viernes, 23 de octubre de 2009

18 obras no certame de vídeo Secuencia Cero de Vigo


TERESA CUÍÑAS

A efervescencia da narración audiovisual concentrada en menos de 30 minutos. Con esa única premisa, 18 obras audiovisuais concorren no certame de vídeo Secuencia Cero, que desde onte atravesa a súa sexta edición. As pezas finalistas, seleccionadas de entre os máis de 200 traballos remitidos desde todo o Estado, proxéctanse ata mañá sábado no Museo Verbum de Samil (a partir das 19.15 horas).


Cada vez é maior a presenza de creacións de carácter documental

Ademais da presenza de curtametraxes de ficción, os organizadores do festival salientan o número crecente de propostas de carácter documental, así como de videocreacións. "Para configurar o programa, non nos importa tanto a técnica como que a historia sexa orixinal ou estea ben contada", explica unha das directoras de Secuencia Cero, Inés Elorrieta, quen, á súa vez, asina como HeyJuddy! a videoinstalación que recibe aos espectadores do certame no vestíbulo do museo. No feixe de argumentos que chegan á pantalla, conviven relatos sobre o cotián con matices diferentes, como as présas da vida nunha gran cidade que retrata León Simiani nos doce minutos de El tránsito; a homenaxe ás salas de cine en vías de extinción en La sortie, de Chus Domínguez; e varios enfoques sobre sentimentos con tintes existenciais, como Doppelgänger, de Óscar de Julián, a propósito de dúas vidas cruzadas.

A idea que se convertiu en festival naceu a partir da asistencia a un curso de vídeo, hai anos. "Alí coincidimos un grupo de persoas con inquedanzas neste eido e formamos o colectivo Secuencia Cero; o proxecto de crear un certame xurdiu da necesidade de ter un espazo para amosar esta caste de pezas, propias e alleas, que adoitan ter pouca visibilidade", indica Elorrieta. Desde o seu nacemento, no Centro Cívico de Teis, onde se celebraron as catro primeiras edicións, o evento foi medrando paseniño grazas ao tesón dos organizadores. "Ao comezo perdiamos cartos porque todo saía dos nosos petos; agora seguimos poñendo o noso traballo, pero coas subvencións que fomos conseguindo e coa participación altruista dos nosos colaboradores podemos saír adiante".

Na noite do sábado, un concerto dos vigueses Alféizar no Verbum Jazz Café, con entrada libre ao igual que as proxeccións, clausurará o concurso que, en troques de premios en metálico, entregará unha obra de arte a cada un dos gañadores das tres categorías (curtametraxe, documentario e videocreación). O Trofeo Castaña, que cada ano é cedido gratuitamente por un artista, consiste nesta ocasión nunha peza orixinal do pintor Darío Basso (Caracas, 1966), quen realizou para Secuencia Cero tres debuxos acrílicos sobre papel

No hay comentarios: