lunes, 11 de noviembre de 2013



liñeiriños
        Published in lexislación, o novo

Durante os últimos meses levan aparecendo na prensa e medios distintas informacións que falan da posible venda do Monte Veciñal en Man Común de Cabral para a construción do centro comercial e de ocio Porto Cabral. Dita venta faríase, segundo os medios varios, previo acordo dxs comuneirxs mediante aprobación en asamblea ou, en caso de que estes se negasen a vender, mediante expropiación forzosa. Dita afirmación repítese de diferentes maneiras(*), sen citar fontes nen lexislación, dando como verdadeiro este procedemento.
Toda esta serie de noticias están destinadas, pois, a que xs comuneirxs e veciñxs consideren como inevitable a súa venda por motivos de utilidade pública, e se suman ás numerosos vantaxes que supostamente a execución do proxecto producirían (numerosos postos de traballo creados, a repercusión sobre o comercio local, a afección ambiental, a instalación dun IKEA no complexo,…). Os medios están a espallar estas informacións directamente baseándose en notas de prensa sen telas contrastado e dan unha única visión da información resultado de entrevistas ós responsables das empresas, políticos, arquitectos do complexo,..
Neste texto afirmamos que, malia que a asamblea de comuneirxs de Cabral aínda non se ten pronunciado, calquer acordo de venda do Monte Veciñal debería ser desestimado diante dun tribunal (como xa se ten feito noutras ocasións) por ir en contra da Lei de Montes Veciñais en Man Común, por mor da imposibilidade de declarar o complexo de Porto Cabral como unha actuación de “Utilidade Pública”. Analicemos o caso:
Se acudimos á lei de Montes Veciñais en Man Común, atopamos que estes montes son “indivisibles, inalienables, imprescriptibles e inembargables” (artigo 2) polo que non é posible a súa venda, xa que son un patrimonio da comunidade de veciñxs que moran nese momento na parroquia que deberá ser trasmitida ós seus futuros titulares do mesmo xeito. Cómpre salientar que xs veciñxs destes montes non son propietarixs ao uso, se non titulares e xestorxs dunha propiedade mentres moren nese lugar. Unha vez estxs veciñxs deixan de ser moradorxs habituais da parroquia, perden a súa condición de comuneirxs e deixan de ser “propietarixs” do monte. Non son pois propiedades ligadas pola herdanza. se non polo uso, derivadas do dereito xermánico.
A lei, non obstante, introduce unha serie de excepcións á inalienabilidade do monte xa que “poderán ser obxecto de cesión temporal, en todo ou en parte, a título oneroso ou gratuíto, para obras, instalacións, explotacións de diversa índole, servicios ou outros fins que redunden de modo principal no beneficio directo da Comunidade de veciños (…) A cesión poderá ser por tempo indefinido en favor de calquera das Administracións Públicas cando sexa destinada a equipamentos a prol da propia Comunidade, e en tanto se manteña o fin para o que foi feita a cesión.” (artigo 5 da lei de MVMC de Galicia). Así pois como Porto Cabral non pode ser unha cesión temporal con beneficio principal para a parroquia e tampouco pode tomarse como unha cesión por tempo indefinido para equipamentos a prol da comunidade, non é posible utilizar esta fórmula na súa posible venda para a construción do macrocentro de ocio.
A outra excepción sinálase no artigo 6 da citada lei na que se expón que “Os montes veciñais só poderán ser obxecto de expropiación forzosa ou impoñérselles servidumes por causa de utilidade pública ou interese social prevalentes ós dos propios montes veciñais.” Aquí é onde radica o obxecto de toda esta problemática. ¿Ten utilidade pública ou interese social prevalente o complexo Porto Cabral? Porque esta é a única causa pola que un Monte Veciñal pode ser expropiadoParece evidente que un parque comercial e de ocio non o ten e que ningún xuíz aceptaría tal definición. Existen sentencias do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nas que se cuestiona mesmo a utilidade pública dun parque eólico fronte a explotación madereira ou gandeira dun monte veciñal (**), así que moito máis inxustificable parece a idea de que un parque comercial e de ocio con lago e pista de esquí poida prevalecer fronte a utilidade pública do monte veciñal.
Mais o proceso que aquí se está a intentar é algo máis complexo: comeza coa definición que fai o propio Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Concello de Vigo do sector coñecido como Liñeiriños, no que se ubicaría Porto Cabral, e que ten asigando un desenvolvemento de tipo “público” polo sistema de “expropiación”. (Non todo o ámbito de Liñeiriños correspóndese co proposto para Porto Cabral. Liñeiriños ocupa un polígono de 1.508.069 m2 mentres que Porto Cabral apenas ten demandado unha cuarta parte desta superficie).
Deste xeito, como é de desenvolvemento público, ten que ser o propio Concello de Vigo quen inicie a expropiación do sector “Liñeiriños” (ou de unicamente unha parte, xa que o PXOM permite desenvolver o sector “por etapas”). No caso da área do sector coincidente co Monte Veciñal en Man Común de Cabral deberá argumentar o principio de “utilidade pública” ou “inteserese social prevalente” e basearse nas posibles infraestructuras ou equipamentos a realizar neste sector como pretexto expropiatorio. O seguinte paso que debería realizar o Concello de Vigo sería un Plan Parcial para o desenvolvemento da área na que se incluiría o solo clasificado e cualificado segundo as necesidades de Porto Cabral. Finalmente debería convocar un concurso público para a adxudicación dos terreos (non os pode adxudicar directamente a Eurofund Investments, o impulsor do proxecto) e, se non se presentase ningún outro operador, adxudicarllo.
Así, o proceso parte de que o propio PXOM asigna, nunha área dun Monte Veciñal en Man Común, un sector de desenvolvemento público no que non hai un interese público demostrado, (o que anularía ese sector do PXOM e implicaría a súa reformulación de ser levado aos tribunais); e continuaría, de ser xestionada do modo mencionado por parte do Concello, dunha actuación “a mala fe” xa que estaría expropiando baixo a figura de “utilidade pública” para logo vendelo para un uso que non ten dita utilidade. Deste modo podería entrarse no terreo da presunta prevaricación, xa que se estaría a impulsar un polígono cun fin suposto de utilidade pública ou de interese social prevalente a sabendas de que vai ser adxudicado a unha empresa  para realizar un parque comercial privado. (Un caso asimilable, aínda que non igual, é o da cidade deportiva de Valadares, xa chamada nos medios “do Celta” porque se quererían ceder terreos públicos, obtidos mediante expropiación a veciñxs de Valadares, á sociedade privada do R.C.Celta para a realización dun grande equipamento deportivo para a cidade: aínda que para isto sería necesario facer un concurso público aberto a todxs, os principais medios da cidade xa consideran que esta actuación pública cederíase de forma natural ao R.C.Celta por 50 ou 70 anos sen escandalizar a ninguén.)
Se este fose o escenario, sería un caso de lexislación feita ad hoc, realizada coa complicidade da empresa e da Administración, para promover o desenvolvemento dun parque privado fronte aos lexítimos intereses dunha institución de raigame en Galicia como son os Montes Veciñais en Man Común, que gozan da súa lexislación sectorial. Ningúnx xuízx debería admitir a declaración de Porto Cabral como de “utilidade pública ou de interese social prevalente”. Unicamente mediante os atallos expostos podería ser executado nun primeiro momento (co impacto ambiental consecuente no propio monte), mais finalmente debería ser desestimado nos tribunais. Pola súa idiosincrasia particular, un Monte Veciñal en Man Común non debería ser expropiado salvo en caso de utilidade pública manifesta.

[Ademais das repercusións ambientais e sobre o comercio local, o proxecto de Porto Cabral ten unha importancia estratéxica xa que a súa construción permitiría, polas cargas aplicadas ao sector de Liñeiriños no Plan Xeral, o inicio da cidade do deporte "do Celta" e da construción da "Ronda das parroquias", que proxecta atravesar boa parte do rururbano vigués.]