miércoles, 6 de febrero de 2013

LAXEIRO-UNHA CONVERSA A FONDO

O problema do azar na orixe da arte. ¿Nace ou faise  un pintor? Cezzanne dicía: "Soamente a forza inicial, ou sexa, o temperamento pode levar o obxectivo que busca".

Eu penso que a arte é unha cousa, que te atopas con ela sen darte conta, se cadra de pequeno na escola, debuxando, ou facendo, na casa, figuras de barro ou xiz, dunha maneira impulsiva sen decatarte do que fas.  A miña mestra, dona Teresa López, que foi a primeira mestra posta polo Estado na miña parroquia de Botos, veu en  min boas aptitudes para o debuxo e foi a primeira persoa que me falou dos grandes pintores, dos clásicos, de Goya, Velázquez, ...Ela  animábame a pintor, dábame lápises, cores e papeis. Animoume  a seguir traballando, a levar para adiante aquela semente que había nun rapaz de moi poucos anos. Penso que hai algo dentro dun cicais un veleno, unha enfermidade, unha arroutada, que te fai ser algo que che cae ben, que sentes e non podes evitar. Por iso son artista


¿QUE ARTISTA OU MOVEMENTOS ARTISTICOS CHAMARON A TUA ATENCION CANDO EMPEZACHES A PINTAR?

Non coñecía a ninguén, naquela época eu vivía illado nun mundo arcaico e labrego,  vivindo intensamente aquel mundo campesiño que tantos motivos me deu para traballar como temática e para afondar na miña identidade. Eu con catorce anos e por motivos familiares, por unha situación económica que nos afogaba, emigrei a Habana, onde emigrara meu pai. Fun con miña nai e miña irmá. Embarcamos na Coruña nun barco francés que se chamaba L´Espagne. Corría o ano 1921. Tiven unha viaxe inesquecible naquel barco cheo de emigrantes rusos, que fuxían dos atrancos de Primeira Guerra Mundial, xogando con aqueles meniños na cuberta, sen importarnos para nada a linguaxe, comunicándonos cos sorrisos e esa capacidade de comprensión que os rapaces teñen. Foi unha viaxe leda e fermosa, cicais, para ocultar a pena que nos anguriaba

Pois ben, alí en Cuba, coñecín aos primeiros artisas, foron Xesús Corredoira, que expoñía no "Diario da Marina", na Habana, e Ignacio Zuloaga, que expoñía na "Asociación da Prensa". Levoume meu pai.

Quedei  moi impresionado, lembro aínda as paisaxes de Corredoira, un home que era de Lugo e vivia en Santiago de Compostela, nelas vía as cores e leiras daquela Galicia que eu botaba de menos. Foros dúas exposicións moi positivas para min, pois empecei a ir a clase de debuxo no Centro Galego da Habana, baixo a dirección do profesor Moreiras, profesor tamén da Escola "Concepción Arenal"- Era un gran tipo, de orixe portuguesa e home de grande elegancia. Foi un estupendo mestre que me puxo en contacto co oficio de pintor. Eu  penso que eles foron os que me fixeron estremecer todo o que eu levo como pintor no meu cerne.   


TI VOLVES A GALICIA ÓS DEZASETE ANOS ¿COMO CONSEGUES IR A SAN FERNANDO NOS ANOS 32 E 33 E QUE SIGNIFICOU PARA TI?

No ano 1931 presenteime por primeira vez as becas convocadas pola Deputación de Pontevedra. Polo que dicía a xente que veu a mostra, eu posuía méritos suficientes para que ma concedesen, nembargantes non foi así. Funcinou coma sempre o caciquismo. Deste xeito enterouse o Alcalde de Lalin D. Manuel Ferreiro Panadeiro, que era tamén deputado por Lalín e a Estrada na Deputación provincial. Este home que nin me coñecía, chegou a Lalín  e o domingo seguinte, nun pleno do concello, faloulles ós concellais do meu caso. Propuxo que había que mandarme a Madrid a Escola de San Fernando no curso 1931-32, o que foi aprobado por toda a corporación. A beca estaba dotada con tres mil pesetas anuais, que por aquela era o soldo  dun oficial de Facenda.

Cos traballos feitos en Madrid de debuxo presenteime de novo  ás becas da Deputación no curso 1932-33. Convencín de tal xeito, que  malia ás cacicadas e comadreos, non tiverosn máis remedio que darme. No ano seguinte 33-34 os políticos de Lerroux, chamados radicais, aboliron as becas.

Así foi como puiden ir a Madrid, a asistir ás clases de San Fernando, onda tiven profesores de grande preparación. Tiven como profesor de debuxo a Menéndez, e de perspectiva a un tal Marín. Deume tamén clase Pinazo, o fillo do gran pintor valenciano. En  xiz, tiven ao Sr Garnelo, pintor de Historia. Na rama de modelado ao Sr- Crespín, que era secretario da escola.

Madrid significou moito para min como artista e como persoa, pois puiden facer realidade cousas coas que soñara de rapaz, ir ao Museo do Prado e descubrir a Tiziano, no cadro  "La venus del amor" con aqueles querubíns que todavía recordo;  Velázquez "las Meninas", o Greco, un pintorazo de carallo, Goya e as súas pinturas negras foros acontecementos inesquecibles.

     ¿COMO DIFERENCIARIAS, EN XERAL, A ARTE ESPAÑOAL FEITA ANTES E DESPOIS DA GUERRA CIVIL?

Cando eu estiven en San Fernando nos anos 32-33, na escola faciamos un traballo moi práctico- Pintar era un oficio e nós  aprendiamos dun xeito activo e con bastante liberdade. Había moito debate e participación, hoxe cando vexo os alumnos de Belas Artes con cartapacios cheos de libros e apuntes penso que estudian medicina ou avogacía.

HOUBO ALGUN SENTIDO DE RECUPERACION NACIONALISTA NOS PENSIONADOS POLA DEPUTACION DE PONTEVEDRA ¿SODES OU NON SODES "OS RENOVADORES?

En Madrid, non che falaban para nada de Galicia. Nós debuxabamos e pintabamos libremente, dándolle unha grande importancia á creatividade e á imaxinación. Interpretabámolas cousas de xeito individual, poñiamos a imaxinación ó servicio do que faciamos, cun sentido fondo de Galicia porque eramos campesiños e pintores. Cicais nese sentido alonxámonos doutras cousas  que se facían ó xeito académico. Para min  foi unha auténtica "renovación" ir polas noites á peña da "Granxa do Henar", onde se reunían  importantes galeguistas como Castelao, Suárez Picallo, Ramón Risco (catedrático da Facultade de medicina e deputado por Galicia), Otero Pedraio, Vilar Ponte, Alonso Ríos (deputado por Galicia),  e os irmáns Dieste, Eduardo e Rafael. Eduardo ademais de grande escritor era Cónsul de Uruguai en Madrid, e Rafael, o máis xove, era un  home  de ideas claras  sobre a estética, a literatura e a pintura, sendo máis válidos para min que todo o que aprendía na Escola de San Fernando. Penso que para min como para os outros bolseiros, Torres, Souto, Colmeiro, etc, a estadía en Madrid nos fixo sentila terra moi a fondo pero como dixen antes ó servicio da creatividade e da imaxinación. Cicais iso foi o que se chama renovación.  


A TUA PRIMEIRA EXPOSICION INDIVIDUAL TIVO LUGAR NA FACULTADE DE FILOLOXIA EN SANTIAGO DE COMPOSTELA NO ANO 1934 ¿QUE RECORDOS GARDAS DAQUEL FEITO?

Eu traballaba en Lalín, nun obradoiro que se chamaba o Hospitalillo, e alí seguín traballando cando voltei de Madrid. Fun visitado por varios catedráticos da Universidade de Santiago, era o ano 1934. Aeeptei en  facela exposición e cheguei a ela de milagre, xa que non tiña cartos para pagalo coche de línea de Lalín a Santiago, que por aquela custaba sete pesetas. Tiven unha forte liorta co revisor cando me pediu o billete, e  ó chegar a Santiago tiven que buscar a Carlos Maside para que me prestara os cartos. Iso si, acompañado do revisor e de dous policías de asalto. Maside tampouco tiña diñeiro e tivemos que pedirllo  á sua nai, a cal me deixou vintecinco pesetas, e puiden, asi, resolvelo caso.

Lémbrome tamén da axuda que me prestaou Luis Seoane, que viña de rematar a súa carreira de avogado. Foi comigo para axudarme a colgar os cadros. Este foi o primeiro encontro con Luis con quen anos máis tarde afondaría na miña estancia en Buenos Aires.

Foi unha exposición moi fermosa, moi visitada e ben criticada, pero non compraba cadros ninguén, nin a min,  nin a ningún novo, pero a cousa era xeral en España, só vendían uns cantos académicos, e en Galicia xan non digamos.

NO ANO CORENTE TRASLADÁCHESTE A PONTEVEDRA ¿COMO VIVICHES  A POSGUERRA? ¿COMO FOI A TUA VIDA COMO ARTISTA E COMO MILITANTE DO PARTIDO GALEGUISTA?

Eu estaba no  meu mellor momento, embalado dunha maneira tremenda, e veu a Guerra Civil, foi tremendo, estabamos iluminados polo sol e chegou unha noite pecha. Non sabiamos que facer, estabamos cheos de medo. Eu era membro do Partido Galeguista   e tiña medo de que viñesen  pasearme. Tiven a sorte de que non me pasou nada. Fun vivir a Pontevedra porque o  irmán do violinista Manolo Quiroga, que era arquitecto, me prometera unhas clases para as Escolas de Canteiros, e despois non fixo nada por min.

Logo Enrique Abascal, que era secretario do Instituto de Ensino Medio, nombroume profesor de traballos manuais. Fixen moitos traballos dos alumnos, e empecei a traballar en varios proxectos artísticos.

Pintei un mural chamado "o manantial da vida" no café Moderno, obra que hai poucos anos restaurei.

En Pontevedra non tiven problemas políticos, mais había unha Xunta depuradora, que me atopou afiliado ó Partido Galeguista e mandaronme unha citación. Eu  díxenlles que non sabía nada daquelo. Un xefe da Falanxe de Lalín, axudoume a evitar o problema, era un home decente e de grande humanidade. Cando chegou a ver a citación díxome que "limpara o cu con ela"

Antes de ir a Pontevedra  fun chamado a filas, e tiven que ir de soldado para a fronte de Asturias e cando levaba  tres meses no batallón, chamáronme de "orden Público" de Oviedo. Presenteime e o comandante díxome: "Es usted un poco rojillo".- Mire, usted, un poquitín si, pero no tanto como usted.-  Que dice usted, carajo!" Eu resposteille: "Usted de Azaña y masón". "Carajo, le voy a mandar fusilar" Eu levanteime, sudeino  e fun indo de vagar, paseniñamente. Eu sabía  que el era un militar afectado pola lei Azaña, e despois cando a guerra, Franco mandounos chamar a todos. Eu sabía que era roxo e masón. Máis tarde fíxenlle un retrato da súa nai.

En Pontevedra seguín traballando, vivía na rúa Michelena e nesa mesa rúa fixen algunha exposicion. Anos máis tarde, no corenta e sete fun vivir a Vigo, coa miña familia pois alí tiña máis facilidades para  desenvolver o meu traballo.

¿QUE IMPORTANCIA TEN PARA TI O ROMANICO E O BARROCO NA TUA OBRA? ¿CICAIS DE AÍ VEN ESE ENCHER O CADRO DE ELEMENTOS, ESE HORROR Ó BALEIRO? ¿A SENSACION DE QUE SEN ISO O CADRO ESTA BALEIRO?

Eu fun un gran estudioso do "Pórtico da Gloria", e aínda me seque gustando hoxe. Sen dúbida, iso influíu en min. Houbo outros antes de min que explotaron ese tema, por exemplo, Eiroa na súa escultura.  Era un esculturazo de carallo. Mataronno cunhas radiacións, que lle produciron un cancro. Era un tipo fortísimo, tiña unhas esculturas moi boas, lembro as súas maternidades e leiteiras. Penso que si, que por veces temos a necesidade en encher, inda que outras veces o baleiro  é  suficiente para expresar o que levamos dentro-

¿QUE INFLUENCIA TEN GOYA NA TUA OBRA? ¿CICAIS O MUNDO DAS PINTURAS NEGRAS,  E OS GRAVADOS DEIXARON EN TI UNHA FORTE IMPRESION?

A min interésanme as pinturas negras porque nelas hai relación co noso contexto. En Galicia tamén hai un mundo bastante goyesco presente no seu expresionismo. Eu fixen cadros como a "lección de aprender a matar" onde un cativo aprende a matar xogando con xoguetes, cunha carga de expresionismo feroz.

LAXEIRO, TI ADMIRAS TAMEN A REMBRANDT ¿QUE  SUPUXO ATOPARTE CON EN EN MADRID, NO PRADO,  E ANOS MAIS TARDE EN AMSTERDAM?

Eu tiven a sorte de ver en Amsterdam unha exposición del  con cinco mil obras, entre pinturas, gravados e debuxos, así como os seus propios textos escritos. O cadro que máis me influiu foi, un onde os soldados fan "un xuramento coas espadas". É un cadro que non sabes como está pintado, se con espátula, ou pincel, ten unha forza feroz, domina a luz como quere, metíaa por onde quería,  entre as pernas dos personaxes, sen haber bombillas, nin hostias. É un  gran cazoleiro da arte pero con unha grande mestría. Cousas miñas nas que fixen guerreiros e rondas nocturnas autenticamente galegas, fanme pensar en que Rembrandt pegoume forte.

PLATON DIICA "O ARTISTA E UN ELEMENTO EXCENTRICO EN TODA COMUNIDADE BEN FEITA, ORDENADA E IGUALITARIA. É UNHA EXCEPCION E POR ISO CONVERTESE EN CERTO MODO NUN PARASITO, PERO NON DO POBO, SENON DA ELITE" ¿ESTAS A FAVOR  OU EN CONTRA DESTA AFIRMACION?

Se non é parásito do pobo é por falta de cultura por iso eu estou co pobo. Cando analizas a Historia dos reis. , os Medicis, os Papas, e persoas de grande prestixio ves que sempre estaban asesorados por pintores de grande categoría,  e que case nunca se trabucaban nas súas accións artísticas e nas escolleitas que facían. Hoxe non pasa isto, nin  hai asesores nin pintores de grande categoría. Nesta sociedade boto de menos esos personaxes.
¿COMO NACEU O TEU INTERESE POLA COMPOSICIÓN RÁPICA E ESPONTÁNEA? ¿É ALGO INNATO OU OBEDECE A UNHA TÉCNICA PRECONCEBIDA?¿OU COMO DICIA FRANCIS BACON: "SONACHE UN CLIC QUE CHE FAI ACERTAR NAQUELO QUE INTENTAS REFLECTIR EXACTAMENTE?

Estou dacordo con iso, ese mesma cousa que estás facendo  suxíreche outra, e quédaste coa última. Eu nunca son escrvo do que estou facendo, deixo a imaxinación que funcione. Eu se cada estou facendo un cadro, que para min é bastante bo, penso no cadro que fixen, (paréceme que o cadro está en Madrid) chámase a "Morte do moneco". O moneco está con outros chorando, ese cadro xurdíume facendo un cadro moi grande e cando fun borrar, apareceu de súpeto este, sen pensar en facelo. Eu penso que actúo así porque non estou amarrado nin nas realidades nin na imaxinación, senón na suxerencia das cousas.

TI DEFINESTE COMO UN CAMPESIÑO GALEGO, OS TEUS TEMAS REFLECTAN A GALICIA QUE TI SENTES COA SÚA CARGA DE AMOR, PANTEÍSMO, SUPERSTICIÓN E ESPERPENTO. ¿ESTAS DE ACORDO CON ISTO? A TÚA CRIANZA EN BOTOS, AQUELAS FESTAS DE ENTROIDO, O CORPIÑO, LAS LENDAS, CANTIGAS E CONTOS DA AVOA SON A TÚA BASE ARGUMENTAL?

Estou de acordo, na miña casa vendíase viño, que meu pai traía do Ribeiro, na planta baixa, arredor da lareira, quentábanse os corpos e as tazas de viño ó rescoldo do lume. O sitio era propicio para contar historias e contos que me facían tremer. Tamén  lembro as cantigas e narracións da miña avoa, que aínda lembro hoxe. o señor Tacán, un vello taberneiro, que entre lusco e fusco, envolvíase na súa enorme capa negra, en convertíase en gato, asustándome e só paraba de chorar cando miña nai me levaba para o leito e quedaba durmido. Asi vivín de rapaz cheo de medo, de crenzas, de trasnos, aparecidos e bruxas. O pobo galego está enchico destas cousas e, sen dúbida, son parte da nosa base argumental.

 NESTA TEMÁTICA ESTA TAMÉN A TUA VIDA NA HABANA E BUENOS AIRES ¿QUE SIGNIFICARON PARA TI ESTAS DÚAS CIDADES, UNHA SENDO UN MOZO DE QUINCE ANOS E OUTRA CANDO ERAS UN ARTISTA FEITO?

Son dous pobos que eu amo moito, quero os cubanos e arxentinos, é xente boa, chegas alí e acollente dunha maneira bárbaro,  "te quedas acojonado".  Paseino ben por moitas razón. Na Habana estiven catro anos, desde o ano 1921 ata o 1925. Alí fíxenme pintor pois tiven a sorte como che dixen antes, de ir a clase de bebuxo e pintura, pero ademais tiven nese pouco tempo unha chea de vivencias daquela cultura afrocubana, das súas crenzas, do son e do ritmo, e tamén de aprender cun rapaz do meu barrio KID CHOCOLATE (campión do mundo de boxeo) a "fajarme" e a defenderme.  Traballei nunha fábrica de manteiga que se chamaba "el País",  despois traballei cun negro facendo publicidade polas rúas, traballei de toneleiro, e máis tarde  nuhna compañía chamada "Ballestero Hermanos", na sección de vidreiras chumbadas. Alí como debuxante de vidreiras dábanme catro dólares diarios que era un soldo moi bo. Neste momento puxenme mal de saúde e tiven que ingresar na quinta do Centro Galego, e de alí mandáronme a España para morrer, e xa ves acó estou. Cuba quedou prendida no meu corazón co seu cromatismo e ledicia de vivir e cunha carga misteriosa de ritmos e harmonías.

No ano 1951 marchei a Buenos Aires, invitado polo Centro Galego, co gallo dunha exposición de pinturas galegas.  Levei obras de Diaz Pardo, Prego de Oliver, Julia Minguillón, Carlos Maside e miñas. A mostra fíxose na Galería Velázquez en Buenos Aires. Tivo un grande éxito. Gustoume o país e alí quedei vinte anos, traballando e vivindo da pintura. Neste país marabilloso tiña algunhas raíces dos meus antepasados, alí están soterrados meu avó materno e tres irmáns de meu pai. Como ves teño co país arxentino profundos lazos. Eu penso que esto e maila acollida que tiven por parte dos fillos do país, refirome sobre todo aos pintores foron os causantes de que eu permanecera na Arxentina ata 1970.

mbrome da aperta que me deu  o gran pintor arxentino Enrique Larrañaga, que naquel intre era o Director da Academia de Belas Artes. Este home  presentáramo Colmeiro en Vigo, alá polo ano 1928, data en que ganara unha terceira medalla nacional en Madrid, e atopándose en Vigo para embarcar,  coñeceu unha  viguesa que o retivo na nosa cidade perante tres anos. Este pintor arxentino foi o  que me deu a primeira e auténtica lección de pintura nun estudio que tiña na rúa Policarpo Sanz, dicindome despois de verme os debuxos: "Ponte a pintar con color, se non tes cartos para comprar  óleo o podes facer con terras baratas e mesturando con cola de coello e auga, e empezas a manchar sobre papel. Se eres pintor xa che irá saíndo". Esta lección aínda a teño hoxe presente.

Pois, claro que a min valeume moito a miña estancia na Arxentina, porque cheguei a un país no que valoran a arte, e ademais cheguei cando os  arxentinos cultos empezaron a darse conta de que alí había moi bos pintores e empezaron a mercar obras de arte. Eu atopábame   alí como na miña terra.  Fixen moitas exposicións, fun Vicepresidente da Sociedade de Artistas Plásticos Arxentinos, gocei alí de grandes simpatías no ambiente artístico, dei charlas e conferencias en torno a pintura. Foi unha època moi boa  para o meu espírito e para  os meus sentimentos. Vivín a tope  e aquelas vivencias nunca as poderei esquecer. Si,  é certo, Buenos Aires foi un  xárope doce e inesquecible para min como home, como artista e como galego.

HOXE  Á MAÑÁ CON OITENTA E SEIS ANOS ESTABAS FACENDO EIQUÍ ENRIBA DA MESA UNS DEBUXOS, CUNHA GRANDE FACILIDADE. TI ES UN HOME QUE SEMPRE LEVAS A PLUMA CARGADA PARA ATACAR O PAPEL EN BRANCO, EU PENSO  QUE A FACILIDADE QUE TES NA COMPOSICION VÉN DA TÚA CAPACIDADE BEBUXÍSTICA. ¿QUE REPRESENTA  PARA LAXEIRO O DEBUXO, SABENDO QUE TI ERES UN DOS MAIS GRANDES DEBUXANTES DA ARTE ESPAÑOLA? 

Creo que  é a base para poder encontrar as cousas por calquera camiño que te metas. ¿Comprendes?. É a armazón para construir un cadro inda que sexa abstracto. Eu debuxo constantemente. E a miña  expresión preferida, non importa onde ou como, mesmo no taller, que no café sobre calquera papel ou pano da mesa. É unha actividade necesaria para o meu equilibrio como os versos para o poeta

¿QUE FOI O QUE TE ATRAEU DE PICASSO? SABENDO QUE TI ERES UN GRANDE ADMIRADOR DA SÚA OBRA

Picasso é unha figura clave para os pintores de hoxe, e un home que debuxa como Rembrandt ou calquera deses grandes homes; o máis asombroso  é cando desdebuxa, e cando compón. Ó mellor ponlle un ollo na barriga a unha figura e acerta, sempre queda ben. Iso débese a súa capacidade de debuxo.

¿COMO  EXPLICAS A EXISTENCIA NA TUA OBRA DUN ELEMENTO LIRICO, POR VECES, SAUDOSO, CHEO DE POESÍA CON OUTROS SARCÁSTICOS E VIOLENTOS?

Coido que eu nunca fago esas cousas tan profundas da vida. Eu xogo coas cousas, ás veces sáeme un traballo que parece que está feito con moito cariño, e outras saenme con mal leite, como feitos a patadas. Cicais, a vida sexa así, Fágoas desa maneira, sen pensar se hai violencia ou tenrura.

¿ACASO A POETICA LAXEIRIANA ESTA INFLUENCIADA POR ALGUEN? FUCHES MOI AMIGO DE LORCA, DE CELSO EMILIO, DE BRANCO AMOR, DE ALBERTI  ¿ALGUN DESES INFLUIU EN TI?

Eu como xa dixen ía  á tertulia de la "GRANXA DEL HENAR", en Madrid e alí coñecín a Lorca,  fun acompañado de Urbano Lugrís que traballaba con él  no teatro da Barraca, aprendín moito nestas tertulias. Con Celso Emilio tiña unha fonda amistade e con Eduardo Branco Amor e Rafael  Alberti convivín en multitude de actos en Buenos Aires. Non sei, se influiron en min, nembargantes  coñezo a súa poesía e tamén eu  por veces escribo algúns pensamentos nalgunha cuartilla dese grilo que me crica case tódolos días, como o cravo de Rosalía, ou a espiña de Machado.

        HAI UN PENSAMENTO DE CEZZANNE QUE DICIA: "O ARTISTA SÓ PODE DIRIXIRSE A UN NÚMEO LIMITADO DE XENTE. TEÑO 35 ANOS, E SÍNTOME MÁIS FORTE CÓS DEMAIS E CONTINUO TRABALLANDO, MAIS PARA ALCANZAR UNHA PERFECCIÓN ACABADA QUE É ABSOLUTAMENTE INVISIBLE ENTRE OS IMBÉCILES"  ¿QUE CHE PARECE? ¿ESTAS DE ACORDO QUE O ARTISTA NUNCA REMATA?

Si señor, é así, o artista nunca remata, nunca termina a súa obra. Estou  de acordo con Cezzanne. Hai moitos ignorantes.

¿QUE IMPORTANCIA TEN PARA TI O OFICIO, A TÉCNICA, A COCIÑA?

O suficiente si, pero para poñer esta técnica o servicio da imaxinación dun artista, senón quedaste no oficio. Ser artista é algo máis.

HERBERT RED DICIA QE O NENO NO SEU PRIMEIRO ESTADIO É UN ARTISTA SINTÉTICO E QUE O PINTOR EVOLUCIONA NESTE SENSO.  ¿E ERTO, NO TEU CASO,  ESTAS PINTANDO COA ALEGRÍA E A CAPACIDADE SINTÉTICA DUN NENO MÁIS A SABEDORÍA DOS ANOS?

Iso telo aí, é como facía Picasso e Miró. Eu sempre traballei cunha grande liberdade tanto no figurativo como no que fago agora. pero máis agora.  Unha vez Picasso foi invitado a inaugurar unha exposición de nenos en París. Alguén lle dixo que lle parecía, e Picasso respondeu: "Mire vostede se é dificil o que fan os nenos, que teño oitenta anos  e é cando empezo a facer estas cousas"

¿PODE SER PERIGOSA ESTA OBRA RÚA ÚLTIMA POLO REFLEXO QUE PODE TER DE DIVERTIMENTO E FACILIDADE APRA OS NOVOS VALORES? DÍGOCHE ISTO, PORQUE NA ÚLTIMA EXPOSICIÓN TÚA NA GALERÍA LEPINA, A OBRA EMOCIONOU SOBRE TODO ÓS PROFESIONAIS VETERANOS, QUE QUEDAN SORPRENDIDOS DA TÚA XUVENTUDE E ALEGRIA COMPOSIVA E CROMÁTICA

Eles, os novos, toparán os seus inconvenientes cando o queiran facer.  É bo que o intenten, que o fagan e  despois daranse conta do dificil que é, porque cando eu fago estes debuxos sempre están compostos e sentidos e dentro dun mundo equilibrado.  Hai poucos días, en Sansenxo, nunha galería mostráronme varios debuxos falsos. Eran horrorosos, malos como un raio e só os compra a xente que "sabe ben o que compra"  
 A TUA PINTURA A MEDIDA QUE PASAN OS NAOS É MÁIS "ACCIDENTAL" ¿REMATAS A OBRA COMO A PREVÉS, OU XORDE O ACCIDENTE E TRANSFORMAS O QUE PREVÍAS?

Deixome agarrar polo último, iso sempre me pasou, ese é o misterio que ten a arte da pintura, é un veleno que te ten metido aí  e que non podes esquivar. Eu son accidental porque me gusta xogar co que fago e disfruto ata o último minuro desa sensación. Sen embargo hai que traballar, a inspiración non existe. O accidente máis importante está no traballo

BRANCUSSI AFIRMABA: "CANDO DEIXAMOS DE SER NENOS XA ESTAMOS MORTOS" ¿CONECTA ISTO COA TUA IDEA DA CREACIÓN  E A TÚA ADMIRACIÓN POR MIRÓ?

É verdade, é outra cousa na que estou de acordo. Sinto admiración por Miró e o seu traballo.  É un mundo co que eu conecto, inda hoxe gustaríame xogar polas rúas á roda, como un rapaz. Eu non creo que teña oitenta e seis anos, paréceme unha coña,  paréceme que son un rapaz novo. Inda que estea morrendo pensao que non morro de vello, coido que morro de novo.  Sempre funciona a imaxinación, sen ela estás fodido

LAXEIRO ¿QUE LLE PIDES A VIDA NESTE INTRE? ¿CICAIS SEGUIR CRENDO NO HOME OU BUSCAS A DEUS ENTRE A NÉBOA COMO DICÍA MACHADO?

Eu non busco a Deus porque sei que se existe xa está aí e para que o vou buscar. Para min Deus é o que nos rodea, a humanidade, é unha chea de cousas, e un Deus vivo na intelixencia de cada persoa ¿comprendes? O que non se  pode é falar de Deus e despois ser un maldito. ¿non comprendes? E   non se pode estar falando mal dos que cren en Deus e despois ti que non cres tamén actúas como un maldito.  O que sala ós homes é a bondade e o perdón de tódalas cabronadas que che fagan. Iso é a miña maneira de pensar,  eu busco o fondo do home fronte á humanidade ¿comprendes? E a min, inda que me fagan unha cabronada grande, eu perdoo, porque ademais me parece que a miña idade non teño arrugas na cara, e penso que é pola miña capacidade de comprensión. Coido que  o malvado cando fai unha mala cousa, ou  está de mal leite, énchese de arrugas. Paréceme a min. Hai que perdoar e cando non podes facelo hay que matar. Eu son un home bo, pero, por exemplo, un home que violara unha filla miña, eu  pégolle catro tiros. Agora, se a conquista ben e fan o amor, eu aplaudo. Un tipo que fixera unha aldraxe asía estaba perdido comigo     
   
         ¿QUE REPRESENTA PARA TI A AMISTADE?

Eu nn teño ciumes de case nada na vida, agás da amistade, por un amigo fago o que sexa e como ti dis os amigos que teñamos comprobados con aneis de aeiro á alma temos que prendelos.

OS ARTISTAS TEDES UNA FACETA ESPECIAL, A LONXEVIDADE, AÍ TEMOS XUNTO A TI A COLMEIRO OU TORRES QUE PASAN DOS NOVENTA ANOS ¿A ARTE DA LONXEVIDADE?

Si, a arte alimenta, xa que encontras un mundo polo que ti voas como se foses un anxo. Non tes materialidade no te  corpo, só imaxinación. Es un home universal sen fronteiras. Superas os particularismos inda que levas unha maleta que che ai sobre o teu corpo e que che pesa moito, que é Galicia. Eu nunca esquecerei de ser galego

¿COMO ENCONTRAS Á ALTURA DOS TEUS ANOS A SOCIEDADE DE HOXE?

Eu creo que a muller está máis realizada hoxe en día que os homes. Ten  máis capacidade de adaptación. Mais vexo que as mulleres da miña época eran máis abertas que hoxe, tamén nas cousas do amor, máis libre no seu  mundo da aldea, no seu mundo campesiño. Sen embargo,  na aldea voltou para atrás é máis teatral, antes eran máis directas. Niso a muller urbana avanzou.
No meu tempo cando na aldea, unha muller tiña un fillo do seu mozo, un fillo do amor, era recoñecido por todos e se non casaba co seu mozo, en pouco tempo casaba, pero se o fillo non era do  amor, quela moza quedaba solteira para toda a vida ¿É cojonudo non?

¿QUE SIGNIFICAN PARA TI AS MULLERES?

Para min sempre foron moi importantes, fixéronme moito ben, sempre teñ o bos recordos delas. A min non me fixo mal  ninguhna, se acaso llo fixen eu, porque teño moito xenio, pero sempre me portei ben con elas, con moito respecto, inda que elas se portaron mellor  ca min.

Unha muller que sempre me quixo ben  foi a muller que teño, Luisa, a nai da miña filla Maruxa, sempre foi boa comigo, sen armar líos.  É unha muller chea de bo humor e cunha grande intelixencia. Sempre di que está ben, inda que por baixo a saúde lle falla un pouco

BEN, LAXEIRO TEMOS QUE REMATAR, QUEDACHE MOITO QUE TRABALLAR, E POR FACER, NOVAS EXPOSICIONS, A TUA FUNDACION  ¿COMO ESTAS DE ANIMOS?

Teó moitas ganas de traballar, vou pintar cadros para a Fundación, vou darlle o que necesite, teño moita ilusión, agora basta que a saúde me deixe. Inda  que penso que estou vivindo demasiados anos, por intres penso que vou irme, non entendo como puiden  chegar ós oitenta e seis anos e aqui me tes.  Vivo entre Lalín e Vigo cn amor á vida, enchendo os ollos deste paraíso que é GALICIA, que cada día sinto màis. TEMOS UNHA TERRA ÚNICA        






Pouco despois, o 21 de xullo de 1996- Laxeiro deixounos. O seu amigo Fernando Elorrieta,  autor de esta entrevistatamén nos deixaría tres anos despois,

Os dous son aguias que seguen a percorrer os ceos desta Galicia que tanto quixeron.

VERBAS PRONUNCIADAS POR FERNANDO ELORRIETA NO ENTERRO DO SEU AMIGO LAXEIRO

Podería dicir del cousas moi ledas
podería contarvos historias fantásticas, abraiantes,
cicais arrastrarvos por corredoiras feiticeiras
e facervos xogos de mans misteriosos,
facervos soñar despertos coa súa expresiòn de máxica presencia
Cicais todo eso podería
mais prefiro falarvos do home fondo e lanzal
das súas mans ennobrecidas pola estirpe do facer,
dos seus ollos  penetrantes, pescudadores, 
do seu mirar de amigable complicidade.
Podería retratarvos o seu rostro escamado
por besbellos de cunchas e lunares do tempo e do sol,
da súa coidada barba, broslada polos tons más tenros e suaves
do seu chapeu engaiolado
que cae a xeito na súa figura de cabaleiro.
Cicais tamén, do seu sorriso campesiño, artellando estructuras esenciais,
da súa voz clàsica de tenor ilusionado,
de narrador de contos, de sublime poeta, de bardo  namorado,
do  seu camiñar elegante e fachendoso,
do seu ritmo e harmonía.
 Falarvos das súas verbas máis sentidas: "Teño ciumes da amistede, daría todo por un home en paz,
hai que perdoar.
Perdoar, aguantar, sorrir, traballar,
crer no que un fai
loitar a cotío por cumplir a ilusión que nos arrastra.
Si, iso son eu.
Un loitador, un galego namorado da paisaxe,
un facedor de alquimias, un pasaxeiro
que foi deixandao sinais nos currunchos para todos vós.
lembradeo ben, para todos vós"

LAXEIRO, vello mestre, acouga.
Feliz aquel que coma ti deixa a vida namorado
pois  cabalgará sempre nos curros da nosa terra,
agullará os viños decaídos nas trousadas,
xurdirá sempre nas fiadas e muiñeiras,
beberá o mellor leite das nosas vacas rubias,
tocará chifros e buginas mariñeiras          

e  dará para todos nós  zucre de ambrosía.
Acouga, vello mestre, pedra nobre, laxe veteada,
de aristas cuarteadas pola vida
pedra nosa para sempre
laxe amada  









No hay comentarios: