lunes, 8 de septiembre de 2008

O GALEGO E MALO PARA OS NEGOCIOS -ANXEL VENCE


FARO DE VIGO- 7 setembro 2008
anxelvence@gmail.com

Coincidindo co día en que o paro gabeaba ata acadar a cifra de dous millóns e medio de ex traballadores, a directiva dunha organización empresarial con sede en Vigo alertou de que unha das causas da actual crise é a "imposición" da lingua galega. Quen nos ía dicir que a filoloxía pudiera influir tanto sobre a marcha das finanzas.

Asegura a amentada asociación -ou cando menos, os seus dirixentes- que a suposta esixencia de coñece-lo galego está a provocar unha fuga de directivos altamente cualificados, coa subseguinte perda de competitividade das empresas deste país.

Cumpre deducir, por tanto, que Galicia non dispón de profesionais autóctonos en número dabondo como para cubrir as necesidades de persoal especializado do seu máis ben escaso tecido industrial. Un dato que , en apariencia, choc coa crecente emigración de moitos dos mellores profesionais galegos a outros reinos autónomos- algúns deles, bilingües- onde os salarios recompensan moito máis que aqui os
seus saberes. Coñécese que os veciños deste país somos algo raros en cuestiós de traballo.

Pero iso non é o peor. Infelizmente, a lingua galega non so espanta aos expertos dos que tan necesitados andamos, senon tamén ás empresas que por un casual quixeran instalarse neste reino ou dispoñan xa dunha delegación no seu territorio. Advirten en efecto os empresarios preocupados pola situación lingüistica de Galicia sobre o risco de que algunhas "grandes corporacións" poidan trasladar as súas sucursais a outras comunidades auntónomas onde o galego non sexa un estorbo.

Tan respectable coma calquera outra esta teoria contradice en aparencia co feito de que algunhas das grandes empresas de Galicia- quer financeiras, quer de telecomunicacións, quer doutros ramos non precisamente artesanais empreguen en exclusiva o galego na súa relación cos clientes, agás petición en contrario. E o certo é que non hai noticia de que esa actitude lles restara clientes, non moito menos. Máis ben ao contrario.

Se cadra ocorre que os técnicos de marketing, que son os que saben destas cousas, chegaron á extravagante conclusión de que o uso da lingua galega poderíalles ter prestado a esas empresas un certo plus de simpatía e boa imaxe entre a súa clientela. Quen sabe.

(aproveito para meter este anuncio que se fixo en galego e causou un forte impacto, tanto dentro de Galiza coma fora)





Quer como for, o manifesto dos -ou de algúns- empresarios de Vigo é unha moi novidosa contribución ao estudio da actual crise económica que tanto nos aflixe a todos.

Debatían confusamente ata agora os expertos nestas maxias da economía si a causa da crise na suba do petroleo, nas hipotecas fuleras exportadas polos bancos norteamericanos, no derrube da construcción, na falta de liquidez financiera ou nunha combinación de tan variadas circunstancias. Gañas de perde-lo tempo, polo que se ve.

Con rara clarividencia, nun grupo de empresarios galegos- que non todos, como é natural- acaba de engadir a eses factores de orde menor o moto máis importante da lingua. Na súa revolucionaria pero non por eso menos ben fundada opinion, a causa de que os mellores profesionais, os investimentos e as empresas fuxan de Galicia (si é que están fuxindo) débese á nefasta "imposición" do galego no ensino e noutros eidos.

Razón non lles ha faltar, ho. Non hai máis que ver cómo a maioría dos parados falan galego.




MEU COMENTARIO

Estou chea de carraxe, teño que dicilo. Esta guerra contra o galego .... pero si xa me estou a lembrar de cando nin sequera tiña uso de razón.

Teño lembranzas da miña nenez . Na familia non poden crer que me lembre de cousas que aconteceron sendo eu moi nena. O caso é que eu nacín en Vigo e debín ser unha precursora dalgún tipo de anorexia. Non quería comer e non comía, así que meu pai mandoume a aldea con seus pais para ver si atopaban un milagre para abrirme o apetito. O atoparon axiña: "NON FACERME PUÑETERO CASO". Despois de pasar un ano cos avós e aprender a comer até as codias dunha semana voltei a Vigo para ir a escola.

AGORA SI QUE CHEGOU O PROBLEMA... De repente meu pai decatouse de algo terrible
A SUA FILLA FALABA GALEGO- e tiña que ir ao colexio, e para empeorar o asunto- A UN COLEXIO DE SEÑORITAS...

E eu que viña dun ambiente saudable, de vivir en liberdade pasei a ser

CABEZA DE SAL

Como me chamaba "la Señorita Corujo"


E.... aproveito, xa que estamos...

DEIXO ESCRITO O MEU EPITAFIO

Aqui queda o meu corpo, mais, o meu espírito será aguia para afastar destas terras a todos os que non nos queren, gaivota para espreitar que non estraguen as nosas rías, andoriña para procurar que os fillos que abandonaron esta terra volten aos seus niños e reiseñor para alegrarvos os días co meu canto.

Lembrade que sodes herdeiros de Breogán. A súa herdanza é para os vosos fillos, netos e para todos os que están por vir. Conservade a nosa língua e sentirvos sempre orgullosos de ser galegos

No hay comentarios: