jueves, 5 de marzo de 2009

Dura aprendizaxe



Camilo Nogueira

Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004.

A vitoria do PP e a derrota do PSOE e do BNG nas eleicións deste 1 de marzo foron tan curtas en termos de voto popular (47,1% contra 46,5%) como grandes en significación política e estratéxica. Nos resultados puderon influir circunstancias externas como a crise económica e o tratamento dado á mesma polo Governo do Estado español ou as posicións belixerantes de medios de comunicación galegos e estatais. Mais creo que a causa última estivo na ausencia dun proxecto nacional mobilizador ou, sí se quer, na carencia dunha idea orientadora da acción común.

O traballo do Governo galego nen sequer incorporou obxectivos ambiciosos praticábeis no campo de posibilidades do actual Estatuto de Autonomía e do Orzamento disponíbel, tais como un decidido apoio ás familias para a superación da crise demográfica; a reforma da organización territorial, nunca empreendida; a recuperación e preservación da singular natureza do país; o reforzamento da presenza internacional da industria e das demais actividades produtivas; a potenciación do sistema educativo e da sanidade pública; a definición inequívoca dun aeroporto central e internacional; a normalización do uso da língua galega como lingua nacional e intercontinental ou o desenvolvimento da consciencia de Galiza como un país capaz de estar presente por sí mesmo no exterior, varrendo a ideoloxía da dependencia necesaria a respeito de Madrid…). O Governo debeu fuxir como do lume de que o reparto de consellarías entre as dúas organizacións dese lugar a unha irresponsábel despreocupación polas decisións tomadas polo outro compoñente do Executivo ou derivase na manifestación de desacordos recíprocos en materias sensíbeis e de grande repercusión pública, como ocorreu inclusivamente na proximidade do período eleitoral. Poden estar aí claves suficientes para explicar a derrota.

Dito isto, e xa no campo do nacionalismo, non se pode ignorar que os cativos resultados do BNG nestas eleicións constituiron a consecuencia última de decisións internas tomadas a partir de 2001, cando malia descender lixeiramente en voto popular, conservara a condición de segunda forza política conquistada en 1997. En 2001 acabara un ciclo eleitoral e social expansivo baseado na oposición aos Governos conservadores que dominaran as instituicións autonómicas desde 1981, coa paréntese de 1987-1989. Estaba aos ollos de todos a fonda mudanza que se producira en Galiza, no Estado español, na Unión Europea e na situación internacional. A sociedade galega pasara de agraria e rural a industrial e urbana. Todo obrigaba a unha reflexión renovadora para o nacionalismo galego conservar as posicións logradas e medrar. Unha parte do BNG así o defendeu.

Porén, as decisións tomadas discorreron por outros vieiros. Descualificaron ao Grupo Parlamentar cando comezaba o seu traballo e desvirtuaron o carácter e a imaxe do BNG, desembocando nunha sistemática caida eleitoral e nun certo isolamento social. A baixada, especialmente forte nos comicios autonómicos de 2005, non foi superada por unha participación no Governo autónomo que, posibilitada pola subida do PSOE, quixo apresentarse como a demonstración de que o nacionalismo galego vivía o mellor momento da súa historia.

Depois da dura aprendizaxe destes anos, o BNG debería facer o que ignorou en 2001: recuperar un propósito político ambicioso, democrático e de esquerdas para a maioria da sociedade, lonxe de tentacións acomodaticias ou intransixentes, vendo a Galiza como unha nación no mundo. Abrirse á sociedade galega, a tantos nacionalistas, máis que nunca, que non están no Bloque, deixando de constituir un espazo choido. Nese camiño non se deben pretender vitorias internas mecánicas, que reproducirían as causas do fracaso. Non debería ser preciso lembrar que se o PP e o PSOE son os partidos do Estado, tendo asegurada a súa reprodución, o BNG pertence ainda a unha nación sen Estado, dependendo o seu futuro dos militantes e da sociedade galega.

Agora a reflexión necesaria ten que integrar a todos.

No hay comentarios: