CON ISTO PECHO O ASUNTO DO PORTO CABRAL
Por que non é (legalmente) posible expropiar o Monte Veciñal en Man Común de Cabral para a construción do parque comercial de Porto Cabral
Durante os últimos meses levan aparecendo na
prensa e medios distintas informacións que falan da posible venda do
Monte Veciñal en Man Común de Cabral para a construción do centro
comercial e de ocio Porto Cabral. Dita venta faríase, segundo os medios
varios, previo acordo dxs comuneirxs mediante aprobación en asamblea ou, en caso de que estes se negasen a vender, mediante expropiación forzosa. Dita afirmación repítese de diferentes maneiras(*), sen citar fontes nen lexislación, dando como verdadeiro este procedemento.
Toda esta serie de noticias están destinadas, pois, a que xs
comuneirxs e veciñxs consideren como inevitable a súa venda por motivos
de utilidade pública, e se suman ás numerosos vantaxes que supostamente a
execución do proxecto producirían (numerosos postos de traballo
creados, a repercusión sobre o comercio local, a afección ambiental, a
instalación dun IKEA no complexo,…). Os medios están a espallar estas
informacións directamente baseándose en notas de prensa sen telas
contrastado e dan unha única visión da información resultado de
entrevistas ós responsables das empresas, políticos, arquitectos do
complexo,..
Neste texto afirmamos que, malia que a asamblea
de comuneirxs de Cabral aínda non se ten pronunciado, calquer acordo de
venda do Monte Veciñal debería ser desestimado diante dun tribunal (como
xa se ten feito noutras ocasións) por ir en contra da Lei de Montes
Veciñais en Man Común, por mor da imposibilidade de declarar o complexo
de Porto Cabral como unha actuación de “Utilidade Pública”. Analicemos o
caso:
Se acudimos á lei de Montes Veciñais en Man Común,
atopamos que estes montes son “indivisibles, inalienables,
imprescriptibles e inembargables” (artigo 2) polo que non é posible a
súa venda, xa que son un patrimonio da comunidade de veciñxs que moran
nese momento na parroquia que deberá ser trasmitida ós seus futuros
titulares do mesmo xeito. Cómpre salientar que xs veciñxs destes montes
non son propietarixs ao uso, se non titulares e xestorxs dunha
propiedade mentres moren nese lugar. Unha vez estxs veciñxs deixan de
ser moradorxs habituais da parroquia, perden a súa condición de
comuneirxs e deixan de ser “propietarixs” do monte. Non son pois
propiedades ligadas pola herdanza. se non polo uso, derivadas do dereito
xermánico.
A lei, non obstante, introduce unha serie de
excepcións á inalienabilidade do monte xa que “poderán ser obxecto de
cesión temporal, en todo ou en parte, a título oneroso ou gratuíto, para
obras, instalacións, explotacións de diversa índole, servicios ou
outros fins que redunden de modo principal no beneficio directo da
Comunidade de veciños (…) A cesión poderá ser por tempo indefinido en
favor de calquera das Administracións Públicas cando sexa destinada a
equipamentos a prol da propia Comunidade, e en tanto se manteña o fin
para o que foi feita a cesión.” (artigo 5 da lei de MVMC de Galicia).
Así pois como Porto Cabral non pode ser unha cesión temporal con
beneficio principal para a parroquia e tampouco pode tomarse como unha
cesión por tempo indefinido para equipamentos a prol da comunidade, non é
posible utilizar esta fórmula na súa posible venda para a construción
do macrocentro de ocio.
A outra excepción sinálase no artigo 6 da citada lei na que se expón que “Os montes veciñais só poderán ser obxecto de expropiación forzosa ou impoñérselles servidumes por causa de utilidade pública ou interese social prevalentes ós dos propios montes veciñais.” Aquí
é onde radica o obxecto de toda esta problemática. ¿Ten utilidade
pública ou interese social prevalente o complexo Porto Cabral? Porque esta é a única causa pola que un Monte Veciñal pode ser expropiado. Parece evidente que un parque comercial e de ocio non o ten e
que ningún xuíz aceptaría tal definición. Existen sentencias do
Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nas que se cuestiona mesmo a
utilidade pública dun parque eólico fronte a explotación madereira ou
gandeira dun monte veciñal (**), así que moito máis inxustificable
parece a idea de que un parque comercial e de ocio con lago e pista de
esquí poida prevalecer fronte a utilidade pública do monte veciñal.
Mais o proceso que aquí se está a intentar é algo
máis complexo: comeza coa definición que fai o propio Plan Xeral de
Ordenación Municipal (PXOM) do Concello de Vigo do sector coñecido como
Liñeiriños, no que se ubicaría Porto Cabral, e que ten asigando un
desenvolvemento de tipo “público” polo sistema de “expropiación”. (Non
todo o ámbito de Liñeiriños correspóndese co proposto para Porto Cabral.
Liñeiriños ocupa un polígono de 1.508.069 m2 mentres que Porto Cabral
apenas ten demandado unha cuarta parte desta superficie).
Deste xeito, como é de desenvolvemento público,
ten que ser o propio Concello de Vigo quen inicie a expropiación do
sector “Liñeiriños” (ou de unicamente unha parte, xa que o PXOM permite
desenvolver o sector “por etapas”). No caso da área do sector
coincidente co Monte Veciñal en Man Común de Cabral deberá argumentar o
principio de “utilidade pública” ou “inteserese social prevalente” e
basearse nas posibles infraestructuras ou equipamentos a realizar neste
sector como pretexto expropiatorio. O seguinte paso que debería realizar
o Concello de Vigo sería un Plan Parcial para o desenvolvemento da área
na que se incluiría o solo clasificado e cualificado segundo as
necesidades de Porto Cabral. Finalmente debería convocar un concurso
público para a adxudicación dos terreos (non os pode adxudicar
directamente a Eurofund Investments, o impulsor do proxecto) e, se non
se presentase ningún outro operador, adxudicarllo.
Así, o proceso parte de que o propio PXOM asigna,
nunha área dun Monte Veciñal en Man Común, un sector de desenvolvemento
público no que non hai un interese público demostrado, (o que anularía
ese sector do PXOM e implicaría a súa reformulación de ser levado aos
tribunais); e continuaría, de ser xestionada do modo mencionado por
parte do Concello, dunha actuación “a mala fe” xa que estaría
expropiando baixo a figura de “utilidade pública” para logo vendelo para
un uso que non ten dita utilidade. Deste modo podería entrarse no
terreo da presunta prevaricación, xa que se estaría a impulsar un
polígono cun fin suposto de utilidade pública ou de interese social
prevalente a sabendas de que vai ser adxudicado a unha empresa para
realizar un parque comercial privado. (Un caso asimilable, aínda que non
igual, é o da cidade deportiva de Valadares, xa chamada nos medios “do
Celta” porque se quererían ceder terreos públicos, obtidos mediante
expropiación a veciñxs de Valadares, á sociedade privada do R.C.Celta
para a realización dun grande equipamento deportivo para a cidade: aínda
que para isto sería necesario facer un concurso público aberto a todxs,
os principais medios da cidade xa consideran que esta actuación pública
cederíase de forma natural ao R.C.Celta por 50 ou 70 anos sen
escandalizar a ninguén.)
Se este fose o escenario, sería un caso de lexislación feita ad hoc,
realizada coa complicidade da empresa e da Administración, para
promover o desenvolvemento dun parque privado fronte aos lexítimos
intereses dunha institución de raigame en Galicia como son os Montes
Veciñais en Man Común, que gozan da súa lexislación sectorial.
Ningúnx xuízx debería admitir a declaración de Porto Cabral como de
“utilidade pública ou de interese social prevalente”. Unicamente
mediante os atallos expostos podería ser executado nun primeiro momento
(co impacto ambiental consecuente no propio monte), mais finalmente
debería ser desestimado nos tribunais. Pola súa idiosincrasia
particular, un Monte Veciñal en Man Común non debería ser expropiado
salvo en caso de utilidade pública manifesta.
[Ademais das repercusións ambientais e sobre o
comercio local, o proxecto de Porto Cabral ten unha importancia
estratéxica xa que a súa construción permitiría, polas cargas
aplicadas ao sector de Liñeiriños no Plan Xeral, o inicio da cidade do
deporte "do Celta" e da construción da "Ronda das parroquias", que
proxecta atravesar boa parte do rururbano vigués.]
No hay comentarios:
Publicar un comentario