceso dinámico onde os esforzos institucionais, a orientación do desenvolvemento tecnolóxico, a explotación dos recursos e o destino dos investimentos deberan de estar orientados para satisfacer tanto as necesidades presentes como as futuras.

En resumo, o desenvolvemento sostible debe entenderse como un crecemento económico que promove o progreso e o equilibrio social e que ao mesmo tempo ten un uso racional dos recursos sen producir deterioro no medio ambiente.

No hay comentarios: