viernes, 18 de abril de 2014

MERLIN E FAMILIA



Hoy que estamos todos recordando a GARCÍA MARQUEZ- yo os voy a poner algo de ALVARO CUNQUEIRO

A CASA DE MERLIN- del libro- MERLIN E FAMILIA


O señor Merlín, asegún se sabe  polas historias, era fillo de solteira e de nación allea, e veu herdado pra Miranda por unha tía segunda por parte de nai; pro facía disto tanto tempo que ninguén se lembraba do feito. Solo unha vella camareira de Quintás facía algo de memoria, de que sendo nena levárona ao enterro dunha señora de Miranda, e tralo crego de Reigosa, que cantaba mui ben, iba don Merlín vestido de negro, agás unha gran bufanda colorada, e xa daquela tiña mi amo a barba branca.


 Tamén facía memoria a vella de que iba no enterro o conde de Belvís cunha gorra de plumas, i o seu enano de portacolas, e que viñeran mulleres de Lugo facer o pranto, i as máis mozas delas iban descalzas de pé e perna. Por don Merlín non pasaban anos, e disto queixábase coma dunha horamá, pro poucas veces, que o ser dil era aparentar mui franco i aberto, contento do mundo e parrafeador, e sorría mui doado: axudábanlle a ser franco os ollos craros, i aquela súa fronte levantada e señora, i hastra o aquel que tiña de aloumiñala coa man dereita cando che falaba. Era de poucas carnes, pro mui estribado no seu e garrido, e mui andador. Pro agora non iba a contar do señor Merlín, senón a facelo prospeito da súa casa, cando eu vivía en Miranda, posto de mozo de pasamán por once pesos  ao ano e mantido, as zocas que gastase i os remontados de chaqueta e calzón amén de catro pares de medias por aninovo, dous brancos e dous negros.

A primeira casa, despoixas de don Merlín, era mi ama doña Ginebra. Era unha señora mui sentada, verá e inverno coa súa peleriña negra do país, e prendía algo de fala. Tiña un pelo loiro mui fermoso e longo, que recollía nun grande moño, e nunca vin pel tan branca como a súa. Outa, e máis ben gorda, tiña un gran andar, i era mui graciosa de seu no mando, algo súpeta eso si e por veces  seca, pro mui mantedora da xente e do gado. Cáseque non saía da casa, e pola serán sentábase no salón, a carón do balcón grande, a bordar nun gran pano que iba envolvendo a poucos arredor duha cana de prata.

En inverno gastaba mitós de lá, e polo verán de fío branco, mui calados e con froliñas bordadas.  De cando en vez paraba de bordar pra rascarse o lombo cunha manciña de buxo que tiña, montada nunha variña de avelán. Algo de tristura coido eu que levaba aquela señora Ginebra nos seus ollos mouros, e si che sorría, que non era cada e cando, era como si pedise a esmola de que ti sorrises tamén. Decían que era viuda dun grande rei que morreu na guerra, e que tivo a noticia por un corvo cando estaba en Miranda probando un peite de ouro. De señorío era, e don Merlín señoreaba ao falarlle, e na cociña non poñía mán, coma non fora pra facer a colineta os días de festa. A min tomoume lei, i os domingos  pranchábame un pano branco pra que me sonase na misa. Cando viña a Miranda xente de copete, subían os hóspedes ao salón e bicábanlle a man, e doña Ginebra ensibáballes o bordado, desenrolando o pano da cana de prata, i eu lémbrome do señor Deán de Santiago, cando veu a Miranda a mercar o quebranoces, coas antiparras postas lendo no bordado, decíndolle a mi ama que atopaba ao señor Tristán mui parecido e que doña Oriana cáseque falaba


Eu estaba na porta do salón esperando permiso pra ofrecerlle a ¨Súa Señoría un vasiño de viño Getafe con Biscoitos rizados.

A Man dos traballos quén a levaba era Marcelina, unha camareira de obra de corenta anos, regorda e pequeneira, mui colorada, gran faladora e tíñana por cociñeira de mérito. Tiña man de todo,  dos traballos da casa, da facenda grande e da  miuda, das criadas e da labranza,  da feira e dos pagos.  Engalanábase moito cosas novidades, e cando viña un señorito de visita, anque fora un algaribo, ficaba dil  namorada por un mes. Pasaba por parenta do amo e sobriña do escribano de  Azúmara, i o que máis lle gostaba, despóis de que lle chamaran doña Marcelina, era que a créran no segredo dos que iban a viñan onda o señor Merlín.
-Ise cabaleiro que veu á noitiña era un correo  de El Rei de Francia, que ten medo que lle malpaira unha filla. Coñecino pola espora moura i unha chave de prata que traía no cinto.

Todo sabía Marcelina, tódalas señas dos que iban e viñan, i os sete parceres que hai en cada historia. Pra min foi boa madriña  no que latricaba bulrándome de que eu andaba depenincando nas mozas.


Pra o cabalo Turpín e pra os cás Ney e Norés, e máis pra ir a Meira e mandados, inxerir as cerdeiras  e termar dos obreiros que viñan ás labouras, estaba Xosé do Cairo, que era un mozo mui outo  i escanabeirado, do pelo  mui brizo, os ollos  pequenos e chiscos muy bulrento;  en home de tanta guinda pasmaban as mans pequenas i amadamadas que tiña, i era mañoso pra calquer argallada, e tamén tolo pola caza... Polo bulrento, non amistaba moito coa xente. Pro era destemido, e igoal saía con noite pecha pra Lugo, atallando pola fraga de Eirís, onde tódolos días o lobo saúda á xente. O can Ney  durmía aos pes da súa cama, i a min comezoume a mirar ben cando o Norés, un  can lontreiro, mouro como a noite, pro coa gracia de ter as bragas brancas, revirado pra os  alléos e mui solto pra os da casa, dou en vir ao meu camarote a facer noite.

Eu adormecíame mui ben co aquel seu  roncor seguido. Xosé do Cairo, fora da argallada das súas bulras, era un home calado. Comía á mesa cos señores nas festas,  e quitáballe de mala gana a pucha aos cregos.

Despois viñan  Manueliña de Cairos, co seu pelo roxo i a súa boca pequena,  quentes os beizos coma a leite cando acaban de muxir, que axudaba  na cociña e no trato da casa, e Casilda, que fora moza do cego de Outes, e coidaba a facenda i a horta. E despóis viña eu, que estaba ao mando so señor Merlín.

A casa estaba no outo de Miranda, i era grande e ben tallada, con un balcón sober do camiño de Meira e solana  á cara do sol, e pegado á casa o forno de mi amo, que tiña asemade dúas cámaras e por detráis unha corte  prás bestas dos visitantes, que ista era do meu coidado, tanto pra estar coma pra arrendar as égoas i os cabalos.  Na cámara grande do forno, sentado no sillón de veludo verde, léndo no atril os libros das historias, recibía don Merlín aos hóspedes. Na gaiola de vidro asubiaba o escornabói, e da redoma do bálsamo de bierabrás pingaba pola billa de buxo dourado de Monterroso, no vasiño de prata, o roxo e perfumado licor, Eu,  cabo do atril. coa palmatoria na mán,  na que ardía a vela de cera dos trobos de Belvís, seguía atente  o dedo de don Merlín, que iba polas follas dos libros segredos, rego a rego, soletreando os miragres do mundo. O gato Cerís, un gato albino e cego, viña deitarse aos meus pes


No hay comentarios: