martes, 15 de marzo de 2011
HISTORIA DUNHA MULLER. Celso Emilio Ferreiro
Contareivos a historia
de aquela muller fea, tristemente
sentada diante a porta
de un remoto domingo de foguetes,
mentres a noite espreita nos tellados
ás ledas anduriñas tecelanas
Seica ten un marido que foi mozo
e agora é soio sombra
ou meridián de ventos ventureiros.
Un home que lle escribe indescifrábeles
cartas de amor cando é ano bisiesto
datadas en Shangay ou Terranova.
Pero el nunca chora, está sentada
a porta dunha estrela, está esperando
cos ollos postos sobre as duras pedras,
ferida polo tempo, escura llanza
Contareivos a historia.
Tivo un fillo de achego nas carqueixas
que aquil ano cheiraban a pecado.
Tivo un fillo lexítimo
legalizado en cánones i en libros,
folios tantos, ut supra, reintegrado
con pólizas e timbres expedientes
Os fillos foron indo
hasta un día de abril, precisamente,
que lles naceu nas maus unha paisaxe
de capricornios trópicos con lúas
e máxicos pandeiros barloventos.
¡Xa non tiña remedio!
Marcháronse o bastardo e o lexítimo
camiño de ningures
baixo estrelas sin nome
Agora collen caucho, curten peles
de caimán no Orinoco
según dixo un veciño
que rexenta un quilombo de mulatas
alá en Venezuela
Pero ela nunca chora, está sentada
á porta dunha estrela,
ferida polo tempo, escura llanza
HISTORIA DUNHA MULLER- Celso Emilio Ferreiro
Pinturas. Castelao
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario