jueves, 31 de julio de 2008

O VOTO EMIGRANTE ¿cara a onde pretenden que emigre?

A VICEPRESIDENTA ESCÚDASE NA “COMPLEXIDADE TÉCNICA” PARA NEGAR A REFORMA URXENTE DO VOTO EMIGRANTE E REMITE A UNHA SUBCOMISIÓN DE ESTUDO



Jorquera cualifica de “coartada” o argumento e afirma que “o obxectivo é que o actual sistema sempre beneficia ao partido no Goberno, queremos crer que esa non sexa a razón para non realizar xa esta reforma”



Madrid, 30 Xullo 08. A Vicepresidenta primeira do Goberno, María Teresa Fernández de la Vega, alegou unha serie de “complexidades técnicas” para negar a reforma con carácter urxente, antes da celebración das Eleccións galegas, do voto dos residentes ausentes e remitiu todo tipo de modificacións á unha Subcomisión de estudo a tal efecto no Congreso.



A “coartada” do Goberno



Jorquera cualificaba de “coartada” os argumentos da Vicepresidenta e expresaba con exemplos o total desacordo do BNG coas alegadas “complexidades técnicas”. “Se hai vontade política os problemas técnicos soluciónanse perfectamente. Tiveron moito tempo, Señora Vicepresidenta, para tratar ese tema” e subliñou a súa estraneza polo argumento utilizado cando “aquí estamos acostumados a ver como moitos inmigrantes de países menos desenvolvidos votan en urna. Esa non pode ser a explicación”. Deixou claro que “o dito por vosté hoxe aquí dista moito de ser satisfactorio e algúns dos aspeitos afirmados me parecen indignantes”.



Ademáis, sinalou que a mesma proposición de lei aprobada unanimemente no Parlamento galego dá solucións ao respeito. Espetou á Vicepresidenta que “hai un dato obxectivo sobre a mesa: no ano 2004 o PP otivo o 65% dos votos no exterior e no ano 2008 foi o PSOE o que obtivo o 65% deses votos. O obxectivo é que o sistema actual beneficia aos partidos no Goberno, queremos crer que esa non sexa a verdadeira razón”.



As afirmacións da Vicepresidenta: o Goberno non presentará proxecto de lei



María Teresa Fernández de la Vega comparecía esta mañá na Cámara Baixa en sesión extraordinaria para explicar a disposición do Goberno a reformar a modificación do sistema de voto dos emigrantes para que poidan emitir o seu voto en urna. Unha comparecencia solicitada polo BNG e así aprobada na última Deputación Permanente do Congreso.



Na súa intervención inicial, a Vicepresidenta do Goberno deixou claro que o Executivo non vai presentar ningún proxecto de lei ao respeito de aquí a setembro. En concreto, sinalou que “nos decantamos por convocar aos grupos políticos ao diálogo en sede parlamentar en lugar de presentar un proxecto de lei na Cámara”, en referencia á creación dunha Subcomisión no seno da Comisión Constitucional do Congreso para estudar, reflexionar e avaliar as reformas eleitorais necesarias, incluida a reforma puntual do voto dos residentes ausentes.



María Teresa Fernández de la Vega limitouse a expresar a “vontade compartida” de reformar o voto dos emigrantes pero engadiu que “non se poden esquecer os reptos técnicos que exixen capacidade de adaptación e encontro das forzas políticas”. Falou de realizar “unha reflexión distendida” e só expresou que o Goberno estará disposto a desenvolver as decisións que se adopten no seno da citada Subcomisión.

Na réplica, a Vicepresidenta redundou nos mesmos argumentos. A consideración do Goberno de que “a vía adecuada” é a da Subcomisión. Fixo unha clara alusión á proposición do Parlamento galego afirmando que “incluso estamos dispostos a que se vexa esa proposición de lei antes se así o acordan os grupos” pero cualificou a proposta da Cámara galega “de lei que pensa nas Eleccións galegas”.

Na contraréplica ao BNG que lle preguntou se ían presentar un proxecto de lei sobre este tema, De la Vega sinalou que “o Goberno asumirá a regulación que acorden por consenso os grupos da Cámara”, en clara alusión á mencionada Subcomisión. E engadiu que “estamos dispostos a apoiar unha proposición de lei ou a fórmula que se acorde”.



A especial importanza do CERA na Galiza



O deputado do BNG acusou á Vicepresidenta de intentar subsumir un “aspeito concreto nunha reforma eleitoral máis ampla”. A reforma que “propomos é algo que non afecta ao marco xeral”. Ademáis, “existen precedentes de reformas puntuais da lei eleitoral”.



Deixou claro que a cuestión da circunscripción eleitoral única para os emigrantes ou a votación en Eleccións municipais si precisan dunha reflexión máis profunda pero non o feito de equiparar o voto dos emigrantes aos residentes no Estado.



Apelou á urxencia de modificar o sistema de voto para dar garantías ao voto, “para nós é unha cuestión urxente, é importante garantir a limpeza do voto e estamos ás portas das Eleccións galegas onde o CERA ten unha importanza especial”. Lembrou que Galiza ten 330.000 inscritos no CERA, un corpo eleitoral que aumentará considerabelmente de se extender a nacionalidade aos descendentes da 2ª xeración. Recordou á Vicepresidenta que xa existe o consenso para levar a cabo esta reforma puntual: “todas as forzas políticas apoiamos, tamén o PSOE, a proposición de lei do Parlamento galego”.



Francisco Jorquera rematou preguntando á Vicepresidenta “cal é a vontade política real do Goberno?”.

No hay comentarios: