El confesou que o quería era adicarse ó cine, pero o ano que el ía entrar na escola de cine esta pechou. Moitos din que as súas obras son "cinematográficas" que escribía coma se estivera mirando imaxen na pantalla.
Poño aqui a película SEMPRE XONXA do noso querido CHANO PIÑEIRO- Vidal Bolaño é o mestre
Roberto
Vidal Bolaño naceu en Santiago de Compostela en 1950 e faleceu na mesma cidade
en 2002. Formou
parte do denominado "Grupo Abrente" que, a partir da
década dos 70, renovou e actualizou tanto a escrita como as
representacións dramáticas galegas. Todas as súas actividades
xiraron sempre, e en exclusiva, arredor do teatro: desde a
creación do "Grupo Antroido", en 1975, até a súa
compañía actual "Teatro do Aquí", pasando pola breve
experiencia da cooperativa "Teatro do Estaribel". En
1978 deu o paso definitivo que levou ás xentes do teatro galego
a se transformaren en profisionais, superando de vez a pantasma
de "amador" que pairara sempre sobre a historia do noso
teatro.
A súa produción está
caracterizada polo compromiso co país e a lingua, a
experimentación estética, e o diálogo coa tradición, tanto
culta como popular, literaria e histórica, social e política. O
feito de que Vidal Bolaño escribise para a súa compañía, coa
urxencia que esixe a obrigada estrea anual e a atención dedicada
ao texto espectacular, non empeceu en absoluto a calidade
literaria dos seus textos dramáticos, nos que as resonancias de
Otero Pedrayo e Valle Inclán se transforman en esmaltes que
enriquecen a súa literatura e agasallan ao lector.
A pesar de que xa nas décadas dos
setenta e oitenta lograra diversos premios ("Abrente",
"O Facho" e "Ciudad de Valladolid"), como
aconteceu con outros integrantes do "Grupo Abrente", o
recoñecemento artístico de Vidal Bolaño non se produciu até os
anos noventa, cando a obtención de premios institucionais,
galegos e portugueses ("Rafael Dieste", "Alvaro
Cunqueiro", "Xacobeo 92", "Eixo
Atlántico", "María Casares"...), normalizou
tanto a publicación das súas obras como o seu coñecemento por
parte da prensa e, en consequencia, do público.
A súa forte personalidade deixou
unha profunda pegada nos dramaturgos máis novos, cuxas
consecuencias se verán co trancorrer do tempo.
A figura e a obra de Roberto Vidal
Bolaño foron fundamentais na construción dun teatro nacional
galego.
“...Porque Lois era sempre o que ía diante. Daba a sensación de que manexaba unha radiofonía secreta e que as cousas que valían a pena no mundo o tiñan elixido a íl como primeiro depositario, ao igual que os tesouros antigos estaban protexidos por un ‘encanto’. Aprendemos algo daquela. Non había que se preocupar polas modas. O que cumpría era seguirlle os pasos a Lois. Escoitar a súa música. Ler os seus libros. Ver as súas peliculas. Telo ao lado para espantar o frío. Non había nel nada de guru. Era só un rapaz enxoito e desperto que andaba ás zancadas pola beira curiosa da vida, con aquel seu abrigo que parecía herdado de Samuel Beckett.” “...
Declaración
Amarte vida, amarte case sempre,
inda que sexas dura e leves entremedias
piedade e odio intermitentemente.
Es ti a que sempre educas e aceleras
a doenza letal dos que non se resignan
a ignorar como es en realidade:
somentes un traxecto
cómodo e aldraxante cara a morte,
un tránsito inútil e innecesario.
Pero a ignorancia salva ós que non queren
arriscarse a perderte tan axiña
a cambio da renuncia a profanarte.
“...Pero quen pense nun Lois refuxiado en si mesmo ou rabiosamente introvertido vai moi equivocado. Era un revolucionario. Un verdadeiro anarquista, alérxico a todo tipo de opresión. A súa mirada, con esa mestura luminosa de intelixencia e humor, deixaba nuo a calquera emperador. Manexaba a ironía como un esconxuro. E non perdía moito tempo cos miserables que nolo rouban. O seu carácter brillaba polos kilates de tenrura que destinaba aos seus, a todo aquilo que el tanto quería. Hai unha estreita relación entre a dor e a desolación que expresan os seus poemas e o seu engado polos “marabillosos detalles” que conforman ese froito perecedoiro chamado vida. Como un menciñeiro, nomeaba o mal para mantelo a raia.”
Manuel Rivas
Mala Sorte
E por primeira vez desde que souben
que aínda respiraba e seguía vivo
sei o que é sentir medo a non estalo
Interrompido na mellor escea
cando estaba soñando un soño dérmico
de paixón e de beleza
cunha serea distancia literaria e sabia
só ela podía ser tan inoportuna
groseira inculta e pouco delicada
chamándome despois de ter sobrevivido
á confortable atracción do fracaso
e saber dunha vez o que era a vida
amar e ser amado.
“Morreu poucos meses despois, o 24 de maio de 1996, no cuarto 627 do daquela Hospital Juan Canalejo, o mesmo día no que se fixo pública a sentenza do caso da colza, o veleno que lastrou a súa vida. A familia aínda tivo que demostrar nos tribunais que morrera por esa causa para ter dereito a unha axuda por falecemento. No seu úlitmo recital, o 31 de xaneiro dixo en público que quería ser enterrado no cemiterio de Santa Cristiña. Despedírono alí, onde repousaban o avó Hermenegildo e o tío Pepe, mortos aos 41 anos, a familia e os amigos ao son das gaitas tocando “A marcha do Antigo Reino de Galicia”. Descansa tralo epitafio que propuxo no seu último poema”:
“Cuspídeme enriba cando pasedes diante do lugar onde repouse enviándome unha húmida mensaxe de vida e de furia necesaria”.
Contra a morte!, o amor que vai conmigo; contra o tempo que remata!, o voso tempo;
contra o loito!, o desexo; contra o mundo!, unha bomba meditada; contra min!,
ser o mesmo que fun e que non era eu mesmo…
Sería a luz que me alagaba os ollos da vida roubada á morte veciña pero todos me apalpaban incrédulos colléndome das mans. Todos aqueles que me amaran morto amábanme máis vivo. Abríranse dúas portas en direccións opostas e escollín a que abría cara á vida co sol entrando a eito polas fiestras. Tería que reanudarme e regresar á miña propia vida sen contaxiarme outra vez de min mesmo. Retocaría o guión e mudaría outra vez de personaxe retomando a perdida aprendizaxe
(Contra a morte, o amor que vai conmigo)
Dos días que reserva para min o destino
cada unha das súas noites por vivir
sería a derradeira
a única esencial
se puidese vivirte a ti tamén
trasnoitado sobre o teu corpo en calma
cohabitando os teus soños
sobrevivido á miña inexistencia
soñado nas túas noites
ou prorrogado en ti.
O corredor de fondo perde o alento fuxindo dunha vida inzada de renuncias da súa liturxia obesa e oleosa, mediocre nos seus comunais fracasos, bágoas de xelo, indignación contida non deu chegado a tempo de exercer a súa rebelión, nin de levar a cabo a súa vinganza definitiva contra un mundo inxusto, homicida, e cruel, pola inutilidade da súa propia vida solitario, enfermo e fatigado, a morte anticipouse e chegou antes.
Somentes
intentaba conseguir
deixar na terra
algo de min que me sobrevivise
sabendo que deberia ter sabido
impedirme a min mesmo
descubrir que só fun un interludio
atroz entre dous muros de silencio
só puiden evitar vivindo á sombra
inocularlle para sempre a quen amaba
doses letais do amor que envelenaba
a súa alma cunha dor eterna
sustituíndo o desexo polo exilio
iniciei a viaxe sen retorno
deixándome levar sen resistencia
ó fondo dunha interna
aniquilación chea de nostalxia.
Tristemente convivo coa túa ausencia sobrevivo á distancia que nos nega mentres bordeo a fronteira entre dous mundos sen decidir cal deles pode darme a calma que me esixo para amarte sen sufrir pola túa indiferencia a miña retirada preventiva dunha batalla que xa sei perdida resolto a non entrar xamais en ti pero non á tortura de evitarte.